0 Gardados para despois

O Tribunal Supremo declara nulos os despedimentos de mestres interinos no verán

Redacción | @prazapublica

O Supremo sinala que esta práctica supuña unha vulneración do principio de non discriminación

Ata agora era habitual que un gran número de mestres e mestas interinas fosen contratatos en setembro para cubrir unha praza durante todo o curso escolar, sendo despedidos e despedidas en xuño e non cobrando os meses de xullo e agosto. O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza que declara nulo o cesamento o 30 de xuño destes e destas mestras, ao considerar que esta práctica supón unha vulneración do principio de non discriminación recollida no Acordo Marco sobre o traballo de duración determinada presente na Directiva 1999/707. A situación deste colectivo variaba entre unhas e outras comunidades autónomas e en Galicia, por exemplo, só cobraban os meses de xullo e agosto os e as docentes que cobren prazas vacantes pero non os e as substitutas. 

O tribunal estimou o recurso de casación exposto pola Asociación de Interinos Docentes da Rexión de Murcia, contra unha sentenza do TSJ de Murcia que apoiaba o feito de cesar estes e estas docentes. No seu recurso, alegaban que a sentenza establecía unha diferenza de trato arbitraria entre funcionarios interinos e de carreira, posto que ante un mesmo traballo uns non cobran as retribucións correspondentes aos meses de xullo e agosto, pero outros si.

A situación deste colectivo variaba entre unhas e outras comunidades autónomas e en Galicia, por exemplo, só cobraban os meses de xullo e agosto os e as docentes que cobren prazas vacantes pero non os e as substitutas

Para o tribunal, a relación laboral entre o funcionario docente interino e a Administración educativa "queda truncada cando aínda non concluíron as funcións, labores e actividades que son propias dese concreto posto de traballo para que o funcionario interino foi nomeado, que non son só as de estrito carácter lectivo, senón tamén outras que normalmente levan a cabo no mes de xullo do curso escolar e que, ademais, contribúen á mellor preparación do profesorado e á mellor ou máis eficaz prestación do servizo educativo, como poden ser as de análises do curso, elaboración da memoria escolar, programación do curso seguinte, etc".

A sentenza lembra que os e as docentes levan a cabo un importante labor no mes de xullo, fora do período estritamente lectivo

No recurso ao que o Tribunal Supremo vén de dar a razón cualifícase como "unha monstruosidade prohibida polo Dereito Laboral" o feito de "contratar un traballador para que realice as súas funcións mentres a empresa está aberta e, cando esta pecha no verán, despedilo e volvelo contratar en setembro para non pagarlle as retribucións situadas no período vacacional". O ditame sinala tamén algúns dos prexuízos que esta práctica supón para os afectados: a privación de retribucións nos meses de xullo e agosto, a diminución proporcional do número de días de vacacións retribuídas, así como a incidencia na cotización á Seguridade Social e as consecuencias derivadas delas.

A Sala destaca que o Acordo Marco engloba a todos os traballadores, sen establecer diferenzas en función do carácter público ou privado do empregador para o que traballan. E que, por tanto, as disposicións contidas no devandito acordo aplícanse aos contratos e relacións laborais de duración determinada celebrados polos órganos da Administración e demais entidades do sector público. O tribunal precisa que a súa decisión afecta a estes profesores que se atopan na situación descrita pero non aos que son nomeados cando o curso escolar xa avanzou por períodos inferiores á duración deste, denotando por iso unha necesidade ocasional e transitoria.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.