Persoal da CRTVG mobilízase noutro 'venres negro' que na TVE esperan que sexa o último

Mobilización de persoal da CRTVG en San Marcos CC-BY-SA Praza Pública

Outra venres de protesta nos medios públicos galegos. Persoal da TVG e da Radio Galega uníronse outra vez á campaña en negro que levan a cabo traballadores e traballadores da RTVE desde hai varias semanas, en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa.

Persoal da CRTVG volve denunciar a manipulación informativa e a demandar un Consello de Informativos no terceiro 'venres negro'

Xornalistas e demais traballadores volveron vestir de loito de novo e concentráronse na entrada principal da CRTVG, así como noutras delegacións. A mobilización mantense, faise máis visible, tamén a través das redes sociais coa difusión de mensaxes e fotografías de ducias de profesionais, e acompaña á dos compañeiros da corporación pública estatal, que agardan que a xornada reivindicativa sexa a última tras o cambio no Goberno central. 

De novo baixo os cancelos #VenresNegroTVG ou #VenresNegroCRTVG, varios xornalistas e presentadores da televisión e da radio pública galega reclamaron medios libres, sen manipulación e plurais, tanto na sede central de San Marcos como en diferentes delegacións do país. 

Mentres, os traballadores e as traballadoras de RTVE viviron este venres o seu sétimo venres negro nunha xornada marcada pola esperanza en que a situación da Corporación poida desbloquearse tras o cambio de rumbo político no Estado. Un desexo que expresan cos cancelos elixidos para a ocasión #OjaláElÚltimo e #NegroEsperanza, confiando no suposto cambio de postura do PP ao sumarse ao "consenso" para renovar RTVE tras os cambios dos letrados no concurso.

O persoal de RTVE espera que a deste venres sexa a última xornada de protesta tras sumarse o PP ao "consenso" para renovar a Corporación

O PP, logo de meses bloqueando a renovación do Consello de Administración e a Presidencia de RTVE mentres estaba no Goberno, anunciou agora a súa intención de votar este mesmo martes na mesa do Congreso a "proposta de resolución" para o concurso público de RTVE cos cambios introducidos polos letrados.

Unidos Podemos e o PSOE pediron uns días máis para estudar o novo texto e comprobar "se é respectuoso" co documento primitivo proposto e consensuado por todos os grupos parlamentarios, agás precisamente o PP. A mesa volverá reunirse o martes que vén para aprobar a proposta definitivamente.  

Mediante un comunicado difundido nas súas redes sociais, o movemento Mujeres RTVE celebra que o PP se sumase ao consenso, pero manteñen a súa reclamación pola urxencia de convocar o concurso público, xa que "cambia o presidente do Goberno. Cambian os ministros. Pero en RTVE seguen os mesmos directivos, manteñen o control editorial e manipulan como fixeron sempre".

Unha urxencia que se manifesta noutro dos cancelos usados na xornada, #DensePrisa, dirixido aos políticos, e que comparte o Consello de Informativos de TVE, que acaba de publicar un informe no que se detallan máis exemplos de manipulación na canle pública.

Malia recoñecer que están "esperanzadas con este cambio de rumbo", queren manter "cautela" e seguir "firmes e esixentes" na "defensa dunha RTVE despolitizada". Por iso relanzaron a campaña #AsíSeManipula a través das redes sociais, na que contan exemplos concretos de como os responsables en TVE manipularon ou obrigaron a manipular aos seus traballadores.

Persoal da CRTVG, este venres na súa sede central de San Marcos Dominio Público Imaxe divulgada polo persoal da CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.