A Xustiza anula as multas impostas en 2014 aos manifestantes contra as obras de encanamento do río Sarria

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

O 25 de marzo de 2014 unha gran manifestación percorreu as rúas de Sarria. Medio milleiros de veciños e veciñas da localidade protestaron ante a casa do alcalde contra as obras de encanamento do río Sarria e a corta de 150 árbores nas súas ribeiras. A Garda Civil desaloxara os activistas e protexeu as escavadoras para que reiniciasen as obras no río Sarria. Nas semanas seguintes a Subdelegación do Goberno en Lugo, dirixida daquela por D. Ramón Carballo Páez, abriu 35 expedientes sancionadores contra algúns e algunhas das activistas que participaron nas mobilizacións e impuxo 35 multas por un importe total de 20.550 euros. A Plataforma Sarriana polo Río vía nas multas por manifestarse "un acto desesperado" da Confederación Hidrográfica e acusaba a Subdelegación do Goberno de buscar "intimidalos" e "asustalos".

A sentenza subliña que a manifestación "tivo o carácter de resposta ou mobilización popular ante feitos ou acontecementos de relevante influxo social na localidade"

Os recursos presentados contra as sancións foron rexeitados naquel polo Ministerio do Interior. Porén, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Lugo ditou sentenza deixando sen efecto as sancións impostas, argumentando que as acusacións xenéricas non bastan para destruír a presunción de inocencia dos sancionados. "Aquel 25 de marzo os veciños de Sarria saíron a rúa, sen ser previamente convocados, indignados polo desaloxo dos membros da Plataforma que acamparan na Illa do Toleiro dende un mes antes, impedido así a talla dos ameneiros", lembran dende a Plataforma Sarriana polo Río.

"Non foi unha manifestación convocada, senón a reacción espontánea dos cidadáns ante a percepción de que a Illa, o río, os ameneiros e as pontes quedaban desprotexidas. Non houbo convocatoria e por iso non houbo notificación á Subdelegación do Goberno. Esta realidade é tida en conta polo Xulgado, en contra da Subdelegación do Goberno que pretendía impor sancións a causa dunha suposta manifestación non notificada á Subdelegación", destacan.

O ditame lembra que a Subdelegación do Goberno non achegou "probas suficientes" que avalasen as súas acusacións contra as persoas multadas, limitándose a realizar "alusións xenéricas á convocatoria a través dalgunha rede social"

En efecto, a sentenza subliña que a manifestación "tivo o carácter de resposta ou mobilización popular ante feitos ou acontecementos de relevante influxo social na localidade". E conclúe que "a mera participación activa na manifestación non resulta suficiente para integrar a infracción pola que se sanciona senón que é necesario un plus integrador da mesma que neste caso non resultou acreditado". O ditame lembra que a Subdelegación do Goberno non achegou "probas suficientes" que avalasen as súas acusacións contra as persoas multadas, limitándose a realizar "alusións xenéricas á convocatoria a través dalgunha rede social", pero sen presentar nin sequera "un pantallazo ou algunha outra proba".

Non é a primeira vez que a Xustiza corrixe as resolucións sancionadoras da Subdelegación do Goberno, confirmadas polo Ministerio do Interior, contra as mobilizacións impulsadas pola Plataforma. En novembro de 2016 o Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 de Lugo xa fallou contra a Subdelegación, anulando as resolucións sancionadoras ditadas contra catro persoas tras unha sentada en contra do proxecto de encanamento do río na desaparecida ponte do Toleiro.

A plataforma denunciou en varias ocasións que "as arbitrarias actuacións" do entón Subdelegado do Goberno buscaban "amedrentar aos veciños de Sarria que estaban a protestar contra o proxecto"

A plataforma denunciou en varias ocasións que "as arbitrarias actuacións" do entón Subdelegado do Goberno buscaban "amedrentar aos veciños de Sarria que estaban a protestar contra o proxecto". Agora destaca que "a vía da represión non só non tivo efecto sobre a mobilización dos veciños de Sarria senón que está sendo agora corrixida por parte da Xustiza". "A reacción pacífica dos veciños de Sarria determinou o fracaso dunhas obras de encanamento que non tiñan xustificación; alén de ineficaz para evitar os efectos das enchentes, o plan de encanamento implicaba un custo medioambiental e de patrimonio cultural inasumible", conclúe a plataforma.

"Perdemos a vella ponte do Toleiro, pero a ponte de Ferro e a Ponte Ribeira seguen en pé. Case todas as árbores da ribeira continúan a dar sombra", engade. "Agora só queda pedirlles ás administracións implicadas – a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Xunta de Galicia e o Concello de Sarria – que por unha vez pensen no ben común e busquen unha solución respectuosa co patrimonio que permita reabrir a Ponte Ribeira á maior brevidade posible", conclúe.

 

Unha das manifestacións de protesta polo encanamento do río © Plataforma Sarriana polo Río
Desaloxo de veciños de Sarria durante as protestas Dominio Público Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.