A Xunta consuma, sen ofrecer alternativas, o desaloxo dunha familia que residía nunha vivenda pública

Sede central do Instituto Galego de Vivenda e Solo © Google

Vén de consumarse o desaloxo dunha familia que residía nunha vivenda do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Santiago de Compostela, tal e como adiantaba Praza este mércores. No lanzamento, orixinado polo carácter de inhabitabilidade do inmoble e polos conflitos xerados no barrio, participaron axentes da Policía autonómica. O desafiuzamento foi iniciado polo IGVS a pesar da situación "de exclusión" dos tres habitantes do inmoble e sen ofrecer unha alternativa habitacional para estas persoas.

"Recoñecemos a situación conflitiva que se sufría no edificio e a inhabitabilidade da vivenda. Había que proceder ao desaloxo, pero isto non se pode facer sen ofrecer unha solución. Deixalos na rúa incrementa a situación de vulnerabilidade", di Concha Fernández

Unha vez coñecido o desaloxo, e como xa fixera este xoves, a concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela, Concha Fernández, criticou que a Xunta "desaloxe unha familia vulnerable sen dar alternativa". "Recoñecemos a situación conflitiva e problemática que se sufría no edificio. Tamén recoñecemos a situación de inhabitabilidade desa vivenda. Había que proceder ao desaloxo, pero isto non se pode facer sen ofrecer unha solución. Deixalos na rúa incrementa a situación de vulnerabilidade", sinalou Fernández en conversa con Praza. "Non é admisible que unha administración pública deixe sen fogar a unha familia, co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas", engade.

"É imposible atopar vivenda no mercado libre para esta familia e para este tipo de situación. O IGVS, porque é quen ten as competencias na materia, debe contar cun parque público de vivenda social suficiente e diversa para casos coma o desta familia, que non pode continuar vivindo nun residencial comunitario, nun bloque de vivendas", afirma. "Ten que ter tamén un protocolo para realoxar e buscar unha alternativa nestes casos. Outros Institutos de Vivenda e Solo, noutros territorios, teñen equipos específicos para a intervención social", engade.

"Agora estas persoas quedarán na rúa, ou ocuparán algún inmoble, ou irán vivir con algún familiar noutro edificio, trasladando alí os mesmos problemas que había na comunidade precedente", comenta Concha Fernández, que amosa ademais a súa preocupación "polo precedente que se abre con este desaloxo". "O IGVS non pode proceder como un banco ou unha promotora, que desaloxa familias. Tememos que se se abre esta vía virán detrás outros casos", engade.

Fernández amosa ademais a súa preocupación "polo precedente que se abre con este desaloxo"

Este xoves a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xustificou o desaloxo afirmando que "a Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas do inmoble e que levan anos sometidas a unha situación que xa se volveu insoportable". O Goberno galego sinalou que a clave desta situación non está na vivenda, senón na aplicación "de medidas de adaptación social eficaces", das que responsabiliza ao Concello de Santiago. No último ano e medio o Concello levou a cabo preto de 200 actuacións con esta familia, en colaboración con Cáritas ou co Colexio de Psicoloxía.

 

Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais de Santiago © Concello de Santiago
Sede central do Instituto Galego de Vivenda e Solo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.