0 Gardados para despois

"Debemos recoñecer a medida valente do novo Goberno co Aquarius. É fundamental que non abandone esa ruta"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este xoves botou a andar na Coruña a segunda edición de Acampa, un evento que durante tres días buscará concienciar a poboación sobre a situación na que viven millóns de persoas refuxiadas en todo o planeta, facendo presión para que o Estado español cumpra cos seus compromisos de acollida, para que a UE mude as súas políticas de fronteiras e para que se recoñeza o dereito de asilo por cambio climático. Ata o sábado haberá conferencias, debates, exposicións, obradoiros, concertos, coa presenza de representantes de partidos políticos e organizacións sociais, de forma especial aquelas ONGs como Camiñando Fronteiras ou OpenArms que traballan directamente coa poboación migrante ou rescatando as embarcacións que navegan polo Mediterráneo con serio risco para as vidas dos seus ocupantes.

A maior parte das actividades terán lugar nos Xardíns de Méndez Núñez, onde se sitúan ducias de espazos das organizacións colaboradoras, unha ampla carpa e, ademais, un simulado campamento de refuxiados. Acampa 2018 conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial e ten a colaboración da UDC.

Na inauguración, que se celebrou este xoves pola mañá, cobrou un papel protagonista o rescate do Aquarius e o traslado dos seus ocupantes a territorio español. Xosé Abad, coordinador de Acampa, destacou que "temos que recoñecer a medida valente que toma o novo Goberno. É fundamental que non se abandone esa ruta", subliñando que "se temos un goberno progresista, debe facer presión en Europa para que as cousas cambien". Abad destacou que Acampa quere converterse "nun proxecto de escala internacional, un modelo que nace na Coruña pero que ten a vontade de ser un exemplo para cidades de todo o planeta". "Queremos que outras urbes tomen a idea, se fagan con ela e a reproduzan", engadiu. 

Abad tamén incidiu nun dos obxectivos desta segunda edición do evento, o recoñecemento do dereito de asilo por cambio climático: "Tentaremos desenvolver unha iniciativa popular para presionar a Europa e aos distintos gobernos da UE para que se lexisle a favor do dereito a refuxio por cambio climático". E sinalou que dende Acampa  "incidiremos e faremos ruído para que se deixe de criminalizar a xente que salva vida e que co seu traballo substitúe o labor que deberían estar realizando gobernos que se definen como democráticos". O coordinador de Acampa rematou indicando que "o problema do refuxio non é recibir as persoas refuxiadas, iso é un parche". "O que temos que facer é recoñecer que se estiveron esquilmando de forma colonial as riquezas dos diferentes pobos do mundo", dixo.

Na inauguración, representantes das varias ducias de entidades sociais, sindicatos e partidos que impulsan a organización de Acampa leron o manifesto redactado para esta segunda edición. Nel destacouse tamén a demanda do recoñecemento do dereito de asilo para persoas desprazadas por cuestións climáticas: "Segundo os informes da ONU, no próximos trinta anos o número de persoas que van necesitar refuxio por cambio climático pode oscilar entre 250 e 1.000 millóns. A maioría serán desprazados no seu propio territorio e uns poucos, os que teñan máis recursos, poderán tentar cambiar de país". O texto rematou subliñando que "se permitimos que se violen os dereitos dos que chaman á nosa porta, o paso seguinte será perder os nosos, como xa está a suceder". Podes consultar aquí o programa completo de Acampa 2018

 

11 actividades que non podes perder

  • Debate político. Este xoves ás 20 horas representantes do En Marea, PSOE e BNG –nin Ciudadanos nin o PP atenderon a invitación de Acampa- sentarán a unha mesa-debate para contestar dúas preguntas: "Onde está a política?" e “Son posibles as respostas globais?”. Participarán o deputado no Congreso Antón Gómez Reino e os deputados no Parlamento galego Montse Prado e Ricardo García Mira.
  • Cambio climático. O venres ás 20 horas unha mesa de debate afondará nos efectos que para as poboación de moitos lugares do planeta ten o cambio climático e a necesidade de que estas persoas vexan recoñecido o dereito de asilo noutros países. No debate participarán Víctor Viñuales (sociólogo, cofundador e director de Ecología y Desarrollo), Valeria Bello (investigadora no Instituto Universitario das Nacións Unidas para a Globalización) e Pedro Vega (UDC).
  • Criminalización das ONGs. O sábado ás 20 horas analizarase a actividade das entidades que se dedican a salvar vidas e os ataques e persecucións que sofren por este motivo. É o caso da española Open Arms. O seu fundador, Óscar Camps, viaxará a Coruña. Tamén o fará Ernesto G. Maleno, un portavoz de Camiñando Fronteiras, entidade cuxa fundadora, a activista Helena Maleno, enfronta unha acusación en Marrocos por tráfico de persoas. O xuíz do CIES de Aluche, en Madrid, Ramiro García de Dios, ou o director da ONG Aire, Federico Pichel, tamén participarán neste debate
  • Conversa con Alessandro Grassani. Xoves ás 18 horas. Presenta Xosé Abad. Grassani é un fotógrafo documental que utiliza a fotografía e o vídeo como a súa principal forma de expresión. 
  • A crise dos Rohingyas. Conferencia a cargo de Andres Zaragoza (AI) e Patricia Trigales (MSF). Xoves ás 19 horas.
  • Encontro cos fotógrafos Daesung Lee, Juan Pablo Moreiras, Ariadna Silva e Pedro Armestre. Presenta Xosé Abad. Venres ás 19 horas
  • Debate. Como lexislar o dereito a refuxio por cambio climático? Encontro (aberto ao público) de ONGs da Rede Acampa, o sábado ás 12 horas
  • Encontro con Felipe Carnotto e Adrián Irago, fotógrafos do colectivo fotos contra a guerra. Sábado ás 17 horas
  • ProxecciónsKatsikas, ecos dun éxodo, de Rodrigo Vázquez. A viaxe de Said, curtametraxe dirixida por Coke Riobóo. Sinto terme afogado, unha película de Médicos sen Fronteiras e Studio Kawakeb dirixida por Hussein Nakhal e David Habchy
  • Exposicións: Pedro Armestre: Somalia no olvido. Alessandro Grassani: Imigrantes ambientais: a derradeira ilusión. Ariadna Silva: Cartografía do esquecemento. Juan Pablo Moreiras: Fráxil. Daesung Lee: Arqueoloxía futurista / A illa que desaparece.
  • Concertos: Dequenvessendo e Exit (xoves); Astrogirl e Ezetaerre (venres); MJ Pérez e Maneida (sábado).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.