O SLG denuncia o "abandono de funcións" da Xunta ante os ataques de lobo e xabarín, empeorados polo eucalipto

Xosé Manuel Gestoso © SLG

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito de queixa dirixido á Valedora no que se denuncia o "abandono de funcións" da Xunta ante os ataques de lobo e xabarín. O sindicato alerta de que os ataques da fauna salvaxe a explotacións agrogandeiras constitúen "un problema case estrutural" que ante a falta de resposta do Goberno galego está a ser "custeado polas propias granxas". Cualifica a situación de "gravísimo problema" e subliña que "a Xunta segue sen facer nada para solucionalo a pesar de ser coñecedora do feito". 

O SLG critica a baixa contía das compensacións económicas, que só cobren "unha mínima porcentaxe do perdido" e chegan "tras superar un labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis"

O SLG critica a baixa contía das compensacións económicas, que só cobren "unha mínima porcentaxe do perdido" e chegan "tras superar un labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis". O sindicato advirte igualmente de que os únicos danos polos que se poden reclamar estas "cativas indemnizacións" son os producidos por lobos ou xabarís, quedando sen ningún tipo de cobertura outros moi comúns, coma os provocados por corzos, corvos ou cans salvaxes. Para o Sindicato Labrego Galego, a única solución posible é que a Xunta "asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado".

Para ilustrar esta problemática, o SLG organizou este martes dúas visitas a granxas afectadas polos ataques do xabaril no concello da Estrada. Xosé Manuel Gestoso, gandeiro de Santeles (A Estrada), calcula que este ano os xabaríns provocaron estragos en 3 das 30 hectáras de millo da súa propiedade, un 10% da colleita. “Estamos aburridos de denunciar. Algúns pediron axuda, e concedéronlla; a outros, non. E pagan tarde, mal e arrastra, supoñendo que paguen. Algunha solución teñen que buscarlle porque isto só pode ir a peor”, denuncia Gestoso.

Unha situación semellante é a que sufriu Rosa Basteiro na súa granxa da parroquia de Codeseda (A Estrada). “A Administración fai ouvidos xordos ás nosas queixas e sentímonos totalmente indefensos. O xabarín estraga os regadíos, os prados, o millo, as patacas, a horta... Levamos padecendo este problema dende hai 25 anos", di. Rosa Basteiro afirma que solicitou compensacións da Xunta hai dous anos, cando os xabaríns lle estragaron a metade dunha finca: “Cumprimos todos os requisitos e rexistramos a solicitude en prazo pero, a día de hoxe, aínda non tivemos contestación”, denuncia.

 

O eucalipto, parte do problema

O sindicato engade que a extensión do eucalipto está a incrementar a voracidade do xabarín, ao deixar este animal sen alimento

O sindicato engade que a extensión do eucalipto está a incrementar a voracidade do xabarín, ao deixar este animal sen alimento. Está a implantarse un tipo de bosques de monocultivo de eucalipto nos que estes animais non se poden alimentar -ao contrario doutras especies arbóreas coma o castiñeiro ou as do xénero quercus (carballo, sobreira, aciñeira, etc.)-, obrigando os animais buscar a súa supervivencia atacando os cultivos. O SLG apunta finalmente que "a caza non é a solución", pois “non só non contribúe a solucionar os problemas; senón máis ben a agravalos, socializalos e dificultar a súa solución. As competencias de protección da fauna -e da súa xestión- son públicas e administrativas, sen que sexa admisible que a Xunta mire para outro lado”. 

Hai dúas semanas ADEGA presentou un informe sobre a presenza do lobo en Galicia e os prexuízos que causa nas explotacións gandeiras, denunciando que "a desatención da Administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase cebando co lobo".

 

Rosa Basteiro © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.