0 Gardados para despois

Traballadoras sociais alertan de que a nova estrutura do Sergas arrisca a atención a persoas "maiores e vulnerables"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O decreto que desenvolverá a nova estrutura de áreas do Servizo Galego de Saúde, unha das partes máis contestadas da reforma sanitaria aprobada en solitario polo PP o pasado marzo, xera preocupación na vertente estritamente sanitaria, pero tamén na social. O novo modelo organizativo sitúa entre os órganos directivos de cada área unha Xerencia, como ata agora, con cadansúa subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e mais de Humanización e Atención á Cidadanía. "Existirá", asemade, unha "coordinación de admisión" que asumirá, entroutras competencias, "as de coordinación de atención ao paciente e traballo social". Esa inserción é, precisamente, a que a xuízo do Colexio de Traballo Social e mais da Sociedade Científica de Traballo Social e Saúde pode poñer en risco a atención ás persoas máis "vulnerables" que son atendidas no Sergas.

Ambas organizacións profesionais veñen de rexistrar conxuntamente as súas alegacións ao proxecot, mostra dun "conflito real" que reclaman poder expoñerlle directamente ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquezl Almuíña, a través dunha xuntanza. Esta "delegación orgánica do servizo de Traballo Social aos servizos de xestión administrativa" é máis ca unha mera reorganización, afirman. Trátase, cren, de todo un "retroceso no desenvolvemento do Traballo Social en saúde", encadrando nun ámbito burocrático o que realmente é un papel de asistencia ás persoas.

Pero o papel das traballadoras sociais, advirten, van moi alén da burocracia. "Somos as xestoras dos casos sociosanitarios complexos" e o seu papel é o de "dar resposta a toda a problemática dos colectivos de maior vulnerabilidade", explican. Por exemplo, estas profesionais fanse cargo "das persoas en situación de abandono nos hospitais" ou das que dan en "situación de desprotección con grave risco para a súa integridade" física ou psíquica. Nestas situacións o papel destas traballadoras é tamén exercer de ponte coa Consellería de Traballo Social nun contexto no que, lembran, "de crecemento exponencial dos casos de emerxencia social nos últimos anos".

"Somos as xestoras dos casos sociosanitarios complexos" como "as persoas en situación de abandono nos hospitais" e casos nos que acaba intervindo a Fiscalía

"Moitos" destes casos, advirten, non fican unicamente entre o Sergas e Política Social, senón que "precisan da articulación de procedementos xurídicos mediante o Ministerio Fiscal" ou medidas xudiciais para, por exemplo, "proceder ás altas hospitalarias". Grazas a esta coordinación, afirman, "non hai nos nosos hospitais ningunha persoa abandonada, como si existen noutras comunidades autónomas" malia non ter "desenvolvido" en Galicia "un sistema asistencial de hospitais de atención sanitaria" como os que funcionan en Catalunya ou Madrid.

A "vertente comunitaria" cara ás asociacións de doentes e entidades sociais ou o voluntariado fai que o traballo social "requira a articulación dunha estrutura propia, acorde ás funcións e ás responsabilidades do colectivo profesional" e iso "en ningún caso se contempla no borrador do decreto". Non en van, afirman, a estrutura formulada pola Xunta "mesmo vai en contra da filosofía e principios que sustentan o propio decreto". Se a nova normativa consolida un modelo no que o traballo social depende do servizo de admisión, advirten, a Xunta estará a propiciar que os responsables da planificación hospitalaria xeral, as xerencias, "descoñezan a dimensión do traballo social" e o seu labor "esencial" para "a xestión da fraxilidade social e sanitaria".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.