0 Gardados para despois

A Xunta, ausente da declaración pola memoria histórica asinada pola maioría dos gobernos autonómicos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 22 de maio de 1938, hai hoxe 80 anos, tiña lugar en Navarra a fuga da prisión de San Cristovo, no monte Ezkaba. Aquel domingo 22 de maio malvivían no cárcere un total de 2487 presos e 795 deles decidiron fuxir, aínda que só tres chegaron á fronteira francesa. Entre os evadidos case douscentos tiñan orixe galega e 54 morreron na tentativa. Como explica Francisco Redondo Abal, dos case cinco mil condenados que pasaron por San Cristóbal entre 1936 e 1945, 654 proviñan de Galicia. "Eran xente do común: labregos, mariñeiros, canteiros, albaneis. Moitos militaban na CNT", relata. Redondo Abal subliña que esta efeméride pasa "inexplicablemente desapercibida" e reclama "un recoñecemento público" para os galegos que por alí pasaron, moitos deles despois de pasar por "cárceres e campos de concentración como San Simón, Camposancos, A Coruña ou Pontevedra". Unha tarefa pendente máis para a memoria histórica.

Co obxectivo de avanzar na recuperación desa memoria e "no dereito das vítimas á verdade, á xustiza e á compensación" o pasado mes de marzo tivo lugar en Navarra o 1º encontro da Rede Interautonómica de Memoria Histórica, na que foron convidados a participar todos os gobernos autonómicos. Alí estiveron 13 deles. Todos agás Madrid, Murcia, Castela-A Mancha e Galicia, que rexeitaron asistir ás xuntanzas e, igualmente, a asinar a Declaración Institucional de compromiso coa memoria histórica. Tres delas son comunidades gobernadas polo Partido Popular, aínda que cómpre salientar que as rexións de Castela-León e A Rioxa, tamén do PP, si participaron. Castela-A Mancha (PSOE) tampouco asinou a declaración.

Nas xuntanzas que tiveron lugar en Navarra a fuga da prisión do monte Ezkaba tivo un papel protagonista, coa visita de todos os e as representantes autonómicas aos restos da fortaleza e tamén aos traballos de exhumación de tres corpos en Urdaniz, correspondentes a tres dos presos que tentaron fuxir, pero que foron detidos e fusilados. As 13 comunidades participantes na Rede Interautonómica exploraron posibilidades de colaboración para avanzar nos procesos de recuperación dos restos das persoas represaliadas polo Franquismo, por exemplo compartindo esforzos entre os bancos de ADN que xa funcionan en Navarra, Andalucía, Euskadi e Cataluña.

A Declaración Institucional condena "o golpe militar de 1936 e a ditadura franquista" e manifesta o seu compromiso "co dereito das vítimas á verdade, á xustiza e á compensación". O texto afirma que "o noso compromiso, desde o respecto dos Dereitos Humanos e a defensa dunha cultura de paz, tolerancia e respecto, está con aquelas persoas que sufriron a inxustiza da violencia tras o golpe militar de 1936 e durante a ditadura franquista". O documento sinala igualmente que "as administracións públicas temos a responsabilidade de impulsar, de xeito activo, políticas que poñan en valor a lembranza do acontecido coma unha forma de avanzar cara a consolidación dunhas sociedades máis éticas, xustas, solidarias e democráticas".

Sevilla acollerá en outono o segundo encontro da Rede Interautonómica de Memoria Histórica, coa dúbida de se nesa cita se incorporará Galicia e os outros tres territorios ausentes. Anxo Doval enviou unha petición a todos os grupos parlamentarios para que sexa debatida a renuncia do Goberno galego a participar nesta rede e a asinar a Declaración consensuada pola maior parte das autonomías.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.