O TSXG exime da responsabilidade de recepción de alimentos do comedor escolar á dirección dos centros

Comedor dun colexio galego © Colexio Concepción Arenal (Ourense)

Unha sentenza do TSXG vén de confirmar a resolución previa dun xulgado vigués, que eximía á dirección dun CEIP da provincia de Pontevedra da responsabilidade de receibir os alimentos destinados ao comedor escolar. O ditame subliña que as decisións sobre que produtos son necesarios mercar correspóndelle ao persoal de cociña, que polo tanto debe cumprir esta función. O proceso xudicial ten a súa orixe na orde dada pola Consellería de Educación, que obrigara á directora do centro a estar pendente de recibir os provedores e as mercadorías, o que a levou a presentar unha demanda a través dos servizos xurídicos da CIG-Ensino.

A Consellaría argumentaba a súa decisión no problema que se presenta coas funcións que lle corresponden ao persoal de cociña. Así, na meirande parte dos centros non se conta con Oficial de 1ª e existe xurisprudencia que lles recoñece o dereito aos Oficiais de 2ª a cobrar por realizar funcións de categoría superior, "pagamento que a Consellaría pretende evitar a todo custo", afirma CIG-Ensino.

O ditame do TSXG sinala que a orde da Consellería supón "un uso desviado da potestade de organización" e unha "atribución indebida" de funcións

"O intento da administración autonómica de eludir os custos que suporía contar con persoal de cociña de categoría superior para realizar determinadas funcións non pode amparar a atribución desas funcións específicas de cociña aos/ás directores/as ou persoal encargado do comedor, supoñendo un uso desviado da potestade de organización, ademais dunha atribución indebida a quen nin ten a formación técnica precisa en materia de manipulación de alimentos nin debe asumir a responsabilidade propia dun cometido do persoal de cociña”, sinala a sentenza.

A sentenza delimita as funcións nesta cuestión da dirección do centro escolar e do persoal de cociña: "Correspóndelle á dirección do centro a programación dos menús de 4 a 6 semanas segundo as bases que estabeleza o Consello Escolar, tal e como aparece na Orde do 21 de febreiro de 2007. É a dirección do centro a que ten que facer as contratacións do subministro, pero correspóndelle ao persoal de cociña decidir que produtos son necesarios para o servizo. A recepción dos pedidos é función exclusiva do persoal de cociña, o único coa formación necesaria para poder comprobar a calidade e o estado dos alimentos".

"A cobiza da Consellaría lévaa a sobrecargar de traballo o colectivo docente para se aforrar o lexítimo complemento que debería cobrar o persoal de cociña por realizar esas funcións", afirma o sindicato

CIG-Ensino critica o que conside "un abuso de autoridade do xefe territorial de Pontevedra ao impoñer unhas funcións que non son propias do persoal docente, sexa membro da dirección ou responsábel do comedor". "De novo, a cobiza da Consellaría lévaa a sobrecargar de traballo o colectivo docente para se aforrar o lexítimo complemento que debería cobrar o persoal de cociña por realizar esas funcións", afirma o sindicato. A central demanda que a Consellaría "proceda a dar instrucións precisas a todos os centros para evitar novas desviacións da potestade de organización por parte dos responsábeis políticos territoriais, modificando se é preciso a normativa actual cos criterios fixados nesta sentenza".

 

Visita institucional da Xunta a un comedor escolar en Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.