A denuncia de Laureano Oubiña á presidenta das 'nais contra a droga' fracasa no xulgado

Carmen Avendaño, nos xulgados de Vilagarcía no día do xuízo pola demanda de Oubiña Dominio Público Érguete

En xullo de 2017 Laureano Oubiña, acabado de saír do cárcere en liberdade condicional por atoparse na cuarta parte final da última das súas seis condenas, iniciou unha rolda de entrevistas que o levou á Cadena SER. Alí foi convidado a se pronunciar sobre a loita da asociación Érguete, as 'nais contra a droga', e a respecto dunhas declaracións da presidenta deste colectivo, Carmen Avendaño, nas que sinalaba que alén do tráfico de haxís polo que foi condenado, Oubiña tamén manexara "outras drogas". Quen segundo diversas sentenzas xudiciais se dedicou durante lustros ao narcotráfico considerou lesionada a súa honra e levou a Avendaño aos tribunais, que veñen de tombar as súas pretensións.

O xulgado de instrución número dous de Vilagarcía vén de desestimar integramente a demanda de Oubiña contra Avendaño e de defender o dereito da histórica activista á liberdade de expresión. Segundo a sentenza, "se ben é certo" que as expresións de Avendaño a respecto "doutras drogas" puideron "molestar" a Oubiña "e non ser do seu agrado, máis aínda despois de cumprir unha longa condena de prisión pola comisión de delitos contra a saúde pública", o certo é que "o manifestado" pola presidenta de Érguete "non acada relevancia dabondo nin reviste a entidade necesaria para que a súa liberdade de expresión" deba "ceder a prol do dereito á honra" de Oubiña.

O antigo narco demandou a Carmen Avendaño por afirmar en declaracións públicas que manexara "outras drogas" alén do haxís

Cómpre, di o ditame xudicial, ter en conta que o antigo narco é "unha persoa pública" dende hai décadas e esta condición leva implícita unha "restrición ao seu dereito á honra". Ademais, subliña, as manifestacións públicas de Avendaño derivan "de feitos de gran relevancia pública", polo que "cabe a posibilidade, segundo as circunstancias do caso, de que a reputación allea teña que soportar restricións cando o requira a relevancia pública daquilo sobre o que se informa ou se opina".

Protesta das nais contra a droga ante o Pazo Baión en 1994, nunha imaxe da TVG / © CRTVG

O xulgado considera que as verbas da presidenta de Érguete non acadaron "relevancia" nin "a entidade necesaria" como para restrinxir a súa liberdade de expresión para protexer "o dereito á honra" de Oubiña

Sempre segundo o xulgado, "a expresión vertida" por Avendaño "non deixa de ser unha insinuación que queda aberta a interpretacións" sen "chegar a concretar" e "unicamente ela é coñecedora de a que se refería" cando falaba "doutras" drogas. Durante o procedemento a líder de Érguete resaltou que "se refería ao tabaco de batea" co que Oubiña admitiu traficar, sen "facer distinción entre drogas legais e ilegais" e empregando "o termo drogas en xeral". Non existía, daquela, unha mención explícita "á heroína ou á cocaína", como pretendía a parte demandante. Por iso Avendaño se ratificou "plenamente" nas súas verbas durante o xuízo.

Deste xeito, a "relevancia pública" das condenas aos narcos que "concretamente en Galicia e particularmente na zona da rías" promoveron a "entrada de gran cantidade de droga", combinada co dereito de Carmen Avendaño á libre expresión, dá lugar a que a causa sexa desestimada e Avendaño, absolvida. A única condena do procedemento é a derivada do pagamento do seu custo, que ten que asumir Oubiña. Contra esta resolucióna cabe, non obstante, recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Oubiña, na Cadena SER en xullo de 2017 Dominio Público Cadena SER

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.