0 Gardados para despois

O tren A Coruña-Ferrol perdeu un 43% de viaxeiros dende o recorte de servizos de 2013

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A finais de 2012 o Goberno central decidiu a supresión de numerosos servizos de tren convencionais. En Galicia iso supuxo o peche de 30 estacións e apeadeiros e tamén a eliminación de frecuencias en moitas liñas, de xeito que un gran número de paradas (21) ficaron cun só tren por día en cada sentido. A medida viña engadirse a unha sucesión de peches na década anterior, que afectara ao 77% das estacións galegas. Hai uns meses o Executivo de Mariano Rajoy decidiu manter o recorte de servizos ferroviarios que aplicou en Galicia en 2013, mentres que noutras comunidades apostou por reverter algún dos recortes.

Naquel ano 2013 suprimíronse un total de 20 trens semanais entre Ferrol e A Coruña, pechándose os apeadeiros de Franza (Fene) e Paderne, mentres que Neda, Barallobre, Cecebre e Cambre ficaban limitados a un só servizo diario. A Plataforma pola Defensa do Tren a Coruña e As Mariñas leva anos reclamando o reforzo dos servizos ferroviarios nas comarcas da Coruña e Ferrolterra, chamando a atención de que Galicia é a única comunidade litoral que carece de tren de proximidade e que esta zona -que suma 420.000 habitantes contando unicamente os dos concellos que atravesa a liña- sería un espazo ideal para desenvolver este tipo de servizos. Porén, a realidade é que a liña non só non se reforza, senón que mesmo perde servizos, o que fai máis difícil que se converta nunha alternativa atractiva para os usuarios e usuarias.

A evolución do número de viaxeiros e viaxeiras que subiron ou baixaron aos trens de media distancia nas estacións situadas entre Ferrol e A Coruña (agás os propios datos da estación herculina) amosan unha tendencia decrecente nos últimos anos, motivada sobre todo polos recortes efectuados no ano 2013. De feito, os datos totais de usuarios e usuarias en 2005 e 2012 (99.970 e 99.810) son case idénticos. Posteriormente, entre 2012 e 2016 a cifra case se reduciu á metade (50.418), experimentando unha lixeira recuperación entre 2016 e 2017, chegando aos 56.935, no último dato que posúe ADIF, ao que tivo acceso Praza.gal. 

Analizando os datos por estacións, obsérvase unha tendencia semellante en case todas elas, cunha certa estabilidade entre 2005 e 2012 e importantes descensos dende entón. No gráfico obsérvase a desaparición das paradas de Franza e Paderne e tamén como a limitación de Neda, Barallobre, Cecebre e Cambre a un só servizo diario fixo descender a súa cifra de usuarios e usuarias nun 85% nos casos, por exemplo, de Cambre e Neda. Dúas estacións que antes do recorte superaban os 1.500 e os 1.000 viaxeiros ao ano hoxe móvense en cifras testemuñais, por debaixo dos 200 usuarios. “As estacións que se manteñen cunha soa parada ao dia están condenadas de antemán á desaparición a curto prazo, xa que os horarios ofertados non teñen sentido ningún”, alertaba neste senso CC.OO en 2013, no momento en que se fixo efectiva a supresión de frecuencias.

O devalo no número de usuarios e usuarias afecta a todas as estacións, dende as máis próximas á cidade da Coruña como O Burgo e Elviña/Universidade, ata as situadas na comarca de Ferrolterra. Nos últimos anos a Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña As Mariñas vén realizando propostas para aproveitar a infraestrutura existente e dotar sun servizo útil ás persoas que se moven entre A Coruña e os concellos próximos -Oleiros, Culleredo, Cambre, Betanzos...- por razóns laborais e de ocio. A entidade mesmo chegou a cifrar en 1.2 millóns de euros anuais o investimento aproximado que sería necesario para incrementar os servizos entre A Coruña e Betanzos de 5 a 15, incorporando ademais seis novos apeadeiros. Nas estatísticas que manexa Adif chama atención a forte caída de usuarios e usuarias da estación do Burgo (un núcleo moi poboado), que pasou de 5.245 viaxeiros e viaxeiras anuais en 2012 a 3.158 o pasado ano. Ou a parada de Elviña, a carón do Campus universitario, que viu neste tempo dividido por catro o seu uso (de 4.075 a 1.013).

A liña A Coruña-Ferrol vén sendo "esquecida e degradada e que pouco a pouco foi perdendo ocupación e capacidade de servizo", destaca Alberto Díaz, voceiro da Plataforma. "En aras dunha mobilidade sostible e da defensa do medio ambiente, alguén ten que asumir o investimento oportuno para que esta rede ferroviaria sexa realmente vertebradora para todos os concellos polos que pasa e permita comunicacións rápidas e baratas entre eles", sinala. Cada día entran na Coruña uns 200.000 coches, un número que se podería reducir en 50 mil vehículos cun servizo de tren de proximidade axeitado, destacan dende a Plataforma, que reivindica maiores investimentos no ferrocarril convencional, que na actualidade só recibe o 30% das achegas públicas en infraestruturas, fronte ao 70% que vai destinado á construción de novas liñas de alta velocidade. E iso a pesar de que o AVE só é utilizado polo 4% dos viaxeiros e viaxeiras, mentres que o tren convencional reúne o 96% dos usuarios e usuarias. A Plataforma destaca que o tren de proximidade é "ecolóxico, sostible, eficiente e cómodo".

Ollando o lado positivo, pódese observar unha certa recuperación das cifras no último ano, entre 2016 e 2017. O número total de viaxeiros e viaxeiras creceu un 13%, un ascenso que foi especialmente importante en Ferrol, cun 14% (cifras unicamente de media distancia, sen contar usuarios e FEVE ou longa distancia). Tamén Cabanas (+35%), Miño (+27%), Betanzos (+23%) e O Burgo (+17%) experimentaron crecementos notables. Tan só Neda, Cambre e Universidade perderon viaxeiros o pasado ano.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.