Os pensionistas volven ás rúas galegas para advertir do "espellismo" da mellora pactada

Mobilización de pensionistas na Coruña © En Marea

Nova mobilización de pensionistas en Galicia. Centos deles saíron ás rúas en dez localidades galegas malia o acordo alcanzado entre o Goberno central e o PNV para a suba das súas prestacións. Advirten ao Executivo de que van continuar coas manifestacións para reclamar "pensións dignas" ao considerar o devandito pacto un "espellismo" que non vai servir para a "consolidación" das melloras que levan pedindo meses.

 Os pensionistas advirten do "espellismo" do acordo entre PNV e Goberno central para a suba das pensións

Foron as sete cidades, xunto a Ribadeo, Noia e A Pobra do Caramiñal, as que acolleron na mañá deste sábado as mobilizacións convocadas por Modepen (Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas), algo menos numerosas que as de  hai semanas. O acordo entre PNV e o Goberno de Rajoy para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado non evitou que as rúas volvesen ser escenario das protestas dos pensionistas, que reclaman máis do que se ten acordado e unhas pensións dignas non só agora, senón tamén "no futuro". 

Os nacionalitas vascos e o Executivo central acordaron establecer emendas aos Presupostos para recoller unha suba das pensións do 1,6% durante 2018 e 2019 e atrasar catro anos, até o vindeiro 2023, a aplicación do factor de sustentabilidade. 

"O problema de fondo do sistema de pensións non se soluciona coas medidas que se fixeron públicas, que son máis que insuficientes. Iso non soluciona o futuro do sistema de seguridade social e o futuro da xeración do baby boom, non queremos remendos, non queremos esmola", advertía Modepen antes da marchas. 

Durante elas, os pensionistas insistiron en que o acordo PNV-Goberno central é só un pacto político para conseguir desbloquear os Orzamentos e que non ser para "consolidar" a mellora nas prestacións que reciben, que continúan a ser moi baixas. "Seguramente sexa un espellismo que durará o que duren as necesidades da maioría parlamentaria", declarou Álvaro Blanco, un dos voceiros de Modepen, na concentración celebrada na Praza de Cervantes de Compostela. 

Modepen cre que o pacto entre nacionalistas vascos e Rajoy non servirán para "consolidar" as melloras nas pensións

Así, o movemento chamou a continuar coas mobilizacións porque entenden que é a única vía para "consolidar" as melloras no sistema de pensións. "Estamos convencidos de que é cuestión de insistir, persistir e resistir", remarcou.

Ademais, consideran que o PP accede a subir as pensións e a atrasar a aplicación do factor de sustentabilidade co único obxectivo de sacar adiante os Orzamentos e que, por iso, as melloras serán "inestables" e "non terán continuidade".

Mobilización de pensionistas en Vigo © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.