0 Gardados para despois

Denuncian irregularidades na reapertura dunha canteira no Parque Natural de Enciña da Lastra

Redacción | @prazapublica

No ano 2002 a Xunta declarou a Serra da Enciña da Lastra como novo parque natural. Foi a última vez que un espazo acadou esta figura de protección en Galicia, a pesar de que xa no ano 2005 o Goberno galego prometeu a creación do Parque Natural do Courel. De feito, dende os anos noventa víñase reivindicando a creación dun amplo espazo protexido conxunto nas serras co Courel e de Enciña da Lastra. En calquera caso, o Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra si era unha realidade, protexendo "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego", en palabras de ADEGA. Porén, este espazo sofre dende entón numerosas ameazas, comezando polo proxecto de construción da Autovía da Ribeira Sacra e tamén polo mantemento (ou recuperación) da actividade mineira nas canteiras.

Este espazo sofre numerosas ameazas, comezando polo proxecto de construción da Autovía da Ribeira Sacra e polo mantemento (ou recuperación) da actividade mineira nas canteiras

É o caso da canteira de caliza Pereda nº 295, de Canteras del Noroeste, SA, que despois de moitos anos abandonada retomou as súas actividades hai tres ou catro anos, malia atoparse agora no interior da ZEC, ZEPA e Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra. Xa nese momento a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denunciou o feito e solicitou información ante a Xunta. "Tanto a Consellería de Economía e Industria como a de Medio Ambiente deron a calada por resposta aos escritos de SGHN demandando información sobre a canteira, ata que a Valedora do Pobo lles forzou a respostar conforme a lexislación que garante o dereito de acceso dos cidadáns á información ambiental", sinala a entidade.

A SGHN sinala que a canteira estivo sen actividade cando menos entre 2006 e 2011 (e posiblemente máis tempo, indican), polo que Canteras del Noroeste, SA "podería ter incorrido en causa de caducidade da concesión segundo o establecido na Lei de Minas" que establece que "as autorizacións de explotación de recursos declararanse caducadas por manter paralizados os traballos máis de seis meses sen autorización do Ministerio de Industria”. Con todo, a información facilitada -denuncia a SGHN- foi parcial e incompleta.

A SGHN sinala que a canteira estivo sen actividade cando menos entre 2006 e 2011, polo que tería incorrido en causa de caducidade da concesión segundo o establecido na Lei de Minas

A entidade solicítalle ao Conselleiro de Economía e Industria que "comprobe a existencia e autenticidade da documentación que debería ter presentada o titular da explotación no período 2006-2014 e se inicien todas as actuacións para que se depuren as posibles responsabilidades legais". Pide igualmente que "comecen os trámites para declarar a caducidade da autorización do aproveitamento por incumprimento das obrigas" establecidas na lei.

A SGHN lembra o impacto social que hai dúas décadas tivera o proxecto de CEDIE, SA para abrir unha canteira semellante no corazón do actual parque natural, unha canteira "que provocaría un impacto severo, permanente e irreversible sobre a flora, a fauna e a paisaxe", unha valoración que agora estende a estoutra explotación extractiva.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.