Camións de alta tonelaxe seguen entrando no vertedoiro de Miramontes malia carecer de permisos

A veciñanza do lugar alertou á policía do paso irregular de camións © STOPvertedoiro Santiago

Ao vertedoiro de Miramontes (en Grixoa, Santiago de Compostela) accédese por un estreito camiño rural (4,5 metros de ancho), ao que se chega dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra - Santiago). A vía, de titularidade municipal, coñécese como Camiño de Gandarón (ou Camiño da Igrexa de Grixoa) e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas. Porén por ela veñen pasando nos últimos anos ao redor de cen camións diarios, unha molestia continua para a veciñanza do lugar, que ten que aturar ademais o mal cheiro procedente do vertedoiro, as posibles filtracións á terra e a acuíferos e regatos e, así mesmo, os restos (plásticos, líquidos...) que de cando en cando os camións deixan ao seu paso.

A veciñanza de Miramontes, organizada na Plataforma de afectados polo vertedoiro, traballa para a completa paralización da actividade do complexo ambiental e a restauración do terreo. Pero de forma inmediata o seu día a día é a loita para impedir os paso de camións. Xa o ano pasado dirixiuse ao Concello de Santiago, quen confirmou que o vial tiña unha limitación de 5,5 toneladas para o seu tránsito e restituíu un sinal que así o sinalaba (e que desaparecera en anos anteriores). Así mesmo, informou de que unicamente a empresa Áridos CNC, xestora da canteira na que posteriormente foi instalado o vertedoiro, tiña autorización de paso para vehículos de tonelaxe superior. Porén, as outras dúas empresas que xestionan o complexo -UTE Eyrega e Tecnosolos Galaicos S.L.- carecían deste permiso e polo tanto non podían empregar estes camións para o transporte de residuos. 

A veciñanza do lugar demandou a presenza da Garda Civil en varias ocasións, pero nun primeiro momento os axentes comunicaron que non podían deter a actividade dos camións. A partir do 8 de maio os propios veciños e veciñas comezaron a parar os camións para informar aos seus condutores de que, de transgredir o sinal de limitación de tonelaxe do vial rural, serían denunciados a título particular. A presión social e a presenza do tema nos medios de comunicación levaron á empresa que xestiona o vertedoiro a paralizar o tráfico de vehículos pesados o 13 de maio. Porén, o tránsito de residuos foi retomado este luns día 21, dando pé a un curioso tirapuxa no que a empresa busca evadir os controis policiais para manter a actividade do vertedoiro.

Os camións que se dirixían ao vertedoiro comezaron a agruparse a unha certa distancia do control (1 ou 2 quilómetros) para agardar á marcha dos axentes e así poder ingresar á aldea e ao vertedoiro sen ser sancionados

Ante o reinicio do paso de camións, veciños e veciñas dirixíronse ao Concello de Santiago para confirmar que os camións de UTE Eyrega e Tecnosolos Galaicos S.L. seguían sen contar con permisos especiais para introducir camións de gran tonelaxe por esa vía. Chamaron tamén á Garda Civil, que a media tarde estableceu un control de tráfico, prohibindo o paso dos vehículos pesados. Nese momento, os camións que se dirixían ao vertedoiro comezaron a agruparse a unha certa distancia do control (1 ou 2 quilómetros) para agardar á marcha dos axentes e así poder ingresar á aldea e ao vertedoiro sen ser sancionados. Así o fixeron; ás 19 horas o control disolveuse e os camións comezaron a acceder de novo ao vial de forma irregular.

Ademais, destaca a plataforma, a empresa xestora do vertedoiro de Miramontes chamou á Policía Nacional denunciando que había menores cortando o tráfico. Os axentes dirixíronse ao lugar, comprobando que isto non era certo. Dende a plataforma sinalan que o seu obxectivo "non é cortar o tráfico". "Simplemente agardamos nunha beira do camiño para explicarlles aos camioneiros que non teñen permiso para pasar e que, de facelo, poderían ser multados; pero nunca se lles impide o paso dalgún xeito que puidera chegar a ocasionar algún perigo para a seguridade vial", sinalan.

 

Uns tecnosolos que non eran tal

As análises revelaron que os niveis de nitratos en lixiviados eran 43 veces superiores ao máximo legal e tamén era excesiva a presenza de cadmio, níquel, chumbo ou cobre

A antiga canteira de Miramontes comezou a funcionar como vertedoiro no ano 2008 e no 2015 instalouse alí unha planta de elaboración de solos artificiais, tamén coñecidos como tecnosolos. Trátase de fabricar solos de forma artificial a partir de residuos orgánicos e inorgánicos, mesturándoos de maneira que adquiran as propiedades desexadas, para utilizalos na recuperación de zonas degradadas. Neste caso, os residuos utilizados eran sobre todo lodos procedentes de depuradoras e dragados de rías de toda Galicia. Unha "idea boa" pero cunha execución concreta en Miramontes "moi mala, pésima, unha perversión deste sistema", en palabras de Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN. 

As análises efectuadas hai uns meses, con parámetros que superaban en moito os niveis máximos permitidos para varios elementos contaminantes (os niveis de nitratos en lixiviados eran 43 veces superiores ao máximo legal e tamén era excesiva a presenza de cadmio, níquel, chumbo ou cobre), levaron á paralización da actividade de Tecnosolos Galaicos, SL. En virtude dos resultados destas medicións, a SGHN demandáballe á Consellería de Medio Ambiente a paralización cautelar inmediata das actividades e o precinto das instalacións da planta. Tamén o inicio dun expediente sancionador contra Tecnosoles Galaicos, S.L. pola vertedura non autorizada de residuos mesturados contaminantes no medio natural. E, igualmente, a obriga á empresa de retirar do medio natural a totalidade dos “supostos tecnosolos”. Así mesmo, pedíalle á Xunta que colaborase coa Fiscalía de Medio Ambiente para avaliar a posibilidade de que existira un delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente.

A propia inspección ambiental da Xunta recollía a presenza de tres fontes na contorna próxima dos espazos de aplicación dos tecnosolos

No seu informe, a SGHN destacaba que a aplicación dos “supostos tecnosolos” non se realizaba conforme ao estipulado no proxecto aprobado. Por exemplo, o uso de tecnosolos está totalmente prohibido en fontes e pozos de captación de auga subterránea para abastecemento da poboación, segundo a lei. Porén, neste caso a propia inspección ambiental da Xunta recollía a presenza de tres fontes na contorna próxima dos espazos de aplicación dos tecnosolos.

 

Os camións agardan á marcha dos axentes de tráfico para pasar pola aldea © STOPvertedoiro Santiago
Este luns retomouse a actividade no vertedoiro de Miramontes © STOPvertedoiro Santiago
Algúns dos camións esparexen plásticos ou verten líquidos ao seu paso, denuncia a veciñanza © STOPvertedoiro Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.