O Sergas xustifica que o Centro de Saúde de Oímbra acollese a Festa do Pemento

Porta do Centro de Saúde de Oímbra durante a 'Festa do Pemento' da localidade © CIG

A localidade ourensá de Oímbra celebrou este domingo a súa tradicional Festa do Pemento, que xerou importantes críticas pola realización dunha das súas actividades no interior do Centro de Saúde da vila. Xa o pasado venres a CIG denunciara que no programa figuraba unha degustación de pratos de pementos nas instalación do centro sanitario. O sindicato remitiulle un requirimento á alcaldesa de Oímbra e á Xerencia do Sergas en Ourense para que a actividade non se instalase nas dependencias do ambulatorio, senón que se buscase unha localización alternativa. "Esa actividade choca tanto coas normas de saúde pública como coas de prevención de riscos laborais que se deben observar nos centros sanitarios", criticou a central.

"Esa actividade choca tanto coas normas de saúde pública como coas de prevención de riscos laborais que se deben observar nos centros sanitarios", criticou a CIG

A exposición de pratos de pementos tivo lugar finalmente no Centro de Saúde de Oímbra. E, nunha resposta á CIG, a Xerencia de Xestión Integrada xustificou a escolla argumentando que o espazo sanitario pecha nas fins de semana, polo que "a celebración da festa local non afecta ao dispositivo" e afirmando que a actividade non se levaría a cabo "en zonas asistenciais", nin de consultas nin administrativo. Sinalou ademais que a actividade se limitaría "á exposición de produtos, quedando a súa degustación para o final da xornada e sempre fóra das instalacións".

A CIG amósase moi crítica coa contestación da Consellería de Sanidade, subliñando que "reflicte o ínfimo niveliño dos que nos gobernan que, para agachar o inxustificábel, non reparan en acudir á postverdade, vendéndonos unha realidade falsa".

O Sergas xustificou a escolla argumentando que o espazo sanitario pecha nas fins de semana e afirmando que a actividade non se levaría a cabo "en zonas asistenciais"

O sindicato rexeita a afirmación de que a degustación de pementos non se levou a cabo en espazos asistenciais. "Abonda con visualizar as fotos da festa celebrada en anos anteriores para constatar que a Xerencia falta á verdade", di. E, sobre todo, critica que a outra xustificación utilizada sexa que o centro pecha nas fins de semana. "Non sería máis lóxico que a Xerencia do Sergas pensase en abrir o Centro de Saúde nas fins de semana, que en organizar festas nel?". "A CIG estudará as accións que caiba exercer contra esta chocallada da Xerencia do Sergas que só pode ter cabida nun país gobernado por chocalleiros", conclúe.

 

Unha das actividades da Festa do Pemento no interior do Centro de Saúde, nunha edición anterior © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.