0 Gardados para despois

A planta de biomasa prevista por ENCE inclúe un edificio de 50 metros de altura cunha cheminea de 70

Redacción | @prazapublica

O Concello de Pontevedra esixe a paralización da modificación do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal que ENCE está a tramitar para levar a cabo unha ampliación das súas instalacións en Lourizán, que inclúe a construción dun secadeiro de cortizas, unha planta de regasificación e, sobre todo, dunha central de biomasa. O Goberno municipal da cidade remitiulle á Xunta senllos informes técnicos dos departamentos de arquitectura, enxeñaría e urbanismo que fan fincapé na situación de ilegalidade na que se atopa a factoría, denuncian, e tamén no notable impacto paisaxístico que provocaría algunha das novas construcións. 

En concreto, mentres o secadeiro de cortizas e a planta de regasificación acadarían unha altura duns 20 metros, a planta de biomasa chegaría aos 50 metros de altura, engadindo ademais unha cheminea duns 70 metros, como xa adiantamos o pasado mes de abril. "As súas dimensións causarían un gran impacto visual, rachando a escala da súa contorna inmediata, na que se atopa o conxunto parroquial de Santo Andrés de Lourizán e a finca e Pazo de Lourizán, ámbalas obxecto de protección en materia de patrimonio cultural. Asemade, as instalacións previstas non pasarían desapercibidas desde unha perspectiva dende o mar ou dende os areais e núcleos de poboación de Poio", subliña o Concello de Pontevedra.

O edificio acadaría unha altitude equivalente a un edificio de 16 andares e medio, superando o nivel máximo permitido polo PXOU "que con carácter xeral limita as alturas a B+6 en todo o termo municipal"

Dende o Goberno municipal explícase que xa o edificio da planta de biomasa acadaría unha altitude equivalente a un edificio de 16 andares e medio, superando o nivel máximo permitido polo PXOU "que con carácter xeral limita as alturas a B+6 en todo o termo municipal". O Concello de Pontevedra acusa ademais a ENCE de "incluír imaxes e vistas que levan a engano", para tentar minimizar o impacto causado pola nova construción. A propia empresa recoñece que o novo edificio terá un impacto “negativo significativo” sobre a paisaxe e “negativo non significativo” sobre o ciclo da auga.

O Concello de Pontevedra esixe, ademais, un informe específico de Augas de Galicia "en relación ao destino final do caudal concedido con destino a usos industriais da factoría e o seu posible desvío para fornecer á empresa ELNOSA". Igualmente, alerta de que a planta "carece de título concesional para o emisario dos Praceres" e lembra "a oposición deste Concello a que a legalización da vertedura do efluente de ENCE e a autorización de verteduras a través do emisario a legalizar se fagan conxuntamente para as augas residuais urbanas depuradas e as de orixe industrial de ENCE".

Finalmente, o Goberno local de Pontevedra subliña que a planta de biomasa "vai ter efectos moi negativos sobre o medio ambiente, non só na contorna da fábrica, senón en todo o eido rural e forestal galego, propiciando o monocultivo de especies que deberan ter a consideración de invasoras". A propia empresa xustifica a súa nova planta de biomasa en Lourizán coa “imparable extensión do eucalipto en Galicia”, unha planta que necesitará queimar ao redor de mil toneadas diarias de biomasa (procedente sobre todo de madeira de eucalipto) para a produción eléctrica prevista de 40 MW.

A planta "vai ter efectos moi negativos sobre o medio ambiente, non só na contorna da fábrica, senón en todo o eido rural e forestal galego, propiciando o monocultivo de especies que deberan ter a consideración de invasoras", salienta o Concello

A Asociación pola Defensa da Ría convocou para este sábado 16 a súa marcha anual contra ENCE e Elnosa, esixindo do novo Goberno de Pedro Sánchez a anulación da prórroga de 60 anos concedida a ENCE polo Executivo de Mariado Rajoy. Antón Masa, presidente da entidade, subliña que "a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra é un problema para toda Galicia", en referencia ao impulso que a súa actividade supón para a extensión sen control das plantacións de eucalipto por todo o territorio.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.