Continúan os recortes no ensino público. O IES Ponte Caldelas denuncia o seu caso

Unha aula do IES Ponte Caldelas © AGAL

O mes de xuño do pasado ano as comunidades educativas do CPI Monte Caxado das Pontes, do CEIP Emilio Navasqüés de Outes, do CPI Tomás de Lemos (Ribadavia) do CPI Ribeira (O Porriño), do IES de Celanova ou do CEIP de Calo (Teo) mobilizouse ante os recortes educativos anunciados para o curso seguinte. Peche de centros, de unidades, redución de prazas docentes..., que habitualmente se coñecen nestas datas, cando a Consellería de Educación comunica o deseño da estrutura proposta para o ano seguinte, xunto cos concursos de traslados. Un ano despois, comezan a escoitarse de novo críticas semellantes, que alertan de novos recortes, nomeadamente en concellos rurais ou vilegos e que case sempre se engaden a reducións que xa se veñen producindo nos últimos anos.

En total, 12 prazas perdidas en 8 anos, case un terzo das que tiña no curso 2010-11

É o caso do IES de Ponte Caldelas, cuxo claustro vén de facer público un escrito de protesta, no que denuncia a supresión de dúas novas prazas de profesorado, unha de Xeografía e Historia e outra de Lingua Inglesa, que se veñen sumar ás tres prazas perdidas o pasado ano (Lingua Galega, Bioloxía e Música) e ás dúas prazas do curso 2016-17 (Matemáticas e Lingua Inglesa). En total, 12 prazas perdidas en 8 anos, case un terzo das que tiña no curso 2010-11. Dende o centro recoñecen que neste tempo tamén se perdeu alumnado (unhas 60 matrículas), pero que esta caída foi proporcionalmente moi inferior á que se deu nas prazas do corpo docente. O claustro subliña que a situación reflicte "a que se está a dar na maioría de centros públicos de Galicia: a merma de profesorado con destino definitivo nos centros".

"A redución de persoal definitivo aboca ao centro a non dispoñer da estabilidade necesaria para ofrecer unha atención á diversidade que garanta o progreso académico do alumnado"

O centro afirman que "a redución de persoal definitivo aboca ao centro a non dispoñer da estabilidade necesaria para ofrecer unha atención á diversidade que garanta o progreso académico do alumnado". E que "medidas concretas como desdobramentos, atención individualizada ou agrupamentos específicos non poden ser planificadas, tendo que agardar a que se nos conceda profesorado extra para poder ofertalas, o que non sempre sucede". Explica que neste curso 2017-18, só nos cursos 1º e 2º ESO, dun total de 146 alumnos e alumnas atenderon a 49 que reciben algún tipo de reforzo educativo. "Ao iniciarse o vindeiro curso, será moi difícil planificar desde un primeiro momento a organización da atención á diversidade ao descoñecerse a dispoñibilidade definitiva de profesorado interino.  Quen verá lesionado o seu dereito a recibir a asistencia pedagóxica que require é o alumnado que máis a precisa", din.

Critican tamén que os recortes "reducen obxectivamente a calidade do traballo en equipo do profesorado e dificúltase a interdisciplinariedade" e que "o deseño e  desenvolvemento de proxectos educativos -unha das liñas de actuación pedagóxica que fomenta a actual LOMCE-" queda obstaculizado"de forma notable" pola "redución do profesorado estable no centro". E destacan a intensa actividade complementaria que neste momento se desenvolve no centro: Proxecto Ríos, Proxecto Terra, PLAMBE e Equipo de Dinamización da Biblioteca, Club de Debate, QuéroT, Tic´s, Robótica, sección bilingüe, Tratamento Integrado de Linguas, Aprendizaxe Cooperativa, Froita na escola, Festa da Lingua...

"O profesorado interino debe impartir materias das que non son especialistas, pois os seus horarios complétanse con materias entendidas como afíns dun xeito moi laxo"

Finalmente, sinalan que o recorte no profesorado leva a que "o profesorado interino deba impartir materias das que non son especialistas, pois os seus horarios complétanse con materias entendidas como afíns dun xeito moi laxo: Música+Educación Física; Castelán+Galego e á vez, Galego+Xeografía e Historia". Por último, advirten de que "a perda de profesorado definitivo incide na implicación alumnado-profesorado" e subliñan que "defendemos unha educación en valores que se asente na convivencia e no coñecemento mutuo e a actual situación de recortes dificulta gravemente ese obxectivo".

O pasado mes de decembro a Rede Galega de Educación Rural pediu publicamente unha "moratoria" no recorte de unidades e profesorado. "Nas pequenas escolas hai moitísima inestabilidade: reducen especialistas, reducen profesorado, xuntan nenos de varios niveis nunha mesma aula multigrado", alertaban, explicando que "os pais, ante esa situación, cren que os seus nenos non van ter unha formación axeitada ou sospeitan que a escola pode pechar en breve, e lévanos para a vila". En pouco máis dunha década a Xunta pechou máis de 200 escolas unitarias. Ponte Caldelas non é un concello pequeno e mantense aínda por riba dos 5.000 habitantes (5.573 en 2016) acollendo mesmo alumnado de localidades veciñas. Porén, está a sufrir coma moitos outros un progresivo desmantelamento das súas estruturas educativas e outros servizos sociais.

 

O IES Ponte Caldelas © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.