O Goberno xustifica a detención do fotógrafo, ao que acusa de agresións e "forte resistencia"

A Policía detén o fotógrafo Rafa Estévez © Diario de Pontevedra

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra asegura que a polémica detención do fotógrafo do Diario de Pontevedra, Rafa Estévez, produciuse como "resposta á actitude manifestada" polo reporteiro "cara a un funcionario policial para garantir a seguridade dos medallistas olímpicos". Nun comunicado de prensa, a subdelegación asegura que o axente "tivo que ser atendido no hospital das lesións producidas por unha cabezada que lle alcanzou a cara". "Concretamente, a zona da boca e do nariz, tal e como recolle o parte policial". No entanto, nada se di dun parte médico de lesións.

O fotógrafo do Diario de Pontevedra, Rafa Estévez, foi detido este luns pola Policía cando intentaba realizar o seu traballo durante a chegada dos medallistas olímpicos galegos ao aeroporto vigués de Peinador. Tal e como relata o propio medio, o xornalista gráfico foi inmobilizado e detido por varios axentes "ante a atenta mirada das autoridades políticas e as decenas de persoas que agardaban na terminal", nunha actuación que o medio o varias testemuñas cualifican de "desproporcionada".

"O fotógrafo ofreceu forte resistencia, polo que foi reducido e trasladado á comisaría", di a Subdelegación

No entanto, a Subdelegación do Goberno insiste en que o fotógrafo "ofreceu forte resistencia", polo que "foi reducido e trasladado en coche até a Comisaría de Vigo", onde prestou declaración. Logo foi posto en liberdade, á espera dun xuízo rápido que se celebrou esta mañá na cidade olívica. No mesmo comunicado, aclárase tamén que "se ben varios xornalistas e reporteiros gráficos invadiron a zona libre de seguridade", as forzas e corpos de seguridade "non interferiron no traballo dos medios de comunicación". 

Segundo varios medios, os policías responsables da organización da recepción foron "incapaces de garantir a saída da pasaxe". Así, no momento en que David Cal, Begoña Fernández, Javier Gómez Noya e Támara Echegoyen, os medios situáronse para intentar fotografar os deportistas, momento no que catro policías detiveron a Rafa Estévez, ao que acusan de golpear coa cabeza a un deles, algo que negou o propio protagonista e que non apreciou ningún dos alí presentes. Compañeiros do fotógrafo aseguran que a Policía o acusa de "insultar e golpear cunha cabezada a un dos axentes".

Nese momento, agardaban a chegada dos olímpicos galegos o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para ou Deporte, Lete Lasa; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, e o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández.

A indignación entre testemuñas e xornalistas non se fixo agardar. Decenas de profesionais dos medios de comunicación concentráronse na praza de España de Pontevedra, fronte a Subdelegación do Goberno, para esixir explicacións públicas e protestar pola detención do fotógrafo, que foi requirido para presentarse este marates ás 9.30 da mañá no Xulgado de Instrución número 3 de Vigo para ser sometido a un xuízo rápido.

O alcalde de Pontevedra cualifica de "lamentable" o comportamento da Policía e fala de "violencia gratuíta"

O Sindicato de Xornalistas de Galicia xa denunciou "a violencia gratuíta e innecesaria coa que foi detido" Rafa Estévez e "esixe á Delegación do Goberno que aclare inmediata e publicamente os feitos", mentres que o Colexio de Xornalistas amosou a súa "indignación" polo sucedido e lembra que non é o primeiro caso semellante nos últimos meses. O Comité Interempresas da CRTVG, TVG e RG tamén "condena enerxicamente a agresión policial".

Ademais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, condenou o "comportamento lamentable" da Policía e tachou a "detención e agresión" ao xornalista de mancha "negra" no acto festivo que era a chegada dos deportistas e defendeu ao acusado, que "cumpría a súa función coa vehemencia imprescindible". BNG, PSdeG e Compromiso por Galicia tamén cualificaron de "desproporcionada" a actuación das forzas de seguridade e solicitan explicacións.

Protesta pola detención do fotógrafo Dominio Público @V_Penide
A Policía detén o fotógrafo Rafa Estévez © Diario de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.