0 Gardados para despois

Mil nomes para o memorial dos asasinados polos franquistas en Ferrolterra

Redacción | @prazapublica

Tal día coma hoxe, Xaime Quintanilla nacía na Coruña, nun 13 de xuño de 1898. En 1931 converteríase no primeiro alcalde republicano de Ferrol, destituído en 1934 e restituído tras a vitoria da Fronte Popular en 1936. Renunciou ao cargo aos poucos días para logo ser detido en dúas ocasións e fusilado o 18 de agosto polos fascistas xunto con outras 14 persoas nas tapias do cemiterio de Canido.  O seu nome é un dos máis de 950 que conforman xa a listaxe elaborada polos historiadores Bernardo Máiz Vázquez e Xosé Manuel Suárez para culminar o proxecto impulsado polo Concello ferrolán para a elaboración dun memorial de homenaxe ás vítimas do franquismo na súa comarca, ademais de na do Eume e o Ortegal. 

Os historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez completaron a listaxe dos máis de 950 asasinados polo franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Será nese mesmo lugar onde mataron a Quintanilla e outras persoas onde se prevé erguer un monumento, tal e como aprobara o pleno municipal o pasado 29 de setembro do 2017 nunha moción presentada precisamente por Bernardo Máiz en representación dun amplo grupo de historiadores, familiares das vítimas e activistas sociais de Ferrolterra e aprobada cos votos a favor de todos os grupos e a abstención do PP.

O memorial, segundo a moción, deberá "recoller dignamente a nómina alfabética e cronolóxica" das vítimas do franquismo nos 25 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, recompilación que levan tempo facendo Máiz e Suárez e da que xa hai resultados logo de "dificultades para pescudar as identidades de todas as vítimas", como destaca o Concello de Ferrol. A listaxe, agora pública, é froito do xa feito antes e do "contrastado na análise dos sumarios dos consellos de guerra que produciu a represión", así como da "investigación en rexistros civís e parroquiais".

A listaxe dos asasinados será pública durante 15 días para que se poidan advertir de "inexactitudes, omisións, erros ou ausencias"

A listaxe é xa pública e permanecerá quince días pendurada na web do Concello de Ferrol para que aqueles familiares ou coñecidos das vítimas poidan comunicar a través dun formulario as "inexactitudes, omisións, erros ou ausencias" que poida haber. É, segundo a administración local, unha base de datos "moi fiable e completa de persoas represaliadas" e na que se comoprobaron amén as datas e lugares dos asasinatos. 

"Do Ortegal ao Eume, o número de vítimas de fusilamentos e de paseos entre 1936 e 1939 supera con moito as 800", advirte o Concello, que lembra que, "tristemente, a represión continuou durante toda a ditadura e aínda sobrepasou a morte do ditador, de xeito que a cifra total de persoas asasinadas ata 1976 achegase ás mil".

En Ferrolterra, Ortegal e Eume o franquismo fusilou e 'paseou' unhas 800 persoas entre 1936 e 1939

Na listaxe, 968 nomes, ademais de 16 "descoñecidos" dunha sublevación militar e posterior represión que, só entre o 20 e o 25 de xullo de 1936, deixou en Ferrolterra-Eume-Ortegal 41 persoas mortas en enfrontamentos directos entre os grupos sublevados e os defensores da legalidade republicana. Porén, unha vez que as novas autoridades franquistas se fixeron con control total do territorio iniciouse "a terrible secuencia cotiá de asasinatos irregulares e de execucións en aplicación dunha  normativa militar sempre ilegal por derivar dun golpe de estado", segundo destacou o propio Bernardo Maiz na presentación na moción aprobada.

A maioría dos asasinatos producíronse entre 1936 e 1939, case un cento entre 1940 e 1954 e algúns máis despois. Entre eles tamén se atopan os 42 ocupantes do mercante Udondo, executados en setembro no cemiterio de Serantes. O historiador lembrou que nesta área foron sete os rexedores executados (Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Serantes), ademais de 40 concelleiros ou do simbólico caso de Quintanilla. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.