A CIG reivindica o "dereito á folga" tras quedar visto para sentenza o xuízo pola demanda de Navantia

Mobilización da CIG ante os xulgados de Ferrol CC-BY-SA CIG

O xulgado do social número dous de Ferrol deixou este xoves visto para sentenza a vista pola demanda interposta por Navantia contra o sindicato CIG e o comité de folga polo paro de 22 días que no mes de outubro pasado convocou a central para esixir o cumprimento dos acordos salariais e laborais pactados en 2001. 

A CIG concentrouse ante os xulgados para denunciar "os intentos de criminalizar a loita obreira"

Coincidindo coa celebración do xuízo, delegadas e delegados da CIG concentráronse ante os xulgados "en defensa do dereito á folga" e contra "os intentos de criminalizar a loita obreira". Pola contra, os avogados de Navantia argumentan que o obxectivo do paro era o de paralizar a fábrica, polo que reclaman que se declare ilegal e intentan evitar que se dea un "sobreuso" dese dereito. 

"Vimos aquí reivindicar que o dereito á folga é un dereito fundamental e que Navantia, por moi poderosa que sexa, nin nos vai asustar nin vai impedir con demostracións deste tipo que defendamos o dereito á folga e o que fixemos ou teñamos que facer na nosa acción sindical para protexer os dereitos da clase traballadora", dixo ante a sede xudicial o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Ademais, cualificou de "esperpento" ao intentar a empresa que o persoal apareza "como denunciado por faacer valer os seus dereitos".  

Para a CIG, os intentos de Navantia por declarar a folga das auxiliares como ilegal ou abusiva teñen como obxectivo "criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das subcontratas", que en outubro do pasado ano secundaron masivamente durante 22 días unha folga para "reivindicar o cumprimento dos acordos salariais e laborais de 2001, a súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia, e rematar así coa precariedade laboral instalada neste sector".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.