"No enchido dos lagos das Pontes e Cerceda dáse un modelo de comunicación hermético e paternalista"

Central Térmica das Pontes CC-BY-SA luscofusto

O pasado mes de febreiro o sociólogo Xaquín Pérez-Sindín López (As Pontes, 1979) obtivo a prestixiosa bolsa europea Marie Curie, que recoñeceu o valor das súas investigacións, centradas nos efectos sociais da minaría. A súa tese de doutoramento (Megaproyectos y comunidad: impacto de un proyecto minero-eléctrico a gran escala desde una perspectiva sociológica), presentada en 2015, afondaba en concreto nos impactos provocados pola mina das Pontes (en activo durante tres décadas, ata 2007) sobre a poboación residente nesta vila e o proxecto de recuperación da contorna unha vez que a mina pechou. Integrante do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC, dende o ano 2011 é profesor na universidade polaca de Gdansk. Agora, a Marie Curie permitirá continuar as súas investigacións entre Dinamarca e Colombia, afondando sobre todo nos efectos das actividades extractivas neste país latinoamericano.

Na tese estudas os efectos que a actividade mineira e da central térmica tiveron nas Pontes, semellantes aos doutras boomtowns [poboacións que experimentaron un crecemento rápido por algún ou outro factor]. Cales son eses efectos, en termos xerais?

Na maioría dos casos, este tipo de proxectos teñen lugar en zonas rurais remotas que acaban por duplicar ou triplicar a súa poboación debido ao crecemento explosivo de oportunidades de emprego no campo da construción e extracción enerxética. A diferenza dos crecementos demográficos normais, este tipo de booms estimulan o fluxo de poboación nova masculina con altos salarios e poucas raíces na comunidade e que ou ben se desprazan a diario desde localidades próximas ou ben residen de forma temporal. Así, a socioloxía rural americana apunta a que estes cambios demográficos poden derivar en desequilibrios no rateo homes/mulleres, unha ruptura dos patróns de interacción social e un dano na fábrica social. Igualmente, na maioría dos casos, as comunidades non teñen o capital institucional e as infraestruturas suficientes como para acoller os novos fluxos de poboación, podendo derivar en estados de crise e incapacidade para afrontar problemas sociais como aumento do crime, abuso de substancias aditivas e problemas de saúde mental. 

"Tres estudos científicos sinalan As Pontes como un dos lugares con maior risco de suicidio durante os anos que suceden ao boom mineiro-eléctrico"

O acontecido nas Pontes vén constatar algúns destes impactos, especialmente no referente ao boom demográfico e os problemas de subministro de servizos básicos nos primeiros anos. O número de asociacións durante os anos de máximo crecemento demográfico mantense a niveis moi baixos cando se compara con concellos próximos de igual tamaño ou coa media galega e española durante os mesmos anos. Este dato é moi significativo na medida en que a existencia de organizacións sociais adoita ser un indicador de protección social. É dicir, o problema dos rápidos procesos de industrialización rural como o vivido nas Pontes non radica necesariamente na desaparición de formas de solidariedade social como a familia tradicional ou a importancia dos lugares e aldeas como fontes de socialización e protección. O verdadeiro problema xorde cando estas institucións non son substituídas por institucións propias de sociedades modernas como poden ser as asociacións veciñais, grupos de apoio, sindicatos ou, simplemente grupos de interese. Este dato estanos a falar dun maior risco de padecer o que na socioloxía clásica se coñece como anomia, é dicir, unha situación na cal a sociedade é incapaz de proporcionar un mínimo de orientación moral aos individuos que a compoñen. Na miña tese fágome eco da existencia de ata tres estudos científicos realizados por institucións diferentes nos que sinalan As Pontes como un dos lugares con maior risco de suicidio durante os anos que suceden ao boom mineiro-eléctrico.

"Os labores de construción van atraer a moita man de obra non especializada que acaba por abandonar o mundo agrario, incapaz de competir en termos de salario. Cando a situación se normaliza tras o boom, os problemas de desemprego persisten e aparece o conflito"

Na tese fas especial fincapé na creación dunha sociedade desigual, cunha mellora das condicións de vida dunha parte da poboación. Xerouse nas Pontes unha fronteira entre ser de Endesa vs non ser de Endesa?

As raíces da categorización "ser de Endesa" vs. "non ser de Endesa" hai que atopalas nas políticas industrialistas implementadas desde os anos 40 no rural galego e que debido á súa magnitude, fan das Pontes un caso verdadeiramente paradigmático. No contexto da segunda guerra mundial e autarquía, o Estado Franquista, por medio do Instituto Nacional de Industria, vai construír nas Pontes unha fábrica de combustibles líquidos que, finalmente, e debido á irracionalidade do investimento -apuntada por diversos historiadores- acabaría por converterse nunha fábrica de fertilizantes. Co fin de acoller a enxeñeiros e traballadores, o INI constrúe ás aforas da vila unha das primeiras cidades planificadas de Galicia acorde ao modelo de cidade xardín. A segregación nos primeiros anos era absoluta e reflectía á perfección a coexistencia de dous mundos completamente alleos o un do outro. Por unha banda, a vila das Pontes, máis vinculada ao sector agro-comercial e con certa centralidade no mercado interrexional do norte de Galicia. Por outra banda, o poboado do INI, vinculado á nova industria e que, ao estar dotado de todo tipo de servizos, facía innecesario achegarse á vila.

A segregación vai desaparecendo co paso dos anos, ata que nos setenta se constrúe a gran central térmica e a historia repítese, pero a maior escala. A necesidade de traballadores especializados fai que moitos dos postos de traballo non sexan cubertos por locais. Sociólogos como Summer e Kristi Branch chegan a demostrar, tras o estudo de 245 grandes plantas manufactureiras nos Estados Unidos, que non só o desemprego local persiste, senón que a economía pre-boom se ve fortemente danada. Algo así tería sucedido no caso das Pontes. Os labores de construción van atraer a moita man de obra non especializada que acaba por abandonar o mundo agrario, incapaz de competir en termos de salario. Cando a situación se normaliza tras o boom, os problemas de desemprego persisten e aparece o conflito.

"Xorde unha especie de carreira por facerse un oco na central ou mina. A debilidade da sociedade civil e do movemento sindical daquela época vai facer que esa loita se lide, principalmente, a nivel individual, creando así un caldo de cultivo para as relacións caciquís e os tratos de favor"

Os oitenta foron anos moi convulsos nas Pontes e a loita por democratizar os beneficios da produción enerxética trasládase a todas as esferas da sociedade. Xorde, en primeiro lugar, unha especie de carreira por facerse un oco na central ou mina. A debilidade da sociedade civil e do movemento sindical daquela época vai facer que esa loita se lide, principalmente, a nivel individual, creando así un caldo de cultivo para as relacións caciquís e os tratos de favor. Mesmo algúns dos entrevistados no traballo de campo relatan situacións de chantaxe por parte daqueles que tiñan capacidade de contratar, como requirir diñeiro ou mesmo manter relacións sexuais coa parella a cambio dun posto de traballo. No plano político, xorde un partido de corte localista coa consigna de defender os dereitos do pobo e cunha actitude belixerante con Endesa que acaba por auparse ao poder a finais dos oitenta, sinal inequívoco do conflito social subxacente. Co paso do tempo, hai unha maior cohesión en termos identitarios pero persisten ou mesmo se incrementan as diferenzas económicas. Moitos logros sociais non reverteron no conxunto da sociedade, mentres que a crise fixo florecer se cabe máis aínda as diferenzas e moitos dos entrevistados falan de agravio comparativo.

"Este tipo de proxectos requiren dunha gran celeridade debido ás flutuacións dos custos da materia prima nos mercados internacionais, polo que democratizar a súa execución podería facelos inviables"

Estas desigualdades, esa creación dunha illa económica, son inevitables neste tipo de megaproxectos?

Esta pregunta non ten unha fácil resposta. Existe, en efecto, unha ampla literatura sobre políticas de intervención nestes casos, incluíndo maior transparencia, participación comunitaria, sistemas fiscais alternativos, programas de capacitación agraria, ou programas de formación profesional para mellorar a empregabilidade da poboación local. Isto podería ter evitado os efectos vividos en casos como o das Pontes e mesmo revitalizar outros sectores. Pero na práctica este tipo de medidas requiren de tempo e compromiso e non está claro que sexan compatibles coa propia actividade extractiva. Este tipo de proxectos requiren dunha gran celeridade debido ás flutuacións dos custos da materia prima nos mercados internacionais, polo que democratizar a súa execución podería facelos inviables. Noutras palabras, se a empresa tivese que asumir os custos sociais, económicos e medioambientais tanto directos como indirectos, o negocio podería non ser rendible. É por ese motivo que o que ocorre en moitos casos é simplemente unha desigual redistribución da riqueza, alén da acumulación de capital en mans das empresas promotoras. Hai quen resume isto cunha soa palabra: capitalismo.

"A represión vivida durante a guerra e posguerra, así como as políticas industrialistas implementadas desde entón acabarían por desgastar a economía local ata a súa case desarticulación no momento en que comeza a construción da central térmica"

O máis prexudicado pola actividade mineira e industrial ligada á planta foi a produción do sector primario?

Máis ben habería que falar dun cambio radical no modelo produtivo. Ata os anos 40 do século pasado a economía local non presentaba grandes diferenzas con relación a outras vilas galegas de igual tamaño, é dicir, sector primario e unha relativa importancia do sector agro-comercial. Non só iso, As Pontes, ao igual que boa parte do norte de Galicia, foi unha das zonas onde tivo máis incidencia a corrente de modernización agraria do agrarismo, como proba a importancia que chegou a acadar o sindicalismo agrario ou a posta en marcha de proxectos agro-industriais. A represión vivida durante a guerra e posguerra, así como as políticas industrialistas implementadas desde entón acabarían por desgastar a economía local ata a súa case desarticulación no momento en que comeza a construción da central térmica. En realidade, o acontecido nas Pontes habería que encadralo dentro nun fenómeno máis amplo a nivel galego, no que estaría incluída a construción de pantanos e grandes fábricas en zonas rurais desde os anos 40-50, polo que as conclusións extraídas neste caso tan paradigmático deberían servir para comprender o atraso económico de moitas comarcas do interior de Galicia.

"As políticas de incentivos fiscais tiveron nun primeiro momento certo éxito coa implantación de numerosas empresas nos novos polígonos industriais, mais a crise económica veu destapar a debilidade do tecido económico e foron moitas as que decidiron marchar"

Neste tipo de situacións ábrese un abismo a partir do momento en que a actividade principal declina ou desaparece, e se buscan fomentar alternativas económicas: novas empresas, novas industrias, actividade turística... Como está a ser esta transición nas Pontes? De que forma se podería deseñar (ou ter deseñado) unha transición con mellores resultados?

A loita sindical dos noventa, encabezada pola CIG, deu os seus froitos e lográronse acordos importantes, coma o plan de prexubilación ou investimentos en infraestruturas. As políticas de subvención e incentivos fiscais tiveron nun primeiro momento certo éxito coa implantación de numerosas empresas nos novos polígonos industriais, mais a crise económica veu destapar a debilidade do tecido económico e foron moitas as que decidiron marchar mesmo despois de ter recibido cuantiosas subvencións. Por outra banda, a pesar das melloras en infraestruturas de comunicación, estas limitáronse á construción de autovías e estradas e ignorouse por completo o sistema de medios públicos. Hoxe por hoxe, os veciños das Pontes non poden ir e volver en autobús no mesmo día á cidade máis próxima, como é Ferrol, mentres que o tempo de viaxe á Coruña é de case dúas horas, o dobre que en coche.

"Cando un viaxa polas zonas rurais de Alemaña ou Inglaterra, chama a atención a existencia de facultades universitarias, sedes de grandes empresas e centros de investigación en pobos que non son máis grandes que Ortigueira ou Cedeira"

Polo tanto, un veciño das Pontes non só se enfronta ao problema do desemprego como noutros moitos sitios, senón que os custos de desprazamento diarios son máis altos e a emigración acaba sendo unha opción. Cando un viaxa polas zonas rurais de Alemaña ou Inglaterra, o que máis chama a atención son dúas cousas, primeiro, a densa rede ferroviaria e de autobuses que permite desprazarse diariamente a pobos e cidades relativamente afastados das principais urbes. E, en segundo lugar, a existencia de facultades universitarias, sedes de grandes empresas e centros de investigación en pobos que non son máis grandes que Ortigueira ou Cedeira. É lamentable que Endesa, no seu día, non tivese escollido As Pontes para ubicar parte das súas oficinas. Sería o prezo xusto a pagar polos enormes custos de décadas de explotación mineira.

Poderíamos estender esta análise a outras realidades, como cidades en exceso dependentes dunha determinada industria, como sucede na comarca de Ferrol coa construción naval?

A importancia da industria naval en Ferrol e da produción enerxética nas Pontes responde a intereses de Estado en momentos moi puntuais da historia. Cando eses intereses cesan ou son incapaces de xerar emprego, este tipo de comarcas experimentan o que algúns autores chegan a cualificar como drama socioeconómico. As políticas de revitalización económica de rexións posindustriais no contexto europeo apostaron en gran medida pola exención de impostos para atraer capital inversor. Políticas que, no caso galego, traducíronse nunha especie de obsesión por construír polígonos industriais que hoxe están baleiros. Unha especie de adicción industrialista co fin de repetir os booms de antano. Mais os incentivos fiscais non son o principal factor de atracción de capital hoxe en día. Si o son a existencia de conglomerados económicos e a proximidade co mercado obxectivo das empresas, léase, zonas máis densamente poboadas ou ben conectadas no contexto global.

"De momento, o desembarco mais destacable no porto de Ferrol é o de carbón e gas natural para manter funcionando a central térmica máis contaminante de España. É como se todo tivese cambiado para que non cambiase nada"

E volvendo á pregunta de antes, o futuro de Ferrol ou das Pontes, así como o doutros concellos de Ferrolterra, non pasa por destinar partidas orzamentarias municipais a programas de dinamización turística ou comercial ou por desfrutar de subvencións para incentivar a chegada de empresas aos seus respectivos polígonos. Pasa pola capacidade de articular políticas públicas a nivel comarcal que optimicen os investimentos, a xeración de emprego e a mobilidade interna. Diso vai depender que Ferrolterra sexa capaz de integrarse nunha economía cada vez máis globalizada e hiperconectada. A densidade de poboación entorno a ría de Ferrol, así como o potencial do porto exterior deberían ser suficientes para consolidar un único e verdadeiramente competitivo polígono industrial no norte de Galicia. Mais, de momento, o desembarco mais destacable no porto é o de carbón e gas natural para manter funcionando a central térmica máis contaminante de España. É como se todo tivese cambiado para que non cambiase nada.

"A lagoa das Pontes está a apenas media hora en coche dalgunha das mellores praias de Galicia, polo que xorde a dúbida de se Endesa desestimou outros modelos de restauración desde un principio e se limitou a replicar o modelo alemán"

Analizaches tamén os procesos de recuperación dos terreos, unha vez que as minas pechan, convertidas por exemplo en lagos. É esta unha boa idea?

É unha boa idea no momento en que existe un oco de 200 metros de profundidade; existen infinidade de alternativas que tiveron un grande éxito, como no proxecto Edén, no suroeste de Inglaterra, onde se chegou a crear unha especie de xardín botánico a gran escala nun antigo oco mineiro. Agora ben, o proxecto de enchido xa se coñecía desde o ano 1983. Neste sentido, chama a atención que Endesa continuase a actividade extractiva ata o último momento, cando xa sabía das dificultades de encher un oco de tal profundidade. A empresa estivo asesorada desde un principio por enxeñeiros procedentes do Leste de Alemaña; eu mesmo tiven a oportunidade de falar con algún deles durante unha das miñas estancias de investigación en Leipzig. Hai que ter en conta que alí existen máis de 100 lagoas mineiras e, algunha delas, desde finais dos anos 70. Trátase dunha das rexións mais densamente poboadas de Alemaña, situada a máis de 500 quilómetros do mar e en zonas enormemente devastadas tras décadas de explotación, polo que o enchido supuxo unha verdadeira revitalización económica e paisaxística en moitos casos. Sen embargo, a lagoa das Pontes está a apenas media hora en coche dalgunha das mellores praias de Galicia, polo que xorde a dúbida de se Endesa desestimou outros modelos de restauración desde un principio e se limitou a replicar o modelo alemán.

"Deseñar, sen máis, pode crear espazos sen alma, con maior o menor aceptación social, pero sen xerar lexitimidade social e, moito menos, entusiasmo"

O éxito destes procesos de recuperación depende do grao de participación social no seu deseño e desenvolvemento?

Os enxeñeiros ou deseñadores pasan boa parte do seu tempo formándose e investigando sobre como construír determinados espazos. Para iso utilizan infinidade de técnicas, a miúdo con boas intencións e “as mellores prácticas”, pero que non sempre teñen o resultado esperado nun contexto dado. A participación social non é unha garantía de éxito e pode chegar a alongar e mesmo paralizar os procesos de restauración (diso son perfectamente conscientes os enxeñeiros que se encargaron da restauración da mina das Pontes ou Cerceda). O problema é que deseñar, sen máis, pode crear espazos sen alma, con maior o menor aceptación social, pero sen xerar lexitimidade social e, moito menos, entusiasmo.

En Alemaña, país que sempre se toma como referencia segundo para que, os procesos de restauración son abrumadoramente máis transparentes. Non só en aspectos coma a participación pública, que tamén, senón na cultura de comunicación dos riscos existentes. E dicir, Alemaña é un país cuxa cultura política está enormemente influenciada por sociólogos como Ulrich Beck e a súa teoría sobre a sociedade do risco. Non hai moito a prensa española facíase eco dun comunicado feito polo goberno alemán no que instaba a toda a poboación a proverse de subministros para autosubsistir durante un mes en caso de ataque terrorista. Aquí o goberno está asumindo a visión de Beck ao recoñecer abertamente e sen complexos que non pode controlar todos os riscos debido á complexidade do problema. O mesmo sucedeu co enchido dalgún dos ocos mineiros que tiven a oportunidade de coñecer de preto no sur de Leipzig. Hai un recoñecemento público das limitacións técnicas.

"Falta información, a maioría das noticias limítanse a aspectos puramente lúdicos ou turísticos e cando por fin se informa de aspectos ambientais faise nun ton moi técnico e optimista, como se ninguén tivese que preocuparse de nada porque xa están eles aí para arranxalo todo"

Abondan as noticias que abordan os retos aos que se enfrontan as vilas próximas e todo iso fomenta un tipo de sociedade mais informada e activa. No caso de España sucede exactamente todo o contrario. Actualmente estou implicado nunha investigación para comparar a forma na que os medios de comunicación de masas teñen tratado o enchido de lagoas mineiras en Alemaña, España e Polonia. Os resultados preliminares permiten falar dun modelo de comunicación hermético e paternalista no caso do enchido dos lagos de As Pontes e Cerceda. Falta información, a maioría das noticias limítanse a aspectos puramente lúdicos ou turísticos e cando por fin se informa de aspectos ambientais faise nun ton moi técnico e excesivamente optimista, como se ninguén tivese que preocuparse de nada porque xa están eles aí para arranxalo todo. O peor é que por un lado se está fomentando un tipo de cidadanía pasiva e, por outro, espérase que esa mesma cidadanía teña cultura emprendedora. Vai ser difícil unha verdadeira transición mentres non se corrixan este tipo de paradoxos. No mellor dos caso acabarán por beneficiar os catro de sempre.

"Vou estudar o impacto da minaría a gran escala en Colombia e contribuír a un dos debates de maior transcendencia nas ciencias sociais hoxe, como é o paradoxo de que países con moitos recursos naturais teñan menores niveis de desenvolvemento que outros con menos recursos"

Acaban de concederche a bolsa Marie Curie. En que vas centrar a túa investigación nos vindeiros anos?

Vou estudar o impacto da minaría a gran escala en Colombia e tratar de contribuír así a un dos debates de maior transcendencia nas ciencias sociais hoxe, como é o paradoxo de que países con moitos recursos naturais teñan menores niveis de desenvolvemento que outros con menos recursos. Trátase non só de analizar o impacto socioeconómico senón tamén o nivel de contaminación das augas, polo que o estudo en si requirirá dun enfoque multidisciplinar. Aínda que farei traballo de campo en Colombia, a maior parte do tempo o pasarei na universidade de Copenhague. Tratarei de aproveitar a oportunidade para coñecer de preto o sistema económico de Dinamarca, un país que garda certas similitudes históricas con Galicia pero que baseou o seu progreso na modernización do sector primario.

 

Xaquín Pérez-Sindín é na actualidade profesor e investigador na Universidade de Gdańsk, en Polonia Dominio Público Praza Pública
Unha lagoa ocupa dende hai anos o espazo deixado pola mina CC-BY-SA IES Manuel García Barros
Algunhas das antigas máquinas empregadas na mina CC-BY Amio Cajander

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.