A Xunta adía o debate sobre a chegada de madeira relacionada co asasinato de campesiños en Brasil

Este venres é o primeiro aniversario do masacre de Colniza, no que 9 campesiños foron asasinados © Greenpeace

Este venres é o primeiro aniversario da matanza de Colniza, no Brasil. O 20 de abril do pasado ano nove campesiños sen terra foron asasinados por grupos paramilitares ao servizo de terratenentes, que dispararon de forma indiscriminada contra a poboación. Hai un mes o PSdeG-PSOE presentou unha pregunta parlamentaria sobre as denuncias realizadas por Greenpeace sobre a suposta chega a Galicia de madeira procedente de talas ilegais e relacionada con eses feitos. A organización ecoloxista detectou que a finais de 2017 cando menos un barco cargou en Paranagua (Brasil) e con destino ao porto de Vigo madeira cortada no lugar da matanza pola empresa á que se responsabiliza dos asasinatos (Madeiras Cedroarana).

Para Vilán, a decisión do Goberno galego "cheira a queimado", insinuando que o aprazamento buscaría evitar a coincidencia co aniversario dos asasinatos

A pregunta do Grupo Socialista para a súa resposta oral na Comisión de Medio Ambiente interrogaba á Xunta sobre os controis aos que o Goberno galego somete ás empresas importadoras de madeira para ter a seguridade de que non están a chegar a Galicia produtos ilegais ou procedentes de actos violentos, como é este caso. Estaba previsto que a pregunta fose respondida este xoves, na véspera do aniversario da matanza. De feito, figuraba en sétimo lugar na orde do día. Porén, a cuestión foi adiada ata a vindeira sesión, dentro de dúas semanas. Para a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, a decisión do Goberno galego "cheira a queimado", insinuando que o aprazamento buscaría evitar a coincidencia co aniversario dos asasinatos.

Vilán subliñou que a presenza de Fernández-Couto non era imprescindible e que a resposta podía ter sido ofrecida por calquera outro representante da Consellería

A razón do adiamento foi a incomparecencia de Tomás Fernández-Couto, director xeral de Ordenación Forestal, que non podía estar presente este xoves na Comisión. Con todo, Patricia Vilán subliñou que a presenza de Fernández-Couto non era imprescindible e que a resposta podía ter sido ofrecida por calquera outro representante da Consellería pois "o goberno é colexiado e solidario para dar resposta ás iniciativas parlamentarias".

 

Comercio ilícito de madeira

Greenpeace denuncia que a Xunta non está facendo "nada" por "investigar o caso e deter este comercio ilícito". "A Xunta ten a responsabilidade legal de controlar que as empresas importadoras que operan no seu territorio cumpran os requirimentos para evitar este comercio perseguido pola lei. Pero o certo é que iso non está a pasar", asegura. Hai un mes a Autoridade Portuaria de Vigo negou que o porto recibira madeira ao longo do pasado ano e afirma que "hai moito tempo que os peiraos olívicos non importan esta mercadoría". Porén, Greenpeace reiterou a súa denuncia, difundindo unha copia do permiso de embarque dun contedor de madeira dende o porto de Paranagua (Brasil) con destino ao porto de Vigo. Segundo fontes de Greenpeace, o axente internacional que realizou a operación comercial con destino ao porto de Vigo é a empresa Global Gold Forest Lda (GWP), representada en España por Atlantic Timber Agency -membro da Asociación Española de Industria e Comercio da Madeira (AEIM)-, ambas con sede no mesmo enderezo postal de Marín.

Greenpeace difundiu unha copia do permiso de embarque dun contedor de madeira dende o porto de Paranagua (Brasil) con destino ao porto de Vigo

O PSdeG-PSOE preguntaba neste senso se "ten comprobado o Goberno que as empresas importadoras de madeira dispoñen dun procedemento interno para analizar e minimizar os riscos de comerciar con madeira de orixe ilegal?", "cantos controis a estas empresas ten feito o Goberno dende o ano 2009 ata o día de hoxe?" ou "cantos expedientes abriu o Goberno e cantas medidas correctoras impuxo dende o ano 2009 ata o día de hoxe", en virtude do Regulamento (EU) 995/2010, do Parlamento e do Consello, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e os seus produtos.

Greenpeace afirma que o 30% da madeira que se comercializa no mundo procede de talas ilegais e que "Galicia está sendo unha das vías de entrada na Unión Europea". A organización sinala especialmente a actividade da empresa López Pigueiras S.A., de Viveiro, que foi denunciada varias veces nos últimos anos como responsable da importación de madeira de ipé procedente da fraude no sistema de control brasileiro, aparecendo en informes internacionais como o principal importador de madeira ilegal no Estado Español.

 

Porto de Vigo © marportactivities.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.