O fiscal arquiva a investigación por coaccións nas votacións da folga da Xustiza

Unha traballadora amosa a súa papeleta nas votacións de Xustiza © AX-CUT

A Fiscalía de Pontevedra decidiu arquivar as dilixencias de investigación penal abertas por presuntas coaccións durante as votacións levadas a cabo polos traballadores da Administración da Xustiza en Galicia o pasado 27 de abril para ratificar ou non o preacordo que varios sindicatos pactaran coa Xunta para poñer fin á folga. O caso aberto tras unha denuncia dun delegado sindical contra outros compañeiros péchase ao non apreciar o fiscal delito. Destaca a "ausencia de persoas coaccionadas" ao comprobarse que "ningunha" das que se atopaba no lugar do feito "acudiu nese momento ou noutro posterior" a denunciar a "imposibilidade" de exercer o dereito a voto ou a "sensación de presión" da que si alertara o impulsor da demanda. 

O fiscal destaca que ningunha persoa presente no lugar dos feitos presentou denuncia por coaccións e que o que si o fixo só aludiu a vídeos

Precisamente, no decreto de peche da investigación, ao que tivo acceso Praza.gal, destácase que "a denuncia foi posta por un terceiro que non se atopaba no lugar dos feitos", aos que fixo referencia unicamente polas imaxes gravadas con teléfonos móbiles. Foron momentos de tensión durante unhas votacións sobre un preacordo ao que se opoñían os sindicatos AX-CUT, CIG e STAJ, que acusaban as outras centrais (CCOO, UGT, USO e CSIF) de "traidores" ou "vendidos" por ter pactado coa Xunta de costas ao resto de representantes

O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, decide pechar as investigacións penais pero lanza duras críticas contra os sindicatos que avogaban polo non naquela votación e contra os seus representantes, tres deles chamados a declarar en calidade de investigados: Quique Araújo, de STAJ; e Fina Iglesias e Pablo Valeiras, de Alternativas Xustiza-CUT. Non declararon, pero na primeira das dúas veces que acudiron presentaron unha "petición de abstención do instrutor, sobre a base da súa falta de imparcialidade, baseada na súa relación cunha persoa allea á denuncia presentada". Refírese a unha queixa pola coñecida relación de amizade entre este fiscal xefe e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, responsable precisamente na Xunta do sector en conflito e acotío moi crítico e belixerante cos sindicatos sinalados na demanda. 

Os sindicalistas investigados presentaron unha queixa pola "falla de imparcialidade" do fiscal en base á súa coñecida amizade co conselleiro Rueda

O fiscal asina o decreto de peche de investigación, non atopa delito e advirte de que non hai denuncia de ningún dos presentes, pero carga con dureza contra a situación vivida aquel día en Pontevedra. Así, cre que dos vídeos que acompañan a denuncia dedúcese que "a votación resultou practicamente imposible, xa que no seu curso produciuse un gran balbordo, constantes berros e insultos infamantes". 

O fiscal non aprecia delito pero carga contra unha "coacción orquestrada e organizada" que "impedía o normal desenvolvemento dunha votación democrática"

O fiscal fala dunha "clara coacción orquestrada e organizada, onde un grupo uniformado e dirixido, trataba de forma secuencialmente ordenada de evitar a votación, á que deberían acudir todos os integrantes do censo; no entanto, alí non se ve votar a ninguén, malia que na urna si se advirte de que hai numerosas papeletas e é difícil pensar que a aquela votación puidesen acudir outros distintos dos uniformados". Segundo os datos que facilitaran os sindicatos daquela, en Pontevedra gañou o non ao preacordo, con 184 votos en contra del e 50 a favor. A mesma opción vencera tamén en Vigo (204 contra 112), Ferrol (54-49) e Lugo (86-54).

Para o fiscal, segundo os vídeos, "algunhas persoas, todas elas vestidas con camisolas azuis, impedían o normal desenvolvemento dunha votación democrática, con berros constantes aos integrantes dunha mesa onde se atopaba a urna, berrando outros e algúns xesticulando fronte á mesma, dicindo que os representaban, chegando mesmo a golpear a urna de votación", di. 

Para os investigados, no entanto, quedou "demostrado" que non houbo coacción ningunha porque "ningunha das persoas que alí estaban chamadas a votar ou que foron votar denunciaron nada". "O denunciante quixo facer dano, esa era a súa intención; o fiscal puxo moito interese en que o caso prosperase, pero a realidade agromou", aclara un dos sindicalistas que declarou. 

"O denunciante quixo facer dano, esa era a súa intención; o fiscal puxo moito interese en que o caso prosperase, pero a realidade agromou"

Sexa como for, o fiscal non aprecia delito de coacción e aclara que este requiriría que houbese quen se teña sentido intimidado, algo que ningún dos traballadores da Administración da Xustiza ratificou nin denunciou. Ao tempo, insiste en que "sorprendentemente", o denunciante non estaba nos xulgados de Pontevedra no día das votacións que foron postas en dúbida. 

 

Plan de recuperación pola folga

Por outra bada, o Goberno galego anunciou que analizará co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) as necesidades do plan de recuperación nos xulgados despois da folga dos funcionarios do sector xudicial para trasladalo posteriormente ao Ministerio de Xustiza.

Segundo informou a Xunta, a reunión celebrarase a semana próxima e permitirá concretar os recursos necesarios a achegar por cada Administración, despois de que o TSXG achegue os datos solicitados nos órganos xudiciais galegos. O Executivo autonómico levará a posta en marcha da segunda fase deste plan como asunto prioritario na reunión que prevé manter este mesmo mes con representantes do Ministerio de Xustiza.

De feito, remarcou que a "colaboración" do Ministerio é "fundamental" para "axilizar ao máximo" a recuperación do traballo, en tanto persoal, xuíces, letrados ou letrados "dependen directamente" do Estado e a el corresponde --incide a Administración galega-- a remuneración do seu traballo extra.

Desde algúns sindicatos, como a CUT, critícase que "máis de tres meses despois da publicación no DOG do acordo" para pór fin ao conflito, "a primeira fase dos plans de actuación e recuperación do traballo por causa das xornadas de folga son ridículos en duración e contías, alí onde se puxeron en funcionamento, sen estudo das cargas de traballo". Ademais, aseguran que xa se perdeu moito tempo e que o resultado volve ser "a improvisación" e un plan "para perpetuar os atrasos na Xustiza galega". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.