O BNG denuncia que se superaron os 30 graos dentro do Hospital de Pontevedra na vaga de calor

Hospital Provincial de Pontevedra CC-BY-NC-SA Ben Riobó

Durante a vaga de calor que se viviu a pasada semana en Galicia, no interior do Hospital Provincial de Pontevedra superáronse os 30 graos de temperatura, segundo denuncia o BNG. A formación anunciou que levará o tema o Parlamento, a través dunha iniciativa presentada pola deputada Montse Prado, que cualifica a situación que doentes e familiares tiveron que padecer como “inhumana, terceiromundista, inexplicábel, insoportábel”. Prado subliñou que nalgúns lugares do centro sanitario chegaron a acadarse os 35 graos.

Montse Prado afirma que "foron os propios familiares os que mercaron equipos de refrixeración para tentar aliviar a situación, xa que na maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolven o problema das temperaturas tan elevadas"

A portavoz de sanidade do BNG sinala que nalgúns casos "foron os propios familiares os que mercaron equipos de refrixeración para tentar aliviar a situación, xa que na maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolven o problema das temperaturas tan elevadas". "Estamos a constatar que diante dunha vaga de calor, da que se tiña coñecemento, a Dirección do CHOP non tomou todas as medidas precisas para protexer nin aos doentes nin ao persoal”, dixo Prado, para quen "resulta evidente" que “os doce equipos de refrixeración instalados hai un ano para todo o hospital son insuficientes”.

A deputada lembra que no centro hospitalario permanecían ingresados e ingresadas pacientes de obstetricia, neonatos, pediatría, urxencias pediátricas, coidados paliativos, oncoloxía, xinecoloxía, medicina interna, nefroloxía, diálise, odontoloxía, oftalmoloxía ou psiquiatría. Polo tanto, as altas temperaturas foron soportadas tamén por nenos e nenas, persoas de avanzada idade ou con tratamentos oncolóxicos ou paliativos.

O BNG denuncia que a situación se vén repetindo dende hai anos e insta o Goberno galego "tomar medidas de inmediato"

O BNG denuncia que a situación se vén repetindo dende hai anos e insta o Goberno galego "tomar medidas de inmediato", poñendo en marcha "os mecanismos necesarios" para evitar as consecuencias producidas polas altas temperaturas no período estival no Hospital Provincial de Pontevedra. A formación lembra que "o proxecto do Gran Montecelo está nunha fase moi inicial, por culpa da Xunta do Partido Popular que mantivo paralizado o proxecto durante anos". “A inacción como táctica non pode ser a saída”, concluíu.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.