Os avós asumen o 80% da axuda ao coidado de menores en Galicia cando non poden ir á escola

Panxoliñas para os pequenos nunha escola de Narón © Apego

A conciliación do traballo de coidados coa actividade laboral ordinaria segue a ser un dos principais atrancos das familias galegas con fillos e fillas. Así o vén de constatar o Instituto Galego de Estatística na segunda edición da súa enquisa sobre coidado de menores e conciliación familiar, un traballo no que fica certificado que practicamente a metade dos núcleos familiares galegos con nenas e nenos de entre cero e 12 anos -o 49,62%- precisa "axuda doutras persoas para coidar dos menores" cando non poden ir á escola, por exemplo, por enfermaren. O groso desa axuda segue a caer nas mans das avoas e avós, en arredor dun 80% dos casos.

A metade das familias galegas con menores de 12 anos precisan axuda cotiá para coidar fillas e fillos cando non pode ir á escola ou durante as vacacións

Atendendo aos datos divulgados polo IGE, a situación máis habitual nesta metade das familias que precisa axuda é que, cando a rapazada da casa non pode ir ao colexio con normalidade, se fagan cargo delas os avós. En case un 75% dos núcleos familiares que precisan axuda trátase de avós e avoas que non son parte do mesmo fogar no que viven os menores que precisan coidados e a este súmase case un 13% de avós e avoas que si conviven coas nenas e nenos na mesma casa. As proporcións son semellantes cando a ausencia puntual á escola non é causa dun problema de saúde e durante as vacacións.

Aínda que en menor medida, avós e avoas tamén son claves nunha actividade tan ordinaria como é acompañar as nenas e nenos ata o colexio ou ata a parada do autobús escolar nun contexto no que a contratación de persoas remuneradas para realizar este labor segue a ser minoritaria nos fogares galegos. Ademais, subliña o IGE, non é estraño que un mesmo núcleo familiar precise axuda de varios tipos para poder atender todas as necesidades de coidado das fillas e fillos.

Sete de cada dez persoas que o ano pasado reduciron a súa xornada laboral para atender fillos e fillas eran mulleres, destaca o IGE

Como adoito, estes datos de conciliación da vida familiar e laboral tamén reflicten unha fenda de xénero. Segundo o IGE, a incidencia da redución de xornada laboral para atender nenas e nenos menores de 12 anos é maior nas mulleres (14,85%) ca nos homes (apenas un 5%). "Sete de cada dez persoas que en 2017 reduciron a súa xornada de traballo" por esta razón eran mulleres, conclúe o estudo.

Tamén pesan máis as mulleres entre as persoas traballadoras que "flexibilizan ou coordinan o horario de traballo para atender os menores" -23,45% fronte a 19,63%- e o papel feminino é preponderante en accións cotiás da familia como axudar cos deberes escolares (77% fronte a 59% dos homes), saír ao parque (93% fronte a 81%), acompañar a actividades extraescolares (61% fronte a 47%) ou compartir actividades de lecer (85% mulleres e 72% homes).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.