"Por enriba dunha mala lei, está a xustiza", di Beiras en apoio de Emilio Cao, que será xulgado o luns

Emilio Cao, Lucía Suárez e Xosé Manuel Beiras, na rolda de prensa deste venres Dominio Público Praza Pública

O vindeiro luns 25 de xuño continuará no Xulgado do Penal de Madrid o xuízo contra Emilio Cao, procesado por participar en 2014 na Marcha da Dignidade en Madrid e para o que a Fiscalía pide 5 anos e 8 meses de prisión, acusado de agresión e atentado á autoridade. O xuízo fora aprazado o pasado 18 de marzo. Este venres Lucía Suárez e Xosé Manuel Beiras, en nome da Plataforma Absolución Emilio Cao, ofreceron unha rolda de prensa xunto ao propio mozo carballiñés. Nela, deuse conta do estado do proceso, da recollida de máis de mil sinaturas de representantes políticos e da sociedade civil en apoio do acusado e esixiuse, unha vez máis, a súa exculpación.

Beiras: "Din defender unha Constitución que reduciron a cinzas, mentres se vulneran os dereitos dos cidadáns e cidadás que discrepan, individual ou colectivamente"

"Por enriba dunha mala lei, está a xustiza", afirmou Xosé Manuel Beiras, que denunciou a "violación sistemática, practicada acotío, dos dereitos e liberdades".  Advertiu ademais sobre a "metamorfose do fascismo clásico" que se está a producir nun Estado que "aínda que formalmente se move nun marco constitucional de dereitos, está operando con métodos que, en rigor, son absolutamente totalitarios, unhas veces de modo descarado e outras de xeito encuberto". "Din defender unha Constitución que reduciron a cinzas, mentres se vulneran os dereitos dos cidadáns e cidadás que discrepan, individual ou colectivamente", engadiu.

Emilio Cao: "O meu xuízo é unha expresión máis do autoritarismo de Estado. A solidariedade cidadá é imprescindible para isto non siga sucedendo"

Beiras enumerou os procesos seguidos contra sindicalistas encadeados por exercer o dereito á folga, contra mozos e mozas galegas que están na cadea por supostos delitos de terrorismo sen que existan ningunha proba contra eles, contra tuiteiros, cantautores por exercer a liberdade de expresións ou contra dirixentes políticos pacíficos, "presos políticos aos que se impuxo unha prisión preventiva que non ten apoiatura xurídica ningunha". "Intervencións propias dun Estado de excepción non declarado, non é dun Estado de dereito democrático", dixo. Finalmente, esixiulle ao novo Goberno de Pedro Sánchez que "levante o Estado de excepción" e se é preciso "proclame unha amnistía".

Pola súa banda, Emilio Cao agradeceu a cobertura dos medios de comunicación sobre o seu proceso xudicial e os apoios sociais recibidos para esixir a súa absolución. "O meu xuízo é unha expresión máis do autoritarismo de Estado. A solidariedade cidadá é imprescindible para isto non siga sucedendo", salientou. Unha idea na que concordou Lucía Suárez: "Emilio Cao é unha das caras da represión de Estado, pero hai centos e miles de casos".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.