Galicia, terceira comunidade con menos médicos por habitante

Médicos/as activas por cada 100.000 habitantes Dominio Público Praza Pública

Con 448 médicos por cada 100.000 habitantes, Galicia fica por debaixo da media española (476) e moito máis lonxe dos datos de Navarra (611), Cantabria (594), Madrid (557), País Vasco (552) e Aragón (549)

A Organización Médica Colexial (OMC) en colaboración coa Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) publicou esta semana o Estudo sobre Demografía Médica. O informe cifra en 12.125 o total de médicos activos en Galicia, o que en termos relativos sitúa a comunidade como a terceira con menos colexiados por habitante, só por diante de Andalucía e Castela-A Mancha. Con 448 médicos por cada 100.000 habitantes, Galicia fica por debaixo da media española (476) e moito máis lonxe dos datos de Navarra (611), Cantabria (594), Madrid (557), País Vasco (552) e Aragón (549).

Galicia tamén aparece por debaixo da media española no número de médicos especialistas por habitante (1.79 por cada mil habitantes fronte á media estatal de 1.86). Con todo, neste indicador a nosa comunidade supera á Comunidade Valenciana, Murcia, Cantabria, A Rioxa e Andalucía.

O estudo alerta, igualmente, do envellecemento do colectivo e da necesidade de incorporar máis profesionais. Estima que ao redor de 70.000 médicos se xubilarán nos vindeiros dez anos no conxunto do Estado. Así mesmo, critica que o desaxuste entre as prazas MIR (6.513 en 2018) e o número de aspirantes (14.448) "pode provocar que milleiros de médicos queden sen poder acceder a unha praza de formación sanitaria especializada".

Galicia é un dos territorios cunha profesión máis envellecida. O 47,8% dos e das médicas galegas teñen máis de 55 anos, fronte a unha media do 41% no conxunto de España. Isto significa que case a metade dos e das profesionais galegas se xubilarán nos vindeiros dez anos. Tan só Cataluña empeora este indicador. En cambio, Madrid, Murcia, Castela-A Mancha e Baleares son as rexións cunha maior proporción de médicos e médicas novas. A media de idade sitúase en Galicia nos 49.08 anos, moi preto da media española (49.19).

Case a metade dos e das profesionais galegas se xubilarán nos vindeiros dez anos

O informe tamén recolle que as mulleres supoñen xa máis do 50% dos cadros de persoal médicos (53.5% en Galicia, 52.4% en España) e moito máis entre as novas xeracións, nas que duplican os varóns. Porén, só representan o 20% dos postos de dirección.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.