0 Gardados para despois

A filla dunha falecida en Chandebrito lamenta a "diferenza" de trato entre as vítimas dos incendios e as do estoupido en Tui

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Por que diferenzas?". María Costas Otero é filla de Ángela Otero, unha das dúas falecidas no incendio que arrasou os montes de Chandebrito (Nigrán) o pasado outubro, un dos máis violentos da vaga na que arderon unhas 50.000 hectáreas de monte en toda Galicia en apenas dous días. Esa alusión ás "diferenzas" son o título dunha carta que María Costas remitiu a En Marea e que a formación divulgou este venres, no marco das súas xornadas parlamentarias Territorio queimado, territorio silenciado, que trataron diferentes aspectos dos incendios forestais. A "desgraza ocorrida en Tui" esta semana, co estourido dun almacén pirotécnico que matou dúas persoas e feriu unha corentena máis, fixo que Ángela "revivise con maior intensidade o que sufrimos dende o pasado 15 de outubro", pero tamén que detectase disparidades de trato por parte das autoridades.

"A Tui acudiu o vicepresidente da Xunta o mesmo día dos feitos e ao día seguinte, ao parecer, o presidente da Xunta", relata María na carta, e engade: "penso que cumpriron coa súa obriga". "Tamén, case dende o primeiro momento, enviaron equipos de axuda psicolóxica e considero que tamén isto é o correcto". Así e todo, lamenta, "pregúntome a que se deben tan substanciais diferenzas a respecto das actuacións e comportamento das autoridades" con relación "ás que tiveron co pobo de Chandebrito e cos familiares das dúas vítimas mortais".

"O incendio -lembra- na tarde do domingo 15 de outubro". O día 16, afirma, "a Chandebrito non acudiu ningunha autoridade" e "tampouco se enviaron equipos de axuda psicolóxica". "O mesmo ocorreu o día 17". Na xornada posterior aos falecementos só "se puxeron en contacto cos familiares das dúas vítimas" os "axentes da policía xudicial, para que lles facilitásemos fotografías e acudísemos a prestar declaración", así como para "recoñecer obxectos persoais e outras dilixencias". 

María Costas: "Pregúntome a que se debe a diferenza e a resposta non pode ser outra que, no caso de Tui, as autoridades consideran que non teñen ningunha responsabilidade no ocorrido e por iso se presentan sen problemas"

Neste escenario, lembra, o martes 17 "acudimos ao centro de saúde a pedir axuda psicolóxica, que foi concertada cos medios do propio centro para o día seguinte" e nesa mesma xornada "recibimos a primeira chamada dun conselleiro, ao que lle trasladamos o noso enfado". "Finalmente -relata- enviaron o equipo psicolóxico o mércores 18 a media tarde, cando estabamos acompañados polos nosos familires, amigos e veciños no tanatorio". Nese momento si "acudiron, entre outras autoridades, o presidente" e tamén o alcalde da vila. "Antes non existiamos, non tiñamos necesidades", censura.

María Costas lembra nesta carta que á contorna de Chandebrito tamén se achegaron outros "políticos" de "ámbito estatal", pero "só viñeron facer a foto". Mentres, láiase, "o presidente Rajoy nin sequera apareceu no Concello", o que a leva a pensar que "son incapaces de diferenciar entre o partido político do que é o alcalde e o desastre ocorrido" -o rexedor de Nigrán é Juan González (PSOE), que na noite dos incendios se atopaba en Madrid por mor da recuperación da doazón dun ril ao seu fillo, ausencia que Alberto Núñez Feijóo deu en reprochar no Parlamento-.

"Por como vivimos nós a nosa traxedia é polo que comparo como están facendo con esta de Tui" e "pregúntome a que se debe a diferenza", sinala a carta María Costas. "A resposta", ao seu xuízo, "non pode ser outra que a de que, no caso de Tui, as autoridades consideran que non teñen ningunha responsabilidade no ocorrido" e "por iso se presentan no lugar sen problema", reprocha.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.