0 Gardados para despois

O conflito dos TAC en Vigo amosa os problemas da non integración de Galaria no sistema sanitario público

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este martes unha ducia de pacientes do Hospital Álvaro Cunqueiro (CHUVI) que estaba citados dende había meses para facer un TAC -algúns enfermos de cancro- tiveron que regresar ás súas casas pola negativa da empresa Galaria a realizar as probas. A razón de fondo é a non integración na estrutura sanitaria viguesa desta empresa pública de xestión de alta tecnoloxía, dende hai uns meses dirixida pola ex-conselleira Rocío Mosquera. Durante anos Galaria era a única encargada de realizar resonancias magnéticas en Vigo aínda que integración funcional decidida no ano 2016 buscaba permitir que os servizos de radioloxía da área sanitaria viguesa puidesen facer resonancias magnéticas e, a cambio, Galaria levaría cabo TACs ou ecografías. Dende o mes de febreiro radiólogos do CHUVI non adscritos a Galaria teñen a posibilidade de realizar resonancias, pero Galaria négase a facer outras probas, a pesar de que "os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas son realizadas por persoal estatutario", lembra CIG-Saúde.

"O Conselleiro é o responsable último de manter esta situación, unha completa anomalía na sanidade pública galega, que, unha vez máis, é tolerada en Vigo", di CIG-Saúde

Este conflito devolve á actualidade a polémica creación de Medtec nos anos 90 (reconvertida en Galaria en 2008) e a externalización da alta tecnoloxía sanitaria e a súa xestión con criterios mercantís, algo que seguen denunciando os sindicatos médicos e os propios profesionais do CHUVI. O pasado 5 de abril a maior parte dos e das profesionais do servizo de Radioloxía da área sanitaria viguesa asinaron un escrito no que pedían "a integración real e completa dos profesionais de Galaria, feito que ata agora non sucedeu" e reclamaba que "o paciente" e non "a técnica" estivese no centro dos obxectivos da alta tecnoloxía sanitaria".

Neste senso, CIG-Saúde critica igualmente o mantemento "do modelo organizativo e retributivo de Galaria, no que se paga por informes radiolóxicos efectuados en oposición ao modelo de prestación da sanidade pública, guiado polo interese público". "O Conselleiro é o responsable último de manter esta situación, unha completa anomalía na sanidade pública galega, que, unha vez máis, é tolerada en Vigo", subliña Manolo Moreira, secretario comarcal de CIG-Saúde.

O Consello de Contas alertou en 2012 de que as "desproporcionadas diferenzas na recorrencia á realización de exploracións permiten cuestionar que o uso destas técnicas estea a desenvolverse con racionalidade"

O sindicato lembraba este martes que na área sanitaria de Vigo se realizan o dobre de resonancias magnéticas que na Coruña, contando con hospitais de tamaño semellante. E atopaba a resposta no beneficio económico obtido por Galaria pola realización de máis probas. De feito, en novembro de 2014 o Consello de Contas subliñaba no seu Informe de fiscalización de diagnóstico por imaxe de alta definición a "elevada proliferación de exploracións per capita" por resonancia magnética "realizadas no CHUVI" e concluía que "tan desproporcionadas diferenzas na recorrencia á realización de exploracións nos distintos centros hospitalarios permiten cuestionar que o uso destas técnicas estea a desenvolverse con racionalidade". De feito, os datos correspondentes ao ano 2012 publicados polo Consello de Contas amosaban que na área viguesa se realizaban 55 resonancias por cada mil habitantes, ao redor do dobre que na A Coruña (25) e en Compostela (30) e moi por riba da media galega (32). O número total en Vigo achegárase aquel ano ás 25 mil (24.236) tantas coma na Coruña e Compostela xuntas (13.657 e 11.882).

Vigo segue realizando moitas máis resonancias magnéticas que áreas sanitarias e hospitais de tamaño semellante, algo que non sucede noutras probas radiolóxicas

Os datos dos últimos anos publicados nas memorias do SERGAS permiten constatar que esta desproporción se mantén. Vigo segue realizando moitas máis resonancias magnéticas que áreas sanitarias e hospitais de tamaño semellante, algo que non sucede noutras probas radiolóxicas. No gráfico obsérvase que comparando Vigo e A Coruña o sen número de exploracións mediante TAC (tomografías axiais computerizadas) son equivalentes, mentres que as probas mediante resonancia magnética son entre un 66% e un 78% superiores na cidade olívica. No ano 2015 o SERGAS pagáballe a Galaria por cada resonancia ao redor de 120 euros, o que elevaba o gasto anual ata os tres millóns de euros.

"Os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de Galaria non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria", conclúe Moreira

Manuel González Moreira, secretario comarcal de CIG-Saúde volvía reclamar este martes que os criterios médicos e o "interese público" definan a utilización da alta tecnoloxía sanitaria e das probas diagnósticas: xustificación da exploración, ter en conta parámetros que permiten mellorar a confortabilidade e trato humano ao paciente, valorar a calidade do informe radiolóxico e non só o tempo empregado en facelo, ou promover proxectos de investigación a pé de máquina que permitan o avance científico e mellorar a atención ao paciente. "Os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de Galaria non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria", conclúe Moreira.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.