0 Gardados para despois

A plataforma contra a mina de Touro entregará á Xunta 26.000 sinaturas contra o proxecto

Redacción | @prazapublica

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa entregarán este mércores no rexistro da Xunta máis de 26.000 sinaturas en papel demandando do Goberno galego que se lle denegue a Atalaya Mining o permiso de explotación da megamina a ceo aberto que tenta abrir en terreos dos concellos de Touro e O Pino. As dúas entidades salientan que os apoios recibidos confimran "o éxito dun movemento inmenso contrario á explotación que nos últimos meses centrou as súas protestas na rúa, informando e transmitindo a problemática que ocasionaría a potencial megamina de cobre".

Lémbrase que 33 concellos e dúas deputacións provinciais apoian oficialmente a negativa á reapertura da mina

As dúas plataformas fan fincapé nos varios informes negativos de técnicos da Xunta, que se opoñen á reapertura da mina de Touro. Entre eles, destaca o encargado pola Consellería do Medio Rural, que sinala que ”poden ver afectada tanto o subministro como a calidade da auga, ao producirse a destrucción dos acuíferos que alimentan os pozos de subministro e a contaminación química derivada da disolución e arrastre dos diferentes compostos químicos da auga da chuvia”, ou que "a contaminación do aire polo arrastre de po procedente da trituración e transporte de materiais pode afectar á saúde do gando, e as explosións e voaduras repercutir no benestar animal". E o da Consellería de Ordenación do Territorio, que subliña que a explotación mineira se situaría en "solo rústico" e en "solo rústico de protección agropecuaria".

Lémbrase, ademais, que 33 concellos e dúas deputacións provinciais apoian oficialmente a negativa á reapertura da mina de Touro e O Pino. E faise fincapé nos riscos medioambientais e para a saúde da creación "dunha enorme balsa de lodos tóxicos, rodeada por un muro perimetral de ata 55 metros de altura e case 3 kilómetros de lonxitude" situada "a menos de 200 metros de distancia de zonas habitadas". "Se algún destes depósitos de estériles de mina potencialmente xeradores de drenaxe ácida racha, a contaminación non tardaría nin 12 horas en chegar á ría de Arousa e afectar ós bancos marisqueiros e ós polígonos mexilloneiros, así como ós 150.000 habitantes dos 13 municipios que consumen auga do río Ulla", sublíñase.

O documento, dirixido ao presidente Alberto Núñez Feijoo, solicita que se lle denegue o permiso de explotación a Atalaya Mining

No documento, dirixido ao presidente Alberto Núñez Feijoo, solicítase a emisión "da Resolución negativa do Proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael número 2946".

As dúas plataformas critican que "a Xunta de Galicia segue sen pronunciarse" e anuncian que continuarán coa súa campaña de difusión e protesta "en todas as vías (social, gubernamental e legal)" para "pór punto e final á estratexia da multinacional china Atalaya Mining". De igual xeito, anticipan que iniciarán agora unha recollida virtual de sinaturas (a través da plataforma change.org) para complementar a recollida de apoios en formato físico.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.