"A Policía campa ás súas anchas pola USC"

Concentración ante a Facultade de Medicina, este martes Dominio Público Praza Pública

Durante a folga estudantil do pasado 19 de abril algunhas das persoas que integraban piquetes informativos foron identificadas por axentes de policía no interior de varias facultades da Universidade de Santiago, onde se viviron algúns momentos de tensión que tamén afectaron a un bedel, tamén identificado polos corpos de seguridade do Estado. Este martes ao mediodía tivo lugar unha concentración ante a Facultade de Medicina, impulsada en réxime de auto-convocatoria por estudantes, PAS e PDI para protestar contra a presenza policial na universidade.

Denuncian que esta situación vén repetíndose cada vez con máis frecuencia e que, por exemplo, tamén se produciu durante a folga feminista do pasado 8 de marzo. Daquela, tamén varias estudantes que formaban parte de piquetes informativos foron identificadas pola Policía no interior das facultades e cando menos unha delas foi acusada de coacción.

"Veñen producíndose dende hai catro anos. Tamén durante a folga do 8 de marzo as estudantes sufrimos unha represión policial brutal: identificacións, agresións verbais, cacheos..."

Na concentración deste martes participou un cento de persoas. "Estamos aquí para denunciar as agresións recibidas dos corpos policiais no interior do campus universitario. Sucedeu durante a folga estudantil do pasado 19 de abril, pero veñen producíndose dende hai catro anos. Tamén durante a folga do 8 de marzo as estudantes sufrimos unha represión policial brutal: identificacións, agresións verbais, cacheos...", sinala Sofía Mediero (Asemblea Aberta de Estudantes), que explica que "no 8 de marzo fun identificada pola Policía e acusada do delito de coacción por participar nun piquete informativo, totalmente pacífico. E os axentes advertíronme de que se reincidía podía recibir unha multa de entre 300 e 6000 euros".

"Isto non só está a suceder durante as xornadas de folga" -di- "a policía campa ás súas anchas polos campus da USC". "Nos días anteriores ao paro do 19 de abril varias compañeiras foron identificadas pola policía simplemente por pegar carteis", engade. "Esta situación non era así hai uns anos. Ou ben a Reitoría está permitindo que a Policía entre libremente nas Facultades ou ben os corpos policiais entran sen máis comunicación porque saben que ao final non van ter represalias", afirma.

"Esta concentración quere ser unha reflexión sobre o uso da violencia por parte das forzas de seguridade nunha institución como a Universidade que se debe dotar dos seus propios mecanismos de control e lexitimación"

De igual xeito, María López (PAS) esixe "que as nosas autoridades universitarias expliquen exactamente en que consiste para elas o concepto de autonomía universitaria e de que maneira se van garantir os nosos dereitos laborais para que non se vexan comprometidos por actuacións coma as que ocorreron nestes últimos días". "Esta concentración quere ser unha reflexión sobre o uso da violencia por parte das forzas de seguridade do Estado nunha institución como a universidade que se debe dotar dos seus propios mecanismos de control e lexitimación", di. "Cremos que deberíamos ter sido informados, a través das nosas propias xerarquías de que a Policía ía intervir nos centros", conclúe.

 

O acto denunciou as accións da policía nos recintos universitarios © Erguer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.