Cerdedo homenaxea dous canteiros asasinados en 1936

Homenaxe a Francisco Arca e Secundino Bugallo Dominio Público CNT

O 13 de agosto de 1936 en A Ponte do Barco (Cerdedo-Cotobade) apareceron os cadáveres de Francisco Arca Valiñas e de Secundino Bugallo Iglesias, que foran executados por franquistas. Ambos os dous eran canteiros e sindicalistas, dirixentes da Sociedade obreira El Trabajo de Figueiroa, que formaba parte da Federación de Agricultores e Obreiros do Concello de Cerdedo integrada na CNT desde 1933. Dende o ano 2006 veñen sendo homenaxeados nun monolito situado no lugar no que foron descubertos os seus restos e que destaca que "morreron por defender as ideas republicanas". A placa que homenaxea os dos canteiros asasinados foi xa destruída en catro ocasións e outras tantas veces reposta.

Foi a Asociación Verbo Xido quen iniciou estas homenaxes, que agora continúan o Colectivo Portalén e Capitán Gosende. Este ano a homenaxe celebrarase este domingo 12 de agosto, cuns actos que comezarán ás 18 horas na Ponte do Barco e que continuarán ás 19 horas coa proxección do documental O canteiro de Sebil sobre a vida do represaliado cuntiense Xoán Xesús González, un filme realizado polo Quinteiro do Umia. En anos anteriores participaron varios familiares dos homes executados, entre eles un neto e un tataraneto de Secundino Bugallo que manifestaron "a súa firme decisión de continuar reivindicando de xeito incansable a memoria dos seus familiares e veciños a pesares dos impedimentos e boicots".

O Colectivo Portalén, que organiza os actos destaca que este tipo de homenaxes son necesarias para "honrar a memoria dos represaliados polo franquismo", sobre todo nun concello como o de Cerdedo-Cotobade "no que o goberno local teima en manter rúas dedicadas a represores".

 

Cartel dos actos © Colectivo Portalén
Monolito que lembra a Francisco Arca e Secundino Bugallo Dominio Público CNT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.