0 Gardados para despois

2018: O ano do avance do carril-bici en Galicia?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este domingo celébrase o Día Mundial da Bicicleta, unha conmemoración aprobada pola ONU o pasado mes de abril que insta os Estados membros a fomentar o uso deste medio de transporte, impulsando infraestruturas axeitadas para favorecer este tipo de mobilidade sostible. Galicia está aínda moi lonxe doutros territorios no referido ás súas redes de carrís-bici e vías ciclables pero nestes momentos están en marcha un gran número de proxectos que entre este ano e o que vén ampliarán moito o número de quilómetros destas infraestruturas viarias. Algúns dos máis destacados están nas cidades, coma A Coruña, Vigo ou Lugo, pero tamén fóra dos espazos estritamente urbanos está prevista a adecuación de vías para o seu uso seguro por parte de ciclistas.

En Vigo está en construción un carril bici entre Samil e Teis que cruza polo tanto toda a cidade. Son un total de 10 quilómetros e supoñen un investimento dun seis millóns de euros. Ademais, dende o Concello prométese que esta actuación (unha rolda circular de 20 quilómetros) será a primeira dunha serie de obras que dotarán á cidade dunha ampla rede, dun 50 quilómetros, da que esta primeira vía será o eixo vertebrador, con varios percorridos secundarios que a complementarán, facilitando a conexión con todos os barios da cidade. Hai ano e medio o vigués Alexandre Mouriño presentou unha proposta de rede de ciclovías para a cidade olívica, como traballo de fin de Master en Arquitectura e Urbanismo na Escola Superior Gallaecia (Vila Nova de Cerveira).

Na Coruña tamén se completará este ano o carril-bici que unirá a Mariña coa Ponte da Pasaxe, cunha lonxitude de 5,3 quilómetros e un custo de dous millóns de euros. Ademais, están a piques de rematar as obras do carril-bici que unirá a rúa Ramón y Cajal co actual carril-bici universitario; e tamén será unha realidade a vía que unirá Perez-Ardá con Matogrande. Estes traxectos, que suman uns 9 quilómetros uniranse aos 17 quilómetros de carril-bici cos que xa contaba a cidade e que, principalmente, percorría o litoral entre o Parrote e O Portiño. No 2016 o Goberno municipal presentou o deseño dunha rede de carrís-bici que sumaría un total de 107,2 quilómetros en todo o Concello. A vía que nos vindeiros meses chegará ata a Ponte da Pasaxe conectará cos carrís-bici de Culleredo e Oleiros. Na actualidade a rede de carrís-bici na área metropolitana coruñesa suma xa 78 quilómetros en Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, A Coruña e outros concellos, e están en marcha proxectos en varias localidades para ampliar notablemente estes percorridos.

A pasada semana a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou a construción dun carril-bici de 15,2 quilómetros, nunha obra que conta cun investimento de 1 millón de euros financiado nun 80% por fondos europeos. O percorrido atravesará Avenida da Coruña, Ronda da Muralla, Parque Rosalía de Castro, río Miño cara o río Mera e rúa Mazaira e as obras estarán rematadas nun prazo de seis meses. Na actualidade Lugo contaba unicamente con 1,54 quilómetros de carrís-bici. Nestes 15 quilómetros haberá tanto carrís-bici segregados como rúas ciclistas. Nas denominadas rúas ciclistas reducirase a velocidade xenérica a 20 quilómetros/hora para garantir a seguridade. O proxecto tamén contempla aparcabicis e aparcadoiros cubertos; a localización destes aparcabicis será en calzada, substituíndo prazas de aparcamento de coches. Hai dous anos o enxeñeiro de camiños Jesús Martínez presentou unha proposta de 65 quilómetros de itinerarios ciclistas para Lugo.

 

Proxectos da Deputación da Coruña

Na actualidade a provincia da Coruña conta cun total de 640 quilómetros de sendas ciclistas e 67,5 quilómetros de carril bici. Porén, estas cifras poderían aumentan notablemente nos vindeiros meses. A Deputación da Coruña está a impulsar tres proxectos para construir 130 nuevos quilómetros de carril-bici, cun investimento total de 11 millóns de euros, dos que sete procederían dos fondos Feder. 30 dos quilómetros que se prevé construír servirán para ampliar o Carril Bici Metropolitano da Coruña nos concellos de Cambre, Carral, Abegondo, Bergondo e Betanzos. Tamén se prevé acondicionar unha vía verde entre Santiago e Cerceda, percorrendo 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do tren. Ademais, construiranse 59,6 quilómetros de carrís-bici para conectar 11 faros coas súas localidades máis próximas: Estaca de Bares, cabo Ortegal, punta Frouxeira, punta Nariga, Laxe, cabo Vilán, cabo Touriñán, Fisterra, cabo de Cee, Lariño e punta Queixal. O ente provincial espera que as tres actuacións estean completadas no ano 2020.

 

Máis vías verdes

Denomínanse vías verdes os percorridos peonís e ciclistas resultado do acondicionamento de infraestruturas en desuso, principalmente antigos trazados ferroviarios ou estradas sen servizo. Hai unhas 115 en todo o Estado, pero en Galicia só contamos de momento con unha, de 12 quilómetros entre A Pontenova e San Tirso de Abres, percorrendo a fronteira con Asturias.

Ademais do proxecto previsto que uniría Compostela e Cerceda, varios colectivos sociais e institucións levan tempo reclamando e traballando distintas opcións. Unha das que está máis avanzadas é a que uniría Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas e que conta dende hai anos co impulso dos gobernos municipais das tres localidades. O pasado mes de abril a Deputación de Pontevedra aprobou un investimento de 200.000 euros para apoiar o proxecto, duns 10 quilómetros de lonxitude. Outro proxecto que leva anos sobre a mesa é o dos treitos que unirían Pontevedra e Arcade e o que iría de Vigo a Redondela, que ademais se poderían unir incluíndo unha vía ciclista duns 15 quilómetros de lonxitude, permitindo así ir de Vigo a Pontevedra de forma segura. Pedaladas (Pontevedra), A Golpe de Pedal (Vigo) e As Salinas de Ulló levan anos reclamando a implicación das distintas administracións neste proxecto.

Outra das propostas que veñen gañando forza nos últimos tempos é a creación dunha ruta cicloturista en todo o litoral galego, dende Tui ata Ribadeo, un total de 866 quilómetros que ademais se integraría na rede europea EuroVelo. A Coordinadora Galega da Bicicleta, da que forma parte Crunia, A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Pedaladas e Verdegaia, apoia a proposta. EuroVelo xa proxecta un itinerario que percorrería o Camiño Francés a Compostela e que uniría deste xeito Galicia con Francia.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.