0 Gardados para despois

A metade dos xuíces e fiscais secundan a folga en Galicia

Redacción | @prazapublica

Un día despois de que a folga de funcionarios da Administración da Xustiza se dea case por rematada logo de que a Xunta desactivase os servizos mínimos, os xulgados galegos viviron este martes outro paro. Desta vez, de xuíces e fiscais, que volveron mobilizarse para reclamar unha mellora nas súas condicións laborais nunha protesta secundada polas catro asociacións de maxistrados e as tres de fiscais. 

Centos de xuízos serán adiados ao día seguinte de que a Xunta desactivase os servizos mínimos doutro paro de máis de cen días

Cuns 20.000 xuízos e milleiros de trámites suspendidos pola folga do persoal administrativo, o paro deste martes fixo que se adiasen en Galicia centos de vistas máis, así como declaracións de testemuñas e outros traballos. Só os efectos do paro do funcionariado e os atrasos acumulados puido facer descender o seguimento con respecto a outros puntos do Estado, onde foi de máis do 65% entre os maxistrados e do 52% entre os fiscais. 

En Galicia a última hora da tarde non había aínda datos definitivos, aínda que entre os xuíces foran 166 dos 342 totais en activo os que anunciaran que secundarían o paro, practicamente o 50%. En total, suspendéronse unhas 146 actuacións xudiciais, xuízos ou declaracións, segundo os datos facilitados polos xulgados e os tribunais ao presidente do TSXG. Entre os fiscais, e segundo as fontes consultadas, tamén sería arredor do 50% do persoal o que secundaría esta folga. Foi, segundo estas mesmas fontes, un "éxito" que se deixou sentir "con forza" nos xulgados e que debería facer "reflexionar" o Goberno central. 

Todo neste martes, no que a Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) comezaron a preparar o plan de recuperación de traballo tras máis de cen días de folga. Ademais, os catro sindicatos que aínda se manteñen no comité de folga (CUT, CSIF, STAJ e CIG) decidiron recorrer á Valedora do Pobo e ao Defensor do Pobo a decisión do Goberno de abordar as reivindicacións do paro na mesa sectorial ao considerar que se está a vulnerar un dereito constitucional. 

Os sindicatos aínda no comité de folga recorren á Valedora e ao Defensor do Pobo o uso da mesa sectorial para pechar o conflito

Para estes sindicatos, a Xunta pasou por riba do comité de folga "para pechar o conflito", algo que cren que é "ilegal" por ir contra o dereito de folga recollido no artigo 28 da Constitución. Ademais, reclaman á Administración que "non peche en falso e cunha minoría" o problema tras lembrar que SPG-USO, UGT e CCOO, os tres sindicatos que se adheriron á proposta da Xunta, representan un 45,6% do colectivo. 

Ademais, valoran tamén "as accións legais" que poderían levar a cabo en canto se publique o acordo porque consideran que pode estarse cometendo unha "ilegalidade" ao ser o comité de folga "o único interlocutor válido" cando o paro non está desconvocado senón suspendido.

 

Protesta de xuíces e fiscais

Pola súa banda, a folga de xuíces e fiscais chega logo de catro paros parciais que se iniciaron o pasado 26 de abril e se repetiron cada xoves. Reclaman máis autonomía orzamentaria, maior independencia do Consello Xeral do Poder Xudicial ou cargas de traballo menos longas e máis axeitadas. Tamén a modernización da Administración de Xustiza, a mellora das condicións profesionais, a atribución á Fiscalía Xeral do Estado da formación de fiscais, a derrogación do sistema de prazos máximo de instrución ou a paralización da implantación da xustiza dixital polas eivas detectadas. 

Os datos de mobilización falan de que este martes 3.537 de 5.407 xuíces (65,4%) e 1.297 sobre 2.500 fiscais (51,9%) apoiaron a protesta no conxunto do Estado. A folga chega logo de que as asociacións se reunisen co Goberno central e non visen avances nas súas reivindicacións. O Executivo considera que a maioría das 14 propostas consensuadas están xa en trámite e o resto estudándose.

Precsamente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, participaron este martes na reunión da Comisión Mixta, que tivo lugar en Santiago. Tras a xuntanza aclararon que o plan para recuperar o traballo atrasado pola folga dos funcionarios non se poderá "materializar" ata setembro como mínimo e requirirá dun "importante esforzo económico" e da participación de xuíces, fiscais e secretarios xudiciais. Por iso, o Goberno galego reclamará a "implicación" do Ministerio de Xustiza e do Consello Xeral do Poder Xudicial. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.