Viveiro, dividido ante a construción dunha ponte que atravesaría a súa ría

Ría de Viveiro CC-BY-SA José Manuel García

O pasado mes de marzo a Xunta presentou a súa proposta para construír unha ponte sobre a Ría de Viveiro que evite ter que circular polo interior da vila e reduza os atascos que alí se producen, sobre todo no verán. O proxecto inclúe un viaduto de 1,7 quilómetros entre Celeiro e Escourido que custaría 65 millóns de euros, completándose por unha nova estrada de conexión coa LU-540 en Magazos, para dirixirse á A-8 e a A-6, cun investimento adicional de 35 millóns. A ponte formaría parte da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, que conectará nun futuro San Cibrao con San Sadurniño a través de Viveiro e Ortigueira.

A noticia iniciou un intenso debate na comarca sobre os beneficios e prexuízos de construír unha ponte que partiría en dous a ría, con posicións moi afastadas entre quen sitúan como prioridade a redución dos atascos na vila e a diminución no tempo de viaxe entre San Cibrao e Ortigueira e quen alertan do irreparable dano medioambiental e paisaxístico que provocaría a actuación. A división dáse tamén no espectro político da vila, cun apoio expreso do Partido Popular, dúbidas por parte do Goberno municipal do PSOE (que, con todo, evitou que o pleno municipal se posicionase en contra) e críticas por parte de Son Viveiro, do BNG e dos tres concelleiros non adscritos (anteriormente no BNG), que cualificaron a ponte de "aberración que supón unha nova cancela á ría”. Os grupos opostos á ponte propuxeron a convocatoria dunha consulta popular na localidade para coñecer a opinión da poboación sobre a proposta. 

Tamén se iniciou unha petición online para desestimar o proxecto destacando que "construír esta ponte sobre a ría de Viveiro alterará a contorna natural provocando a súa degradación co consecuente feísmo, a destrución da paisaxe -do todo incoherente co medio natural- e o consecuente impacto ambiental e visual que xerará". A petición engade que a defensa do medio e da paisaxe non entra en contradición "coa necesidade de desconxestionar o tráfico na zona e provela dunha mellor comunicación", pero sinala que "se deben buscar outras solucións viarias posibles, menos drásticas coa contorna e que xeren menor impacto ambiental".

"Débense buscar outras solucións viarias posibles, menos drásticas coa contorna e que xeren menor impacto ambiental", di unha petición

No que si coincidiron unhas e outras voces é en chamar á prudencia ante un proxecto que de momento non é máis que unha proposta escasamente detallada e que aínda carece dun estudo informativo ou dunha avaliación de tráficos. Neste senso, o BNG acusou a Núñez Feijoo de "provocar o enfrontamento entre a veciñanza de Viveiro", sinalando que a iniciativa "xera un debate baldío sobre un hipotético mega-proxecto que, como tal en sí e dentro do plantexamento da súa inconcreción, non resolve os problemas principais de comunicación e conexión de Viveiro". Tamén se alerta de que o viaduto sería, de momento, "unha ponte a ningures", pois en principio está pensado para formar parte da devandita Vía de Alta Capacidade Costa Norte, anunciada no ano 2001 con data de finalización en 2007, pero completamente estancadas e aínda en proceso de estudos informativos.

A raíz deste debate xurdiron outras propostas, que optan por limitar o proxecto a unha ponte entre Vieiro e Magazos (tamén contemplada na proposta da Xunta), cruzando o río Landro, e evitando o impacto na Ría de Viveiro. ViveiroDigital chegou a realizar unha enquisa na súa páxina entre as dúas opcións. Cómpre salientar igualmente que en 2006 existía un trazado consensuado que o Goberno de Núñez Feijoo desbotou en 2010, lanzando unha nova proposta, que contou cunha forte oposición veciñal en Magazos, e co rexeitamento igualmente de Concello e Deputación.

Ría de Viveiro CC-BY-NC-ND Marina
O proxecto da Xunta inclúe unha ponte entre Celeiro e Escourido que custaría 65 millóns de euros © ViveiroDigital
Na actualidade a maior parte do tráfico cruza pola Ponte da Misericordia, construído no século XVI CC-BY-NC-ND juan carlos peaguda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.