0 Gardados para despois

A APDR manterá unha xuntanza na Moncloa para tratar o futuro de Ence e Elnosa

Redacción | @prazapublica

Representantes da Asociación para a Defensa da Ría (APDR) manterá unha xuntanza con membros do Gabinete de Pedro Sánchez no complexo da Moncloa para tratar o futuro da presenza de Ence e Elnosa en Lourizán. A APDR solicitara unha entrevista co propio presidente do Goberno central, que alegou "problemas de axenda", pero o Executivo ofreceu unha reunión de traballo á que asistirían o director do Departamento de Asuntos Económicos, Manuel de la Rocha, e expertos do seu equipo.

Os representantes da entidade non serán recibidos por Pedro Sánchez, que alegou "problemas de axenda", pero reuniranse no complexo presidencial co director do Departamento de Asuntos Económicos

A Xunta Directiva da entidade pontevedresa aceptou o ofrecemento e solicitou que se fixe data e hora para a xuntanza, recomendando que se faga coincidir na mesma xornada -ou en datas contiguas- coa entrevista igualmente solicitada coa Ministra de Transición Ecolóxica.

Os temas fundamentais que a APDR quere tratar nestas reunións son a caducidade da concesión da empresa ELNOSA, moi particularmente sobre a situación actual do expediente de caducidade aberto hai algo máis de 14 meses. E, así mesmo, a situación de ENCE, para a que reclamarán a revisión pola vía administrativa do expediente de caducidade da súa concesión e a reversión da prórroga de 60 anos concedida polo Goberno de Mariano Rajoy.

A asociación busca confirmar a caducidade da concesión da empresa ELNOSA e esixirá a reversión da prórroga de 60 anos concedida a ENCE por Rajoy

Este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, insinuou -tras reunirse co Delegado do Goberno Javier Losada- que o Executivo central non ten intención de que Elnosa continúe en Lourizán. Con todo, o Ministerio debe aínda confirmar que non haberá renovación da concesión, xa caducada. A APDR solicitoulle hai uns días á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar que "aplique a Lei e decrete de forma inmediata o fin da concesión de ELNOSA en Lourizán con data do 29 de xullo pasado, data  na que concluíron os 30 anos outorgados pola Lei de Costas de 1988", un feito que para a APDR "non admite discusión". Entende a APDR que calquera “prórroga tácita” da concesión é "contraria á lexislación actual", xa que, rematada a concesión, "non hai ningunha norma que ampare tal prórroga".

 

Informe desfavorable do Concello de Pontevedra

Este martes, ademais, o Concello de Pontevedra fixo público un informe desfavorable á concesión da Autorización Ambiental Integrada (AAI), que a Xunta está tramitando para Ence. O documento lembra que "o título concesional outorgado en materia de costas atópase caducado na súa totalidade".

O Concello de Pontevedra fixo público un informe desfavorable á concesión da Autorización Ambiental Integrada, que a Xunta está tramitando para Ence. O documento lembra que "o título concesional outorgado en materia de costas atópase caducado na súa totalidade"

Ademais, rexeita que "a legalización da vertedura do efluente de ENCE e a autorización de verteduras a través do emisario, carente de título concesional, se fagan conxuntamente para as augas residuais urbanas depuradas e as de orixe industrial de ENCE". O Concello oponse á vertedura directa das augas pluviais do complexo sobre o banco marisqueiro de Praceres, facendo propias as alegacións emitidas pola Confraría de Pescadores de Lourizán.

Así mesmo, o Concello considera que se debería ter requirido a ENCE que "complete a documentación" mediante a solicitude dun novo informe urbanístico por mor da variación das circunstancias concorrentes. "Resulta preciso completar o expediente cun informe específico da Augas de Galicia en relación ao destino final do caudal concedido con destino a usos industriais da factoría e o seu posible desvío para fornecer á empresa ELNOSA, carente ao parecer de título concesional", subliña.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.