0 Gardados para despois

A protesta contra a manipulación alárgase entre o persoal da CRTVG

Redacción | @prazapublica

Persoal da TVG e da Radio Galega volveuse unir este venres á campaña en negro que levan a cabo traballadores e traballadores da RTVE desde hai varias semanas, en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa nos medios públicos galegos. Tras o éxito da protesta da pasada semana, xornalistas e demais traballadores vestiron de loito de novo e concentráronse na entrada principal da CRTVG, así como noutras delegacións. A mobilización alárgase, xunta máis apoios e faise máis visible, tamén a través das redes sociais coa difusión de mensaxes e fotografías de ducias de profesionais. 

Persoal da CRTVG volveu esixir a creación do Consello de Informativos e a denunciar a manipulación nos medios públicos galegos

Baixo os cancelos #VenresNegroTVG ou #VenresNegroRG, volveron ser varios os xornalistas e presentadores da televisión e da radio pública galega os que clamaron "por un xornalismo só ao servizo dos intereses do pobo a quen serve, sen máis dependencias" e "por un Consello de Informativos que observe, indague, verifique, ampare e denuncie". "Quero uns medios libres do poder político, traballar con liberdade", púidose ler nalgunhas das mensaxes, que foron reivindicadas tamén por compañeiros da TVE, que recibiron o apoio desde Galicia e mandaron de volta tamén os seus azos cara a San Marcos. 

Coincidiu a protesta na CRTVG co sexto Viernes negro de RTVE, que tivo entre os seus principais escenarios o Congreso dos Deputados. Os representantes da Cámara Baixa votaron este venres a moción de censura contra Mariano Rajoy. A mudanza no Goberno, malia que non terá un efecto inmediato na situación de bloqueo da radiotelevisión pública, é esperado por moitos dentro da Corporación.

Traballadoras e traballadores da RTVE amósanlle a saída ao seu presidente / @MujeresRTVE

Estamos, xa que logo, ante un Viernes negro diferente aos cinco anteriores, e que tamén se fixo visible no Congreso. Primeiro mediante os propios profesionais do ente público alí desprazados, que volveron vestir de loito pola situación de bloqueo. Así o compartiron nas redes sociais co cancelo #ViernesNegro6, que foi tendencia desde antes mesmo do comezo da sesión.

A nivel político, unha das que se situou a favor dos traballadores e traballadoras de RTVE foi Noelia Vera. A deputada de Unidos Podemos acudiu ao Congreso cunha chaqueta negra e o lazo laranxa de apoio aos profesionais do ente. Ademais, durante a súa intervención en TVE sinalou que "cambiar a dirección de RTVE e recuperar a independencia" é unha das melloras a realizar polo novo goberno.

Xornalistas de Europa Press, a SER ou Univisión uníronse tamén ás protestas dos traballadores de RTVE

Fóra do Hemiciclo, as redaccións tamén se tinguiron de loito. Tanto as das distintas delegacións repartidas por España como outros medios alleos á corporación. É o caso da cadea americana Univisión, que tamén quixo sumarse á xornada de protestas "porque non importa onde esteas, RTVE de calidade e plural é un dereito irrenunciable". Tamén o fixo o equipo de Hoy por Hoy con Pepa Bueno, quen fora presentadora do Telediario de La 1, á fronte, así como compañeiros de Europa Press ou da propia TVG. 

Dentro desta xornada de protestas, ademais, os traballadores da Corporación publicaron imaxes mostrando a porta de saída a José Antonio Sánchez e pedindo que o actual presidente de RTVE non permaneza no cargo "nin un minuto máis", tanto pola súa actual xestión á fronte da Corporación como polas súas últimas e polémicas declaracións recoñecendo que aparece nos papeis de Bárcenas.

Protesta polo #VenresNegro na sede da CRTVG

#VenresNegroTVG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.