O 'non' á planta de reciclaxe en Teo e a crítica á Xunta por facilitala une todos os partidos, tamén o PP

Pleno municipal no Concello de Teo © Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Á mobilización cidadá contra a mina de Touro uniuse a que ergueu o vertedoiro xa activo de Grixoa, a tan só seis quilómetros do centro de Compostela. Non moi lonxe, no concello de Teo, outra iniciativa vén de provocar un forte rexeitamento veciñal. A planta de reciclaxe de residuos impulsada polo grupo Toysal na antiga canteira de Casalonga mobilizou os veciños e provocou un acordo unánime do pleno municipal para rexeitar un proxecto que, como no caso da megamina, depende en última instancia da autorización da Xunta. Tamén o PP asinou unha moción contraria a esta instalación, reclamando ao Goberno galego que se opoña e que active as mudanzas lexislativas necesarias que impidan casos semellantes noutras zonas achegadas a núcleos de poboación de Galicia.

 Todos os grupos de Teo, incluído o PP, aprobaron unha moción rexeitando a planta de residuos e pedindo á Xunta que non a autorice

Coa veciñanza xa organizada na Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, o pasado xoves celebrouse un pleno en Teo no que todos os partidos con representación (PSdeG, Son de Teo-Anova, BNG e PP) votaron a favor dunha moción conxunta contra esta planta de residuos de orixe animal, xurros e lodos para a obtención de biogás e fertilizantes. No texto aclárase que "nunha primeira valoración técnica", a administración local xa comprobou a "grave repercusión e incidencia sobre a vida e a actividade de todos os núcleos urbanos e rurais que se sitúan nunha ampla zona arredor" desta instalación.

Ademais, critícase que, "nos últimos anos a Xunta promove lexislación que provoca a progresiva liberalizacion e desregularización das actividades e usos do solo rústico, en especial a Lei do Solo de Galicia, con consecuencias graves e moi perigosas, como neste caso [en Teo] ou no caso das pirotecnias, por todos xa coñecidos". 

 O pleno critica que a Xunta promova lexislación como a Lei do Solo, que "provoca a progresiva liberalizacion e desregularización das actividades e usos do solo rústico"

Así, o pleno acordou "rexeitar" que a instalación desta planta "sexa unha actividade permitida en solo rústico, conforme ao establecido no artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia". Refírese ao permiso que a nova lexislación dá para que este tipo de solo albergue actividades como as "comprendidas no ámbito da lexislación mineira, incluídos os establecementos de beneficio, e pirotecnias" ou aquelas de "primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario". 

Todos os grupos reclaman tamén que se "adopten todas as medidas necesarias" para "evitar a instalación desta planta de reciclaxe na Casalonga" e solicitar unha reunión co presidente da Xunta, a conselleira de Medio Ambiente e os grupos parlamenarios para exporlles as "causas deste rexeitamento". 

Así, o pleno municipal de Teo reclama tamén á Xunta "os cambios lexislativos necesarios para que estas situacións, e outras de igual gravidade, non se dean en solos próximos a zonas residenciais de Galicia". Ao tempo, amosa o seu "apoio" ás reivindicacións da veciñanza "destinadas a defender os seus dereitos e a súa calidade de vida e poñer á súa disposición os medios e os recursos para informalos e asesoralos".

Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta de reciclaxe / © Habitaq

Brión e Ames fan fronte común con Teo

Pero non só Teo amosou o seu rexeitamento á planta. O alcalde de Teo, Rafael Sisto, xunto á concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, reuníronse con representantes dos concellos limítrofes de Ames e Brión e que tamén sería afectados pola actividade da planta. Os dous municipios acordaron facer fronte común xunto a Teo para opoñerse a esta instalación, presentando as tres administracións locais alegacións ao proxecto cando este estea sometido a exposición pública. 

Brión, Ames e Teo acordaron unirse contra a planta e presentar alegacións ao proxecto cando sexa sometido a exposición pública

Como ocorre no caso do proxecto megamineiro en Touro e O Pino, desta vez tamén representantes institucionais do PP das localidades posiblemente afectadas uníronse ao clamor social contra iniciativas sobre as que pairan moitas dúbidas e temores e ás que acusan de valerse da laxa lexislación da Xunta en materia mineira ou do solo. 

Prevista na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, a planta prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación. Ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000. 

A planta de 135.000 m2 prevé unha balsa de 7.000 m3, dous gasómetros, un espazo para 20 camións ou unha nave de recepción de residuos

O proxecto, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.

Tanto a plataforma veciñal como o informe técnico encargado polo Concello advirten dos riscos e das posibles afectacións sociais, medioambientais e económicas dun proxecto que, coinciden, non elixiu o lugar máis axeitado para situarse ante o achegado da poboación e de varios núcleos. 

Adega ve no proxecto "o aproveitamento dun espazo degradado para depositar residuos" e non "unha verdadeira planta de reciclaxe"

Ademais, a asociación ecoloxista Adega tamén fixo unha primeira análise do proxecto no que asegura que a súa "principal eiva" está en que non se garante a calidade dos produtos a reciclar, ao non especificarse as características dos residuos de entrada, en particular no seu contido a metais pesados". Ademais, advirte tamén de que "a distancia de transporte ten unha influencia grande sobre o balance ambiental, establecéndose como criterio orientativo para plantas de compostaxe un radio de 30 km do lugar de implantación da instalación". "A capacidade total, máis de 75.000 t/ano, é moi elevada", advirte a entidade, que repara nestas e noutras "deficiencias do proxecto" que "fan pensar que se trata máis ben de aproveitar un espazo degradado onde depositar residuos que nun verdadeiro proxecto de reciclaxe e economía circular". "Lamentablemente, non sería a primeira instalación autorizada con estas premisas que finalmente converten o lugar nun vertedoiro de residuos", di. 

Por outra banda, a eurodeutada de AGE, Lídia Senra, comprometeuse nunha visita realizada á zona en levar a problemática ao Parlamento Europeo, mentres que o BNG xa ten tramitado unha pregunta para ser contestada pola conselleira de Medio Ambiente en sede parlamentaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.