Pensións, Sergas e cortes de luz, os temas que acumularon máis queixas ante a Valedora do Pobo

A valedora e o seu adxunto, reunidos co presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

A Valedora do Pobo fixo público este venres o informe da institución correspondente ao ano 2017, no que tramitou 2.359 asuntos, un número semellante ao do ano anterior (2.356). As actuacións totais da entidade sumaron 34.415, entre queixas recibidas e outras xestións, case a metade as 64.937 do 2016, un ano no que os conflitos xerados ao redor do Hospital Álvaro Cunqueiro fixeron elevar o número de consultas. O que si se incrementou notablemente este ano foi o número de queixas de oficio tramitadas polas Valedora do Pobo, 224, por por riba das 21 do ano anterior.

13.017 persoas presentaron queixas en relación coa situación actual das pensións de xubilación, solicitando unha reforma constitucional que garanta a súa calidade e dignidade

Na presentación do informe ante o Presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, Milagros Otero fixo énfase no esforzo desenvolvido pola súa institución en coñecer máis de preto as problemáticas que afectan á zona rural. O pasado ano os grupos da oposición criticaron que o número de queixas tramitadas procedentes dos concellos rurais representaban só o 0,1% do total. Este ano, en cambio, a porcentaxe supera o 12%. Otero salientou que nos últimos meses realizou visitas a numerosos concellos de menos de 5000 habitantes e que, ademais, iniciou 200 actuacións de oficio dirixidas a coñecer as situacións máis preocupantes, as relacionadas coa exclusión ou risco de exclusión social das familias ou persoas que desenvolven a súa vida e actividades no rural.

Entre as queixas recibidas pola Valedora o pasado ano destacaron algúns temas, que sumaron varios centos de peticións. Por exemplo, 13.017 persoas presentaron queixas en relación coa situación actual das pensións de xubilación, solicitando unha reforma constitucional que garanta a súa calidade e dignidade. De igual xeito, 4.253 cidadáns e cidadás presentaron queixa sobre problemas co sistema automático de cita telefónica do Sergas, que emprega un número 902 de pago. Así mesmo 1.836 persoas presentaron queixa sobre o desenvolvemento social, económico e natural da Baixa Limia. Pola súa banda, 1.100 persoas denunciaron microcortes do subministro eléctrico no Concello de Rodeiro. E 1.095 cidadáns e cidadás presentaron queixa sobre problemas na carreira profesional do persoal estatutario do Sergas.

A Valedora destaca, así mesmo, que en 2017 incrementouse "notablemente" o número de peticións de transparencia; "de 55 expedientes en 2016 pasamos a 132 en 2017", sinala, engadindo que "a sociedade actual busca a claridade, quere saber, quere que a informen; quere entender, quere poder formarse unha opinión e quere sobre todo poder exercitar os seus dereitos".

1.100 persoas denunciaron microcortes do subministro eléctrico no Concello de Rodeiro

Por concellos, a poboación desde a que se presentaron máis queixas foi Vigo (13598), seguida de Oleiros (4263) e de Santiago de Compostela (2551). De Vigo partiu a queixa colectiva relacionada coas pensións e de Oleiros a relacionada con problemas co sistema automático de cita telefónica do Sergas (a asociación promotora ten a súa sede nesa localidade). Ademais, outros concellos sumaron varios centos de queixas, superando mesmo as cifras dalgunhas grandes cidades. Foi o caso de Sada (638), Pantón (380), Entrimo (1836), Baiona (824) e Rodeiro (1109).

Outros asuntos que xeraron consultas e queixas ante a Valedora do Pobo foron os incendios forestais. A institución púxose en contacto coa Consellería de Medio Rural, que respondeu que "non eran queixas concretas, senón que se manifestaba desconformidade coa xestión da prevención e defensa dos incendios a raíz da vaga de lume do mes de outubro" e escudouse na convocatoria da comisión de investigación do Parlamento para non afondar as súas explicacións. 

A sanidade centrou unha parte importante das queixas, comezando polo xa comentado asunto do custo do servizo telefónico de cita previa. O reclamante consideraba que a tarifa dun número con prefixo 902 supón un abuso polo gasto máis elevado que implica. Con todo, a Valedora non apreciou vulneración de dereitos "tendo en conta que consideramos idónea a xustificación da implantación do número telefónico cuestionado, dado o volume de chamadas recibidas que impide asumir o custo total á administración pública" e "tendo en conta, por suposto, que existen vías alternativas para os cidadáns", en referencia aos números propios con prefixo provincial cos que contan os centros de saúde.

Outras queixas que afectan directamente ao Sergas teñen que ver, segundo se recolle no informe coa "inquietude da cidadanía ante a posible deterioración da calidade da sanidade pública"

Outras queixas que afectan directamente ao Sergas teñen que ver, segundo se recolle no informe coa "inquietude da cidadanía ante a posible deterioración da calidade da sanidade pública, sendo unha das súas causas a diminución progresiva do persoal sanitario, tanto por non cubrirse as baixas en casos de incapacidade temporal como deixar vacantes os postos dos profesionais que alcanzan a idade de xubilación ou a reorganización de servizos". Outra reivindicación reiterativa en materia de recursos humanos estivo centrada na "evidente carencia de pediatras no sistema sanitario", destaca a Valedora.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e a valedora do Pobo, Milagros Otero © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.