A meirande migración de Lugo e Ourense segue dirixíndose á Coruña e Pontevedra

Son moitos os ourensáns e lucenses que seguen marchando vivir a outras zonas de Galicia CC-BY-SA Edu Dapía

Hai moitos tipos de migracións. Fálase moito das que se producen entre uns e outros Estados e algo menos das que teñen lugar no interior de España, entre unhas e outras comunidades autónomas. Pero non se destacan tanto os movementos internos, os que se realizan entre distintos concellos ou provincias de Galicia. As estatísticas máis recentes difundidas polo INE e polo IGE sinalan que Galicia ten un saldo migratorio positivo co estranxeiro: En todo o 2017 Galicia recibiu 18.000 inmigrantes dende outros países (sobre todo dende Venezuela, Brasil e Colombia), fronte a 11.000 persoas que emigraron fóra de España. De igual xeito, o saldo migratorio de Galicia co resto do Estado foi positivo no segundo semestre de 2017 por primeira vez nos últimos cinco anos. Algo máis de 7 mil persoas trasladaron a súa residencia a outras comunidades, principalmente a Madrid, Cataluña e Andalucía e un número lixeiramente superior chegaron (ou regresaron) a Galicia dende o resto do Estado.

No 2017 o saldo migratorio interno de Lugo (-303) e Ourense (-407) foi claramente negativo, mentres que os da Coruña (+283) e Pontevedra (+427) foron moi positivos

Os movementos internos, dun concello galego a outro, son máis habituais e completan os saldos migratorios de cada localidade, establecendo grandes diferenzas con respecto ás migracións externas. Así, no ano 2017, mentres que as provincias de Ourense e Lugo tiveron saldos migratorios moi positivos co estranxeiro (+1.314 e +1.183), só Lugo mantivo ese saldo positivo nos fluxos de ida e volta con outras comunidades autónomas (+173), mentres que de Ourense marcharon ao resto de España máis persoas das que chegaron (-242).

No que coinciden Lugo e Ourense é que un ano máis os seus concellos perderon poboación que se dirixiu ao resto de Galicia, principalmente ás provincias occidentais, A Coruña e Pontevedra. O saldo migratorio interno de Lugo (-303) e Ourense (-407) foi claramente negativo, mentres que os da Coruña (+283) e Pontevedra (+427) foron moi positivos.

2017 non foi unha excepción, senón que esta é a dinámica que se vén mantendo nas últimas décadas. Evidentemente son moitos e moitas os ourensáns e ourensás que marcharon nalgún momento a vivir a Vigo e a outros concellos pontevedreses. E a mesma relación podemos establecer entre a Terra Chá e a cidade da Coruña. E, dende logo, tamén a comarca de Compostela vén recibindo un número importante de persoas procedentes das provincias orientais.

Entre 1990 e 2017 Lugo perdeu 8.794 habitantes por esta vía e Ourense 10.513, que se dirixiron principalmente á Coruña (+16.411) e algo menos a Pontevedra (+2.896)

A evolución do saldo migratorio das provincias de Lugo e Ourense nas últimas tres décadas é moi semellante entre si. O saldo exterior foi habitualmente positivo (agás nos anos 2013 e 2014) e o saldo co resto do Estado Español moveuse a un lado e a outro da liña, tendo períodos positivos e negativos. Con todo, mentres que en Lugo o habitual foi que cada ano chegasen máis persoas doutras comunidades das que marchaban, en Ourense a dinámica máis frecuente foi a contraria.

No que as dúas provincias coinciden é nos saldos migratorios negativos a nivel interno, pois de feito dende o ano 1990 os seus concellos sempre perderon máis poboación da que gañaban en función dos movementos con outras provincias galegas. Entre 1990 e 2017 Lugo perdeu 8.794 habitantes por esta vía e Ourense 10.513, que se dirixiron principalmente á Coruña (+16.411) e algo menos a Pontevedra (+2.896).

Analizando os fluxos internos correspondentes a cada concello no ano 2017, obsérvase como efectivamente máis zonas das provincias da Coruña e Pontevedra adquiren un ton azul, o que indica que reciben máis poboación do resto de Galicia da que perden en beneficio doutros concellos. E, á inversa, grandes zonas das provincias de Lugo e Ourense tenden ao vermello, perdendo habitantes que marchan a outros lugares de Galicia. 

Con todo, a análise pode afondar en certas zonas, destacando as importantes perdas da Terra Chá, pero tamén saldos positivos en Lugo cidade, Castro de Rei e Outeiro de Rei. Ou subliñando os saldos negativos do interior da provincia de Pontevedra (sobre todo Tabeirós-Terra de Montes...) e os moi positivos do Baixo Miño e a Área Metropolitana de Vigo. Ou os fluxos negativos que atopamos na Costa da Morte ou en Ferrolterra, fronte aos moi positivos da área coruñesa e das Mariñas (pero cun saldo negativo na propia cidade herculina, seguramente dirixido aos concellos da contorna).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.