Case 250 mil persoas sofren problemas de acceso á sanidade en Galicia por listas de espera ou transporte

Instalacións do hospital de Vigo © Sergas

O INE publicou este martes a Enquisa Nacional de Saúde correspondente ao ano 2017, un completo estudo que se realiza de forma periódica (a última entrega databa de 2012) e que achega información sobre o acceso á atención sanitaria, a utilización da sanidade pública e os seus servizos, a percepción do estado da saúde da cidadanía ou a realización de prácticas preventivas. A Enquisa recolle tamén os casos en que se producen obstáculos para ese acceso á sanidade, cifrando a poboación que ve limitados os seus dereitos a ser atendida.

"Motivos económicos" vetaron o acceso aos medicamentos receitados para 72.600 galegos e galegas

Así, o estudo reflicte que o pasado ano unhas 232.900 galegas e galegos sufriron "demora excesiva ou inaccesibilidade asistencia médica por lista de espera" e que outras 14.700 tiveron "demora excesiva ou inaccesibilidade asistencia médica por dificultades co transporte ou a distancia". O informe tamén recolle que 46.300 non puideron acceder á atención médica "por motivos económicos". Así mesmo estes "motivos económicos" vetaron o acceso aos medicamentos receitados para 72.600 persoas. E, igualmente, imposibilitaron o acceso á atención dental a uns 182.200 galegos e galegas.

A porcentaxe de persoas que en Galicia sufriu estas eivas é moi inferior á media do conxunto do Estado

Cómpre salientar, en todo caso, que a porcentaxe de persoas que en Galicia sufriu estas eivas é moi inferior á media do conxunto do Estado e que, de feito, Galicia sitúase como unha das comunidades con menor propoción de cidadanía sen problemas de acceso á sanidade. Así, a porcentaxe de galegos e galegas que sufriron "inaccesibilidade" ou "demoras" por mor das listas de espera foi do 9,84%, fronte á media do 15,43% no conxunto de España. E o mesmo sucede coa porcentaxe de persoas que sufriron problemas por razón do transporte: 0,62%, fronte a 1,4% na media española. De igual xeito, a porcentaxe de galegos e galegas privadas por motivos económicos de acceso á atención médica (1,96%), dental (7,7%) ou de saúde mental (0,05%) é moi inferior ás medias do conxunto do Estado. Tan só a proporción de persoas privadas de medicamentos (3,07%) supera lixeiramente a media estatal (2,98%)

Así mesmo, Galicia é un dos territorios nos que en menor medida se utilizaron o pasado ano os servizos de urxencia de tipo privado, apenas un 7,23% dos e das pacientes. Moi por debaixo da media española (11,66%) e máis lonxe aínda dos datos de comunidades como a Illas Baleares (23%), Estremadura (10%) ou Madrid e Cataluña (16%).

De igual xeito, Galicia está moi por detrás da media española en canto á porcentaxe de poboación que recorre á homeopatía (0,38%) ou ás chamadas terapias naturais (0,90%). En ambos os dous casos o dato galego rolda o do conxunto do Estado e sitúase, ademais, entre o grupo de comunidades que menos emprega estas terapias non científicas.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.