Tres sindicatos aceptan a oferta da Xunta e achegan a fin do conflito na Xustiza

Mobilización do persoal de Xustiza en Pontevedra © AX-CUT

A Xunta de Galicia rexeitou este venres prorrogar o prazo para decidir sobre a oferta que realizou aos sindicatos de Xustiza, logo de que a central maioritaria no sector, SPJ-USO, solicitase unha prórroga ata o vindeiro mércores 23 de maio para consultar o conxunto de persoal sobre a proposta presentada na mesa de negociación e que é idéntica á que rexeitou o persoal en votación. O Goberno deu un ultimato até este venres para aceptala; de non facelo, dicía sentirse "liberado" de calquera compromiso anterior

USO acepta a última oferta ante a posibilidade de que a Xunta a retire e a imposibilidade de consultar ao persoal de Xustiza

Ante esta negativa, o sindicato maioritario USO aceptou esta última proposta da Xunta e adheriuse ao preacordo presentado o 26 de abril e que o persoal desbotara na consulta do 27. Faino "ante a imposibilidade de consultar aos traballadores" e ante o temor a que a Xunta "inaplicase, suspendese ou retirase as condicións conseguidas" e que supoñen un aumento salarial de entre 140 e 122 euros segundo o corpo. 

UGT e CCOO, que xa abandonaran o comité de folga, decidiron tamén "asumir" a proposta e, nun comunicado conxunto, aclararon que o fan "por responsabilidade" e para "contribuír a que os beneficios dos obxectivos acadados polos traballadores se poidan aplicar coa maior inmediatez posible". 

UGT e CCOO asumen o acordo "por responsabilidade" e para que "os beneficios dos obxectivos acadados se poidan aplicar axiña"

Por iso, din, deciden asinar un acordo que "alcanza unha parte importante dos obxectivos da mobilización" e fano "sendo conscientes de que quedan aspectos que necesariamente corresponden ao ámbito da comisión de seguimento". 

Na outra banda, Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG non responderon ao ultimato dado pola Xunta xa que non consideran a mesa sectorial o foro axeitado para rematar o conflito mentres a folga siga vixente e porque lexitiman a votación do pasado 27 de abril, onde o 53% do persoal que participou xa rexeitara o acordo que agora se presenta. CSIF, mentres, segue a optar pola mediación e considera, como as tres centrais anteriores, que a Xunta pretende "pechar en falso" o conflito. 

CUT, STAJ e CIG lembran que este acordo xa foi rexeitado en votación e non dan por pechado o conflito

Este novo cambio de escenario chega cando se cumpren 101 días do conflito e dunha folga que está suspendida pero non desconvocada. Antes de que rematara o ultimato dado pola Xunta, ás 14 horas, a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Beatriz Cuíña, respondeu por escrito a SPJ-USO e advertiulle de que "non procedía a ampliación de prazo solicitada".

"Cremos que non ten sentido seguir alargando unha situación de conflito que se prolonga xa durante máis de tres meses e que os traballadores desexan pechar canto antes e porque consideramos que o tempo inicialmente fixado é suficiente para que poida formar a súa postura", di na súa contestación. 

O sindicato maioritario pedía máis tempo para poder consultar ao persoal de Xustiza sobre o ultimato da Xunta

No escrito entregado na mañá deste venres, o sindicato pedía máis tempo pola "escasa marxe temporal imposta" e poder así levar a cabo a consulta. Horas despois, e ante a negativa da Xunta, USO aceptou a úlima proposta "ante a imposibilidade real de poder modificar nin unha soa coma" do texto presentado pola Administración e "cun comité de folga totalmente roto, transcorrido preto de catro meses" de conflito e "coa incerteza que isto ocasiona a todos os traballadores". 

"Debemos dar o paso de adherirnos ao presente acordo, nun exercicio de responsabilidade e, sobre todo, de representivividade, ao ser o sindicato maioritaria na administración de Xustiza en Galicia", remata USO no seu comunicado. 

USO recoñece a imposibilidade de cambiar "nin unha soa coma" da última oferta, así como "a incerteza" e cansazo entre o persoal

Agora, haberá aínda que agardar acontecementos, aínda que o escaso seguimento que tiña a folga xa antes da súa suspensión e a aceptación de acordo por parte de tres dos catro sindicatos con representación, incluído o maioritario, achegan a fin do conflito. Na Xunta, dáse por rematado, tal e como advertira o vicepresidente Alfonso Rueda e tal e como reiterou este venres o presidente Feijóo. 

"Os traballadores están pedindo a todos coa súa decisión de incorporarse ao posto de traballo que resolvan o conflito", dixo o xefe do Executivo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que asegurou que "o que queren saber" os funcionarios de Xustiza é "se despois deste conflito hai algunha vantaxe desde o punto de vista laboral ou salarial". 

A proposta agora aceptada por SPJ-USO, UGT e CCOO supón un incremento salarial de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% desta suba neste exercicio en canto se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.

Tamén contempla un plan de recuperación do traballo paralizado polas xornadas de folga que se elaboraría co TSXG e coa Fiscalía e ao que se poderían adherir todos os traballadores do sector de forma voluntaria, secundasen ou non o paro. Ademais, inclúe unha cláusula de revisión para manter os emolumentos de por enriba da media das outras 12 comunidades máis o territorio Ministerio.

Desde CUT, STAJ e CIG advirten de que a negociación na mesa sectorial non é a legal mentres a folga siga convocada, non dan por pechado o conflito e xa teñen consultado aos seus servizos xurídicos a posibilidade de emprender algunha acción legal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.