A Xunta di que agora si multará por non arrincar os eucaliptos próximos a vivendas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, este martes na Laracha © Xunta

Agora si. O pasado 31 de maio rematou o prazo dado pola Xunta a propietarios e propietarias de parcelas forestais para que xestionasen a biomasa vexetal nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de edificiacións, pero dende o Goberno galego trasladárase a mensaxe de que "de momento" non ía haber sancións para quen incumprise a lei. Porén, este martes, a Xunta mudou por completo a súa posición deixando entender a través da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que a partir deste momento se van comezar a "notificar" multas, algo polo que "ninguén se pode sorprender" pois "houbo tempo de que cada un tomara conciencia das súas obrigas", sinalou Vázquez.

"Non se trata de arramplar con todo, senón de gardar as distancias nas especies que propagan máis o lume", afirmou a responsable de Medio Rural, en referencia ao eucalipto, o piñeiro ou a acacia

Así, quen non arrinque eucaliptos, piñeiros e mato nun espazo de 50 metros ao redor de solo urbano, de núcleos rurais e urbanizables, de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte, será multado ou multada. "Non se trata de arramplar con todo, senón de gardar as distancias nas especies que propagan máis o lume", afirmou a responsable de Medio Rural, en referencia ao eucalipto, o piñeiro ou a acacia, tres das especies sinaladas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios como principais culpables da propagación do lume nestes espazos. "Todo o que son frondosas fican a carón das estradas porque non son estas as que propagan o lume e ademais necesitámolo para dar sombra", engadiu. Ángeles Vázquez tamén salientou os traballos que se están a realizar para arrincar 290 hectáreas de plantacións irregulares de piñeiros ou eucaliptos que nalgún momento foron instaladas en superficies agrarias.

Dende A Laracha a conselleira de Medio Rural afirmou que “todos temos competencias e temos que actuar na medida das nosas posibilidades” e "agradeceu" o esforzo levado a cabo por todas as administracións. Nos últimos meses numerosos concellos criticaron a falta de apoio emprestado pola Xunta de Galicia para facer cumprir a lei autonómica que esixe a limpeza dos espazos forestais próximos a vivendas e vías de comunicación.

Segundo a lei, ademais das multas polo incumprimento da norma no que se refire á xestión da biomasa vexetal, os propietarios forestais incumpridores deberán pagar pola extinción dos incendios que se produzan nos seus predios

Ademais das multas polo incumprimento da lei no que se refire á xestión da biomasa vexetal, os propietarios forestais incumpridores deberán pagar pola extinción dos incendios que se produzan nos seus predios. O Goberno galego modificou a Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Con este cambio, aos e ás propietarias de terreos forestais afectados por un incendio poderáselles imputar perte do custo que a súa extinción tivo para as arcas públicas, sempre que se demostre -a través dunha investigación- que a súa parcela non estaba limpa (como adoita denominarse a eliminación da vexetación), que non cumprira coa súa obriga de eliminar especies prohibidas en zonas próximas a núcleos habitados ou vías de comunicación ou que mantiña en estado de "abandono" terreos resultado de concentracións parcelarias. O cálculo do total a pagar pola persoa propietaria será proporcional "á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables ou do estado de abandono dos predios".

 

Tomás Fernández-Couto e Ángeles Vázquez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.