1 de cada 4 dependentes que necesita axuda a domicilio non a recibe

Centro de día Agarimo, en Vigo © Agarimo

En Galicia hai 117.875 persoas con dependencia, 23 mil máis que no ano 2011

En Galicia hai 117.875 persoas con dependencia, 23 mil máis que no ano 2011 (94.251). Son o 4,4% da poboación, pero entre os e as maiores de 75 anos representan o 22,9%. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes (os máis envellecidos) as persoas dependentes teñen un peso maior (o 6,52%). Hai, ademais, 16.169 fogares formados unicamente por persoas con dependencia.

"O avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social"

Cifras á marxe, parece claro que o progresivo envellecemento da poboación levará nos vindeiros anos a un crecemento aínda maior das persoas con algún grao de dependencia, unha situación que as administracións e a sociedade deberán enfrontar. Na actualidade o IMSERSO recoñece o dereito de case 70 mil galegos e galegas (67.195) a percibir axudas -económicas ou en forma de servizos- por seren dependentes, aínda que só 55.293 as están a recibir de forma efectiva, ficando unhas 12 mil en lista de espera. Nesta entrevista Mª Dolores Puga (CSIC) alertaba de que "Galicia non adaptou os seus sistemas de solidariedade e servizos á situación de avellentamento". "O avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social", salientaba.

Os datos publicados o pasado venres polo IGE, procedentes da súa Enquisa estrutural a fogares, amosan que nos últimos anos se incrementou o número de persoas con dependencia que reciben axudas. Pero este aumento foi moito máis lento do necesario, por mor do forte crecemento do número total de dependentes e das súas necesidades. Así, en relación co ano 2011 hoxe hai máis galegos e galegas que se benefician de teleasistencia ou de estancias en centros de día, pero son moitos e moitas máis as que necesitando destes servizos non poden acceder a eles. Por exemplo, en 2011 7.613 persoas necesitaban dunha praza nun centro de día e non podían tela; hoxe son 12.323. O mesmo pasa co transporte adaptado, xa que hoxe hai catro mil persoas máis que -necesitándoo- non poden acceder a el.

30 mil persoas dependentes necesitan axuda a domicilio, pero non a reciben

Especialmente rechamante é o incremento de persoas que necesitan axuda a domicilio. Neste caso pasou de 21.653 a 23.325 o número de dependentes que reciben este servizo. Pero o total de persoas que o necesitan e non o teñen elevouse de 19.258 a 29.771, un 50%. A porcentaxe de dependentes con carencia creceu do 20% ao 25%. De igual xeito, duplicouse o número de persoas que precisan de adaptacións na súa vivenda (ascensor, rampa, baño...) e non poden telas. Son xa 27 mil en toda Galicia.

 

Do outro lado: As persoas coidadoras

En Galicia hai 144 mil persoas coidadoras sen remuneración, das que o 63% son mulleres

Onde hai unha persoa dependente hai (case sempre) unha persoa que a coida. En Galicia hai 144 mil persoas coidadoras sen remuneración, das que o 63% son mulleres. O seu número tamén se elevou nos últimos anos, dende as 118 mil de 2011, e aínda que pouco a pouco se vai reducindo o carácter maioritariamente feminino deste labor, a realidade é que case dous de tres persoas coidadoras seguen a ser mulleres. Ademais, as mulleres coidadoras dedícanlle a estas funcións máis horas á semana que os homes coidadores. Máis da metade (o 51%) teñen entre 45 a 64, pero cada vez hai máis coidadoras maiores de 65 anos, que xa representan o 31% do total.

Unha parte importante (sobre todo mulleres) recoñece ter perdido saúde, diñeiro ou relacións sociais por mor destas tarefas de coidados

O 72,49% destas persoas coidadoras afirman que tiveron que "suprimir ou reducir" actividades de ocio ou relacións sociais, o 55,83% recoñecen que este labor afectou á súa vida familiar, no 38,27% dos casos reduciuse o tempo destinado ao traballo doméstico e no 25,77% o tempo de traballo remunerado ou estudos. As porcentaxes son en todos os casos superiores nas mulleres que nos homes. No 62,92% dos casos o traballo de coidados afectou negativamente á economía do fogar e no 67,53% prexudicou a sáude das persoas coidadoras (un 73,63% no caso das mulleres, un 57,25% no caso dos homes).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.