"Á industria da celulosa non lle interesa que haxa unha xestión ordenada do monte en Portugal"

Un momento do coloquio celebrado este martes na Coruña © Marea Atlántica

Os incendios do pasado ano provocaron un cento de mortes en Portugal, especialmente no mes xuño en Pedrógão Grande. En outubro, ao igual que en Galicia, a vaga de lumes repetiuse, arrasando milleiros de hectáreas de monte. O desastre causou unha gran conmoción no país luso, que impulsou os traballos dunha comisión técnica independente na Assembleia da República que analizou as razóns do sucedido. O Goberno adoptou igualmente unha serie de medidas destinadas a mudar a forma de combater os incendios e incidindo igualmente no propio ordenamento do monte, con características e problemas moi semellantes aos de Galicia. 

Pedro Soares, deputado do Bloco de Esquerda e presidente da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento portugués participou este martes na Coruña nun coloquio sobre incendios e política forestal organizado pola Marea Atlántica. O deputado Antón Sánchez, o biólogo ambiental Xavier Vázquez Pumariño, a concelleira de Medio Ambiente María García e a investigadora especialista en política forestal Helena Martínez completaron o faladoiro aberto ArdeNós. Falamos con el.

"En termos de investimento o país vén dedicando moito máis diñeiro ao combate contra o lume que á prevención, tres veces máis exactamente. O foco debería centrarse na prevención e non no combate contra o lume"

Que leccións pode aprender Portugal (e tamén Galicia) dos incendios do pasado ano?

A consecuencia dos incendios do pasado ano, principalmente en xuño e outubro, formouse a comisión técnica independente, cuxos informes foron moi importantes e moi apreciados pola Assembleia da República, dando orixe a varias iniciativas lexislativas. Hai varias cuestións importantes: a primeira relativa á defensa do monte ante os incendios. Unha das conclusións é que en termos de investimento o país vén dedicando moito máis diñeiro ao combate contra o lume que á prevención, tres veces máis exactamente. O foco debería centrarse na prevención e non no combate contra o lume. Hai tamén un problema relativo á propia calidade do sistema de loita contra o lume: concluíuse que é moi pouco profesional e competente, formado sobre todo por voluntario e incorporando en moi escasa medida a experiencia e coñecemento dos anos anteriores. O combate contra o lume debe apoiarse na previsión e esta previsión ten unhas compoñentes que son claramente científicas: meteoroloxía, coñecemento sobre propagación do lume... E noso sistema incorpora pouco coñecemento.

"No relativo ao ordenamento do monte en Portugal a situación está próxima ao caos: temos tres millóns de parcelas forestais diseminadas entre milleiros de pequenos propietarios, cunha dimensión inferior a unha hectárea"

O informe da comisión concluíu que existe un problema estrutural, da forma en que está ordenado o monte e o territorio, que facilita que haxa grandes incendios. Como é esta estrutura e como se pode corrixir? 

Si, no relativo ao ordenamento do monte en Portugal a situación está próxima ao caos: temos tres millóns de parcelas forestais diseminadas entre milleiros de pequenos propietarios, cunha dimensión inferior a unha hectárea. Este monte, así, é imposible de xestionar, porque o ordenamento forestal necesita de escala. Ordenar significa crear áreas de contención dos incendios, introducir entre as masas enormes de eucalipto e piñeiro zonas de especies autóctonas (carballos, sobreiras, castiñeiros...), que teñen un papel moi importante na resistencia e na resiliencia ao lume.

"Ordenar significa crear áreas de contención dos incendios, introducir entre as masas enormes de eucalipto e piñeiro zonas de especies autóctonas, que teñen un papel moi importante na resistencia e na resiliencia ao lume"

Necesitamos contar con mecanismos de agregación de montes, para gañar escala e poder xestionar o monte con criterios ambientais. Non se trata de eliminar a propiedade, senón de atopar mecanismos asociativos e cooperativos que permitir unha xestión conxunta. Isto, ademais, permitirá mesmo negociar un mellor prezo para a venda de madeira. O principal comprador de madeira, que é a industria da celulosa, prefire negociar con propietarios de parcelas dunha hectárea. Se teñen que negociar cos propietarios de parcelas de seis mil hectáreas, os resultados son moi diferentes. O prezo da madeira en Portugal é moi inferior ao que se paga mesmo en España e isto débese sobre todo á capacidade de negociación dos propietarios

Que papel xoga a industria da celulosa? Cal é a súa responsabilidade?

En Portugal existe unha Lei de Bases da Floresta dende hai máis de vinte anos. É unha lei moi competente, ben feita, que foi ademais aprobada por unanimidade na Assembleia da República. Pasados máis de 20 anos, non foi acadado ningún dos obxectivos desa Lei de Bases, non foi aplicada. A razón é que a industria da celulosa se converteu no principal actor do monte e a esta industria non lle interesa que haxa unha xestión ordenada do monte. A ela interésalle ordenar os seus propios montes, pero no resto non permitiron -grazas á súa capacidade de influencia política- a aplicación da lei.

"Hai masas continuas de eucalipto de varios milleiros de hectáreas, sen ordenamento. esta estrutura era o que lle interesaba á industria, para producir máis"

Isto foi moi negativo e creou un problema moi grave: na actualidade a especie máis común en Portugal é o eucalipto, cando hai uns anos non o era, superando mesmo ao piñeiro. Hai masas continuas de eucalipto de varios milleiros de hectáreas, sen ordenamento, e ás veces mesturadas con piñeiro bravo, o que crea un cóctel explosivo. Pero esta estrutura era o que lle interesaba á industria, para producir máis. Isto tamén fixo que se crease a idea no mundo rural de que a única forma de obter rendemento económico era a plantación de eucalipto, o que provocou ao cabo un problema non só ambiental, senón tamén de seguridade para a poboación

"Houbo unha subestimación por parte do Goberno relativa ao potencial de desastre que existía no monte portugués. As medidas adoptadas foran moi débiles. Pero os incendios do pasado ano provocaron unha gran conmoción nacional e abriron un debate"

A comisión alertaba tamén do efecto do cambio climático que, unido esa estrutura do monte, facía que os incendios fosen moito máis grandes e máis difíciles de apagar...

Si. Cando nestas condicións comeza un incendio, non hai forma de apagalo. Tanto ten que teñamos os mellores medios de combate: nun incendio de 30 mil hectáreas coma o de Pedrógão Grande o potencial calorífico é tan grande que cando os medios aéreos botan auga, esta evapórase antes de chegar ao incendio. O problema non é o lume. Hai que ter en conta o clima que temos en Portugal, con influencia mediterránea e estacións secas. Os incendios gañaron dimensión nos últimos anos: son máis grandes, máis fortes e máis graves, máis difíciles de combater.

"Dende o Bloco de Esquerda esiximos a aprobación dun paquete de medidas. Dábanse as condicións políticas para facelo, porque por desgraza morreron máis de 100 persoas"

Como valora a actuación realizada neste tema polo goberno de António Costa, tanto nos seu primeiro ano de xestión -antes dos incendios do 2017- coma despois, a reacción que tivo ante o desastre?

Houbo unha subestimación por parte do Goberno relativa ao potencial de desastre que existía no monte portugués. As medidas adoptadas foran moi débiles. Pero os incendios do pasado ano provocaron unha gran conmoción nacional e abriron un debate. E isto levou a que o Goberno tomase medidas. Dende o Bloco de Esquerda esiximos a aprobación urxente, xa no verán, dun paquete de medidas, que en esencia consistía en comezar a aplicar esa Lei de Bases da Floresta, que tiña máis de 20 anos. Agora dábanse as condicións políticas para facelo, porque por desgraza morreron máis de 100 persoas. Entre as medidas destacaba a contención na expansión do eucalipto, suspendidas as novas plantacións ata o ano 2020. Conseguimos tamén que se retomasen os plans rexionais de ordenamento do monte, que estaban suspendidos dende o ano 2011, e que os seus criterios sexan obrigatoriamente transpostos aos plans directores municipais. De igual xeito, foron creadas entidades que permiten a agregación de parcelas forestais.

"O 'longo prazo' era un dos argumentos que se utilizaba para precisamente non facer nada: 'Iso da xestión do monte é moi complicado, imos centrarnos mellor en combater os incendios'"

Estas medidas terán efectos inmediatos ou haberá que agardar anos para velos?

Moitas destas medidas son necesariamente a longo prazo, deben comezar a aplicarse para ter efectos dentro dun tempo. Sobre todo cando atopamos unha situación tan grande de fragmentación da propiedade forestal. Ese longo prazo era ademais un dos argumentos que se utilizaba para precisamente non facer nada: 'iso da xestión do monte é moi complicado, imos centrarnos mellor en combater os incendios'. Iso sucedeu durante décadas en Portugal. 

"Estamos nun período de mudanza no que é máis importante que nunca que haxa políticas públicas que impulsen cambios de estratexia no rural"

Que política se debe levar a cabo nas zonas rurais para previr os incendios?

A nosa zona rural é moi distinta a como era hai unhas décadas e seguirá cambiando. Estamos nun período de mudanza no que é máis importante que nunca que haxa políticas públicas que impulsen cambios de estratexia no rural. Pero en vez desta preocupación pública, o que houbo foi abandono e un despoboamento moi importante dos territorios do interior e un grande envellecemento. Todo isto fai máis difícil enfrontarse aos retos de futuro. É de interese público que os territorios do interior estean poboados, de xeito que haxa persoas que coiden do monte e da paisaxe? Dende o noso punto de vista si é unha cuestión de interese público e polo tanto debe haber mecanismos que favoreza este mantemento da poboación no rural. Por iso, todas as políticas europeas relacionadas co territorio, especialmente a Política Agraria Común, deberían ter en conta as particularidades destes territorios, da parte sur da Fachada Atlántica, con características diferentes ás doutras zonas do continente. E incluír criterios que asegurasen o mantemento da poboación, compensando a esas persoas por esa función de coidado do territorio e da paisaxe.

"As políticas europeas deberían incluír criterios que asegurasen o mantemento da poboación no rural, compensando a esas persoas por esa función de coidado do territorio e da paisaxe"

Tendo en conta que Galicia e Portugal -ademais da proximidade xeográfica- sofren o problema dos incendios cunhas orixes e circunstancias semellantes, sería positiva unha mellor coordinación e intercambio de experiencias e coñecemento para enfrontar esta situación? 

Hai semellanzas moi grandes entre Galicia e o norte e centro de Portugal, dende o minifundio ata a gran presenza do eucalipto e do piñeiro. Hai, ademais, unha gran comunicabilidade entre os dous territorios e, de feito, nin o Miño puido deter os incendios, que saltaron por riba. Debe haber unha coordinación e unha articulación moi superior entre as autoridades galegas e portuguesas, tanto no combate contra os incendios coma na propia investigación e no coñecemento do comportamento do lume, da xestión do monte e na prevención.

 

Pedro Soares, deputado do Bloco de Esquerda © esquerda.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.