0 Gardados para despois

A oposición á mina de cobre de Touro desbórdase na Arousa

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A oposición e rexeitamento á mina que Atalaya Mining pretende en Touro e O Pino desborda nas comarcas en alerta por este proxecto mineiro a ceo aberto. Tamén en toda a ría de Arousa, mobilizada como poucas zonas contra unha iniciativa que ameaza o Ulla a través da posible drenaxe dos seus abondosos contaminantes e de balsas de lodos de até 80 metros de altura no camiño dun río que desemboca nas augas das que viven milleiros de persoas. 

O auditorio de Vilagarcía quedou pequeno no acto que contou con representantes de todos os sectores produtivos, concellos e partidos

Na noite deste mércores, no acto informativo sobre as posibles incidencias da reapertura da mina na comarca, o auditorio de Vilagarcía quedou pequeno. Máis de 750 persoas encheron o espazo nunha xuntanza convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e que contou con representantes de todos os sectores produtivos, de todas as corporacións dos concellos e de todas as formacións políticos, entre eles varios alcaldes dcomo os da Illa, Cambados ou O Grove. 

"Estaba toda a ría e toda a pluralidade da súa sociedade", resume Xaquín Rubido, presidente da PDRA, que ve neste acto o "tiro de saída" e outro "impulso" de cara á gran manifestación contra a mina que pretende "encher" o Obradoiro o vindeiro 10 de xuño e lograr así que a Xunta denegue ás empresas as autorizacións para un proxecto do que advirten graves afectacións medioambientais e socioeconómicas. 

"Non é unha loita partidaria nin en clave política, senón de defensa dun modelo socioprodutivo, común a toda a sociedade"

"Non é unha loita partidaria nin en clave exclusivamente política, senón de defensa dun modelo socioprodutivo, común a toda a sociedade, independentemente das súas preferencias políticas", explica Rubido tras destacar o aplauso "espontáneo e masivo" que os congregados deron antes de comezar o acto aos representantes dos concellos. Todas as corporacións aprobaron nos últimos meses a moción impulsada polos colectivos contrarios á mina

"Non é cuestión de buscar culpas nin responsabilidades, senón de defender un modelo socioprodutivo común a todos e sustentable"

De feito, Rubido destaca como o acto acentuou o perfil técnico, informando ao auditorio das posibles afectacións do proxecto mineiro desde o ámbito científico e económico. "A clave era reparar en que temos un modelo en perigo se non se protexe e se planifica coa cabeza neste país e nesta sociedade", di Rubido, quen insiste en que" non é cuestión de buscar culpas nin responsabilidades, senón de defender un modelo socioprodutivo común a todos e poñer enriba de mesa unha realidade". 

Cal? "Que temos que optar polo modelo que queremos, o que ten demostrada a súa viabilidade e que, desta vez claramente, é sustentable económica e socialmente", explica quen advirte dunha ría e un modo de vida do que viven "milleiros de familias", non só directamente do mar, senón de todo o valor engadido que supón". "A ría, xa en primeira venda, dá máis que a mina", aclara. 

Nese ámbito centraron as súas intervencións os relatores: María de los Ángeles Longa, bióloga e directora do Consello do Mexillón; Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN); e Gonzalo Rodrígrez, doutor en Economía e profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago. Advertiron dun modelo baseado en fondos de investimento para unha extracción de cobre destinado fundamentalmente á China, das enormes cantidades de residuos que provoca, dos depósitos de contaminantes, dos riscos das balsas mineiras, das voaduras empregadas ou da desfeita que a primeira etapa da mina xa provocou na zona onde se asenta.

 "A Xunta debe pensar na Galicia real e non nunha quimera"

"Facemos un chamamento á cordura", explica Rubido, que espera que a Xunta "pense na Galicia real e non nunha quimera". "Estas empresas mineiras collen o cobre, sácano todo e aí nos quedan as balsas de lodos contaminantes drenando no río Ulla", explica quen cre que a mobilización é tamén cuestión de futuro e de honestidade: "Temos a obriga de deixar aos nosos fillos e netos unha ría modélica". De aí, di, o lema da manifestación do 10 de xuño. Non queremos unha herdanza envelenada

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.