A CIG pide a Pedro Sánchez ir alén dos "xestos": "Ou se derrogan as reformas ou non haberá recuperación de dereitos"

Cabeceira da manifestación da CIG na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Nos primeiros días de xuño a CIG decidiu suspender a convocatoria de folga xeral que fixara para o 19 de xuño e darlle "uns meses" de marxe ao novo Goberno de España. No seu lugar a central sindical nacionalista convocou unha "xornada nacional de mobilización" para lle lembrar ao Executivo de Pedro Sánchez que "os xestos non son suficientes" con manifestacións e concentracións nunha quincena de vilas e cidades de todo o país.

Dende A Coruña o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, bosquexou cal será a postura da CIG nos vindeiros tempos. "Xa non valen as escusas de falta de apoio parlamentar para non derrogar a reforma laboral; igual que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir as forzas necesarias para o cambio de políticas". Caso contrario, cre, "estariamos ante un grande engano, ante unha fraude".

Un intre da mobilización en Vigo / CIG

A Confederación Intersindical Galega, sinalan, optou por se mobilizar este 19 de xuño porque "os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún Goberno alegremente". De aí, resalta Carril, que non cabe tornar a "expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa" nun conxunto de "xestos baleiros". Esa "expectativa", segundo o sindicato, chega como "froito do desexo de cambio tras anos sufrindo as dúas políticas do PP" tanto no ámbito económico como no social e nas "liberdades".

Mobilización da CIG en Lugo / CIG

Cabe preguntarse, coida Carril, "que postura vai adoptar o PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña paralizadas". Non caben di, "reformiñas nin maquillaxes" e por iso, asegura, a CIG cre que cómpre "recordar que o Partido Socialista é responsábel e causante dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora", modificacións lexislativas que o PP "multiplicou" en ámbitos como as relacións laborais ou as pensións.

Un intre da mobilización na Coruña / TVG

Ante as expectativas de posibles pactos de UGT e Comisións Obreiras coa patronal española, Carril advirte de que a CIG non vai participar a "ideoloxía perversa da concertación social", porque trae consigo "a extensión dos efectos" das dúas últimas reformas laborais. "Sería un erro imperdoábel caer na desmobilización, por iso a CIG chama á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego a rearmarnos aínda máis dende as rúas e dende os centros de traballo, demostrando a nosa disposición de loita para esixir un calendario real de recuperación de dereitos". "Que non nos confundan, que non nos enganen", enfatizou Paulo Carril.

A mobilización da CIG, polas rúas de Ourense / CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.