Máis versións contraditorias sobre as responsabilidades no accidente no porto de Vigo

Área do paseo que afundiu CC-BY-SA Jacobo Pérez

Máis de tres días despois do afundimento de parte do paseo durante O Marisquiño no Porto de Vigo, a batalla política para determinar as responsabilidades recrúa. O accidente mantén cinco persoas ingresadas nos hospitais dun total de 467 feridas e atendidas por diferentes servizos sanitarios tras o colapso da estrutura de formigón pilotada sobre a que se asentaba a pasarela na que centos gozaban do último concerto do festival de cultura urbana. 

Seis persoas permanecen ingresadas dun total de 456 feridas tras o afundimento de parte do paseo durante O Marisquiño

Sendo o "fallo estrutural" do peirao pilotado aceptado como causa da derruba, ao debate sobre a titularidade da zona afectada engadíuselle máis tarde outro sobre a xestión e mantemento da base de formigón que colapsou na noite do pasado domingo. As eivas e o desgaste da estrutura parecen evidentes logo das fotografías difundidas en varios medios, os testemuños de usuarios do porto deportivo e o recoñecemento por parte de diferentes fontes das administracións de que había anos que non se comprobaba o seu estado real. 

Será a Xustiza quen determine finalmente o grao de responsabilidade das administracións implicadas --Autoridade Portuaria e Concello-- tras a investigación aberta polo xulgado de instrución número 3 de Vigo, que investiga un presunto delito de lesións imprudentes. Pero mentres, a Xunta reparte tamén culpas e cre que o "relevante" non é determinar a titularidade da zona senón saber se a administración local debeu dar autorización para o festival. O alcalde, Abel Caballero, alude á reunión de seguridade previa, na que nin Porto nin ningunha entidade puxo obxección ningunha, e ao plan de autoprotección presentado. Pero o Goberno galego asegura que ese plan non foi inscrito na Dirección Xeral de Emerxencias, o que considera un requisito legal para poder obter a licenza. 

Festivais de Galicia asegura que non é obrigado inscribir o plan de autoprotección na Xunta para ser válido, como asegurara o Goberno galego

A Asociación Empresarial Festivais de Galicia contestou a esta acusación advertindo de que para que un plan de autoprotección dun evento como O Marisquiño sexa válido non é obrigado o seu rexistro nas Emerxencias da Xunta. "Esta é, en todo caso, unha obriga administrativa cuxo incumprimento nin sequera está descrito como infracción na lexislación de emerxencias de Galicia", sinalan os festivais galegos, que afirman que "nin tan sequera é obrigatorio" contar cun plan destas características para unha capacidade de 4.500 persoas, como a prevista no evento de Vigo. 

"Só é obrigatorio a partir de 20.000 persoas", insisten. "Se non é obrigatorio telo, moito menos é obrigatorio rexistralo", incide a asociación, que destacan que O Marisquiño se preocupase de elaborar este plan "para 4.500 persoas". "Posiblemente por esa precaución se salvasen vidas", indica Festivais de Galicia, que destaca tamén que "non existe ningunha lexislación que obrigue ao organizador" do evento a "realizar ningunha comprobación previa" sobre a infraestrutura cedida. Porto e Xunta advertiran de que esta comprobación do espazo dependía do Concello e dos organizadores do festival. 

Ademais, Festivais de Galicia entende que entende que o Marisquiño mesmo pode reclamar danos ás administracións polo sucedido, mentres que unha delas, a Xunta, contéstalle dicindo que os organizadores si estaban na obriga de rexistrar o plan de autoprotección. A Xunta explica que a normativa indica que o mínimo de capacidade refírese á do "festival completo, non só para o concerto", que era ao que facía referencia esta asociación nun comunicado.

Neste sentido, segundo recolle o artigo 5 do DOG, sobre o rexistro de plans de autoprotección, a finalidade destes informes é "establecer unha base de datos sobre o seu contido", para que os servizos de emerxencias de Galicia poidan acceder a ela e "ampliar a información" sobre os establecementos e instalacións, de maneira que "se faciliten as súas posibles intervencións en caso de sinistro". Segundo a Xunta, o DOG especifica que a inscrición deste plan debe realizarse con "carácter previo" ao comezo da súa actividade, e a súa resolución por parte do Executivo debe notificarse nun prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte á entrada da solicitude no rexistro do órgano. Aínda así, "a inscrición non supón a concesión de licenza para o inicio da actividade"

O arquitecto do proxecto 'Abrir Vigo al Mar' di en 'Faro de Vigo' que denunciou "durante anos" o "abandono" da zona afectada

Ao tempo, nunha entrevista no Faro de Vigo, o arquitecto que deseñou o proxecto Abrir Vigo al Mar, do que xurdiu a reforma da zona nos anos 90, advirte de que se cansou de "denunciar durante anos" o "abandono" do espazo e destaca que "as estruturas de formigón na costa son moi vulnerables e precisan atención continua". 

Parte do paseo afundido durante O Marisquiño en Vigo / © 112-Galicia

Porque a liorta política parece que non fixo máis que empezar. Mentres o Concello insiste en lembrar que o derrubamento foi causado polo colapso da estrutura de formigón e que nada tivo que ver coa pasarela de madeira, o grupo municipal do PP difunde unha sentenza pola que o xulgado contencioso administrativo número 1 da cidade condenou en febreiro de 2013 o Concello a indemnizar unha muller que sufriu unha fractura nun ombreiro logo de tropezar cunha madeira e caer no Paseo Náutico en xullo de 2009. O ditame demostraría que o mantemento da zona, como defenden Xunta e Porto, depende da administración local ao abeiro do convenio asinado en 1992 entre as dúas administracións e a Zona Franca. 

O PP alude a sentenzas condenatorias ao Concello por caídas no paseo para insistir en que o mantemento dependía da administración local

Pero desde o Concello entenden que "en ningún caso" o mantemento e supervisión dun peirao pilotado, que aseguran que se atopa en zona "naútico-deportiva" segundo a documentación oficial, é competencia súa. O Porto insiste en que o convenio así o indica e remite aos numerosos avisos que nos últimos anos fixo á administración local para que intervise na zona, pero na superficie, na pasarela, un ámbito sobre o que leva anos debatíndose a respecto de quen debe facerse cargo do seu coidado. Ademais, insta a revisar o acordo e determinar con claridade as competencias e áreas de xestión de cada entidade. 

O Marisquiño asegura que "continuará co seu silencio" ata que as persoas feridas "poidan ser dadas de alta"

E mentres as declaracións e acusacións van dunha banda a outra, a organización do festival O Marisquiño aclarou nas súas redes sociais que "continuará co seu silencio informativo por respecto a todos os feridos do accidente do pasado domingo". "Ata que os seis feridos que continúan nos hospitais de Vigo evolucionen favorablemente e poidan ser dados de alta en breve", advirten. 

Alén disto, as denuncias das persoas afectadas pola derruba continúan mentres o Concello de Vigo anuncia que habilitará un gabinete psicolóxico para os feridos, para o que levará a cabo unha tramitación administrativa por procedemento de urxencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.