0 Gardados para despois

Ons absorbe os visitantes que xa non poden acoller as saturadas Illas Cíes

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A finais de agosto Verdegaia denunciou que a Illa de Ons estaba a recibir máis visitantes dos permitidos, debido a que varias navieiras estarían a desviar un gran número de viaxeiros para evitar superar nas Cíes ese máximo fixado de 2.200 persoas diarias e repetir as situacións de saturación que se viviran o pasado verano. A entidade ecoloxista pedía nese momento "desestacionalizar" as visitas ás Cíes e Ons e rachar co modelo de "verán e praia" no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Mentres que as Cíes diminuíron os seus viaxeiros este verán un 2,4%, pasando de 210.359 a 205.168, Ons aumentou un 13% as súas visitas, de 84.247 a 97.362

A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Ana María Díaz, fixo públicos este xoves as cifras de visitantes rexistrados nas Illas Atlánticas nos meses de xuño, xullo e agosto. Os datos reflicten un incremento xeral do 4%, sumando un total de máis de 325.000 viaxeiros entre Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. Porén, mentres que as Cíes diminuíron os seus viaxeiros este verán un 2,4%, pasando de 210.359 a 205.168, Ons aumentou un 13% as súas visitas, de 84.247 a 97.362. 

Agosto foi o único mes no que as Cíes incrementaron os seus rexistros, pasando de 80.225 a 86.828 (+8,23%), é dicir, practicamente rozou o máximo legal diario, fixado en 3.000 persoas (800 acampadas e 2.200 viaxeiros/as nos barcos dende o continente). O borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque prevé mesmo unha limitación a 2.800 persoas diarias (600+2.200) que, de feito, si tería sido superada este mes de agosto, pois a media diaria foi de 2.800,9 visitantes.

Ons disparou a súa cifra de visitantes en xuño (+18,53%), xullo (+6,93%) e sobre todo agosto (+20,8%). O borrador do PRUX, documento que a Xunta prevé aprobar este ano, sitúa en 1.800 visitantes diarios o máximo legal que Ons poderá recibir. En agosto, a cifra oficial de ocupantes da illa proporcionada polo Goberno galego (55.800) supón unha media exacta de 1.800 viaxeiros diarios en cada un dos 31 días do mes. Verdegaia aposta mesmo por unha redución nese límite máximo de visitantes na Illa de Ons, dende as 1.800 persoas previstas no PRUX ata unhas 1.200, para garantir unha correcta protección dos valores naturais do espazo, sobre todo das súas zonas de reserva "nas que ao haber tanta xente e tan pouco persoal do Parque non se pode ter a situación tan controlada". Lembra, ademais, que a capacidade de carga ecolóxica das praias desta illa ascende a 896 persoas/día segundo un estudo de capacidade de carga realizado pola propia Xunta

A finais de setembro celebrarase unha reunión do Padroado do Parque para presentar o texto final do PRUX

A directora xeral de Patrimonio natural avanzou que a finais de setembro se celebrará unha reunión do Padroado do Parque, para presentarlle o texto final do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional. Grupos ecoloxistas levan anos denunciando os atrasos na aprobación deste documento, que debería permitir unha mellora na conservación dos valores naturais do parque e que, denuncian, debería ter sido aprobado hai xa 15 anos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.