0 Gardados para despois

Doce venres negros na CRTVG e o persoal mobilizado advirte: "Seguiremos o tempo que cumpra"

Redacción | @prazapublica

Comezou a finais de maio na senda das mobilizacións de persoal de RTVE que esixía o desbloqueo do proceso parlamentario para renovar a cúpula da corporación estatal por concurso público. Experimentou un relevante punto de inflexión a mediados de xuño, cando os presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida, anunciaron a súa renuncia a continuar conducindo o espazo en protesta polo control informativo. E recibiu unha aguilloada crucial co apercibimento e posterior ameaza de despedimento a Moyano, que evidenciou a protesta contra o uso partidista dos informativos públicos no transcurso dunha gala benéfica que presentaba, con Alberto Núñez Feijóo entre o público.

Son alguns dos fitos que o persoal mobilizado nos venres negros da CRTVG lembrou este venres, duodécima xornada de protestas. Transcorreron xa case tres meses nos que o período vacacional non fixo enfraquecer unha protesta abertamente desdeñada no seu inicio dende a cúpula da corporación, cuxo director xeral negou que participar nela fose un exercicio de "valentía". Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en desligarse dela e dos seus motivos -"eu non dirixo a TVG", resolveu-. No entanto, en San Marcos e San Caetano non se disimula a incomodidade diante do movemento que deu en se nomear Defende a Galega e que, non sen atrancos, está a ser quen de traspasar marcos políticos, mediáticos e sociais que outras mobilizacións semellantes non foran quen de salvar.

Protesta na quenda de tarde en San Marcos / Defende a Galega

Coas redes sociais como ferramenta esencial para facérense visibles, xornalistas e persoal técnico dos diversos departamentos da Televisión de Galicia e mais da Radio Galega volveron vestir de negro para reclamaren o cumprimento íntegro da lei de medios de 2011 e que a corporación rache amarras coa liña política do partido do Goberno, sexa este o que for. "Necesitamos medios de comunicación públicos e necesitamos que sexan verdadeiramente de todas e todos; levamos doce semanas reclamándoo e seguiremos facéndoo o tempo que cumpra", advirten. Neste sentido, o persoal fai súas as verbas pronunciadas polo propio Feijóo nunha das súas aparicións máis inusuais na canle pública, no programa Land Rober escasos días despois de lograr a súa terceira maioría absoluta: "A TVG é de todos os galegos", subliñan para esixir que "ninguén a utilice" como se fose só súa.

Persoal da CRTVG en Ourense, no duodécimo venres negro / Defende a Galega

O Colexio de Xornalistas defende "a lexitimidade das reivindicacións"

O CPXG "rexeita calquera intento de coartar as críticas" e chama, como o persoal mobilizado, ao cumprimento íntegro da lei de medios de 2011

Ás voces do persoal mobilizado na CRTVG uniuse esta semana a do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que subliña a "lexitimidade" dunhas protestas nas que, lembra, o plantel que as secunda está a "demandar a independencia e pluralismo dos medios públicos". É por iso que o CPXG "rexeita calquera intento de coartar as críticas dos profesionais", xa que "nun exercicio tan necesario como pouco habitual" están a comprometerse abertamente "co dereito á información da cidadanía" a comezar por esixiren o cumprimento dunha lei vixente dende hai sete anos.

Neste contexto, o Colexio chama a atención sobre a posibilidade de que recaian represalias sobre quen se mobilizan. "Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo". Ben ao contrario, di a Xunta de Goberno da entidade, "a calidade da información e o deteriorado clima laboral beneficiaríanse, sen dúbida, do diálogo aberto que debe producirse en todas as redaccións". Neste sentido, o órgano profesional lembra que a propia lei establece canles para este diálogo, como o Consello de Informativos, cuxa creación está entre as demandas dos venres negros. 

Entre os apoios recibidos polo persoal volveron estar no duodécimo venres negro o de membros das forzas políticas da oposición parlamentaria. Así, por exemplo, este venres pronunciáronse abertamente ao respecto os alcaldes da Coruña e Santiago, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ou a deputada do BNG Noa Presas. En anteriores semanas tamén fixeran o propio, entre outros, o voceiro de En Marea, Luís Villares, ou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.